A CIG persoarase na causa polo accidente mortal no estaleiro de Blascar
A CIG-Industria quere trasladar todo o seu pesar e solidariedade coas familias e compañeiros/as dos dous traballadores falecidos tras o gravísimo accidente laboral rexistrado no estaleiro de Blascar na Graña (Ferrol). A central nacionalista persoarase como parte na causa aberta por este sinistro e xa mantivo contactos coa Inspección de Traballo para coñecer todos os detalles.
A CIG demanda que se depuren todas as responsabilidades pola morte deste dous traballadores e que se obrigue á empresa Blascar a adoptar as medidas preventivas necesarias para evitar que sucesos desta gravidade se volvan repetir. O secretario da CIG-Industria de Ferrol, Vicente Vidal, denuncia o funcionamento hermético deste estaleiro privado, no que non hai representación sindical, "e no que as medidas de prevención brillan pola súa ausencia".
Apunta que se descoñecen os motivos que provocaron a deflagración no barco no que estaban traballando os dous operarios, pero "dende a CIG xa temos trasladado queixas pola falta de medidas de seguridade neste estaleiro no que teñen acontecido outros incidentes de menor gravidade". Critica tamén que, malia o dramático suceso, "continuouse sen tomar ningunha medida correctora das situacións que provocaron o accidente e seguiuse traballando nas instalacións nos días seguintes, incluso na fin de semana, como se non pasara nada".
Vidal advirte que "cando non se toman as medidas para protexer o persoal e se traballa sen as condicións de seguridade oportunas, as consecuencias son este tipo de accidentes graves". Por iso, a CIG agarda que se aclaren as circunstancias do accidente para que se adopten todas as medidas preventivas necesarias para evitar novos sinistros e insta as administracións competentes a reforzar a Inspección de Traballo para que se incrementen os controis ás empresas e se faga cumprir a lexislación en materia de prevención e saúde laboral.