A CIG participou nos actos do 1º de Maio na Habana e no Encontro Internacional de Solidariedade con Cuba
A CIG participou nas actividades realizadas con motivo do Día Internacional dos Traballadores e Traballadoras na Habana e no Encontro Internacional de Solidariedade con Cuba e o Anti-imperialismo, convidada pola Central de Traballadores e Traballadoras de Cuba (CTC), os seus sindicatos, o Instituto Cubano de Amizade cos Pobos (ICAP) e as organizacións políticas, de masas e sociais.
A 200 anos da Doutrina Monroe, e como homeпахe а José Martí, no 170 aniversario do seu nacemento, o 64 aniversario do triunfo da Revolución cubana, e o legado de Fidel Castro como referencia, nestes actos participaron un total de 1342 representantes de 58 países, cunha presenza destacada este ano de case 300 persoas dos EUA.
Encontro con traballadores e traballadoras
Os actos comezaron o día 29 de abril, co tradicional encontro nun centro de traballo. A representación da CIG estivo na Industria Electrónica Camilo Cienfuegos, unha das empresas punteiras do país, con 443 traballadores/as, que se dedica á produción de electrodomésticos e derivados do plástico para o fogar, apostando por unha produción circular e o uso de enerxías renovábeis.
Nas propias instalacións desta empresa, o sindicato de Industria, SNTI, celebrou un acto de irmandade, homenaxe e recoñecemento á solidariedade e cooperación doutros sindicatos. A CIG recibiu os agasallos correspondentes, da man do secretario nacional da federación de Industria,Xoán Xosé Bouzas (Tupi), que pronunciou unha verbas de agradecemento.
Convivencia coas comunidades nos barrios
A delegación da CIG tamén mantivo un encontro cunha Comunidade en Transformación, neste caso da periferia da capital, cun agarimoso recibimento da veciñanza, moi especialmente das crianzas, que desenvolveron actividades lúdicas e artísticas especiais para ese día.
Cambios na marcha do 1º de Maio
Poucos días antes do Primeiro de Maio, a organización tomou a decisión de suspender a tradicional e multitudinaria marcha desde a Praza da Revolución e organizar unha marcha alternativa no paseo do Malecón, para evitar o amplo dispositivo de mobilización doutros anos debido á carencia de combustíbel. O persistente, criminal e inxusto bloqueo ao que está sometido o país, xunto coa complicada conxuntura internacional que estamos a vivir, incrementa aínda máis as carencias de insumos e bens de primeira necesidade, que a poboación cubana padece nas súas condicións de vida.
As intensas choivas e os fortes ventos sobre a cidade na mañá do 30 de abril, estragaron a infraestrutura preparada para o 1° de Maio, polo que se postergou a celebración da marcha para o día 5 de maio. Como era do agardar, a pesar de todas estas dificultades, o pobo da Habana abarrotou as amplas rúas do malecón, dando unha mostra máis da súa dignidade, orgullo e resistencia diante das adversidades.
As rúas xa se encheron de xente desde a primeira hora da madrugada e ás 7h da maña, cando as primeiras raiolas do sol comezaban a insinuar a calor que traería a xornada, daba comezo o acto de remate da marcha, coas intervencións dunha traballadora da saúde e de Ulises Guilarte, secretario xeral da CTC, e coa presenza das primeiras autoridades, entre elas Raúl Castro e o presidente da República, Miguel Díaz Canel.
Encontro Internacional de Solidariedade con Cuba
Durante a xornada do día 2 tivo lugar o Encontro no que participaron todas as delegacións internacionais convidadas e coa presenza, tamén de diferentes autoridades sindicais e gobernamentais. Destacaron nos seus discursos o secretario xeral, da CTC,Ulises Guilarte, a viceministra de Exteriores, Anayansi Rodríguez Camejo, e o presidente Díaz Canel , que fixo unha paréntese durante o encontro, para saudar a un pequeno grupo de representantes de todas as delegación convidadas, entre os que estaban os representantes da CIG, que lle trasladaron persoalmente toda a solidariedade da central sindical.
Os debates e intervencións xiraron arredor da denuncia do inxusto e criminal bloqueo ao que os Estados Unidos de Norteamérica e outros países occidentais veñen sometendo á illa, e ao inmediato levantamento do mesmo, así como á exclusión de Cuba da lista de países colaboradores co terrorismo. Cómpre lembrar que na última votación que se realizou na ONU con estas peticións, todos os países votaron a favor, agás os EUA e Israel, que votaron en contra, e Ucraína e Brasil (no tempo de Bolsonaro), que se abstiveron.
O encontro rematou coa lectura cunha Declaración Final
Outras actividades
A delegación da CIG tamén mantivo encontro bilaterais con algunhas das organizacións alí presentes, tanto da CTC, como doutros países, así como coa presidenta da Asociación de Amizade Galego-Cubana "Francisco Villamil".