A CIG participou no XV Congreso Extraordinario da CUT Brasil
Coincidindo co seu 34 aniversario, a CUT celebrou o XV Congreso Extraordinario en Sao Paulo baixo o lema “100 anos depois a luta continúa! Nenhun Direito a Menos”, lembrando o centenario da primeira greve geral no Brasil (cunha exposición documental e fotográfica sobre a greve geral de 2017) e os 100 anos da Revolución Rusa (con proxección de material audiovisual sobre o evento). No proceso congresual, que se desenvolveu entre o 28 e o 30 de agosto, abordouse o debate sobre os rumbos que deben tomar no futuro como primeira central sindical do país, con 3.806 sindicatos afiliados, 25 millóns de traballadores/as representados/as, e case 8 millóns de afiliados/as de cota.
O Congreso arrincou coa intervención do seu Presidente Nacional, Vagner Freitas, quen presentou un vídeo de saúdos e loita de todos os traballadores e traballadoras que construíron a historia da maior central sindical da América Latina e quinta do mundo, pasando a iniciar logo as sesións de debates.
A primeira mesa de debate tratou sobre a conxuntura internacional, comezando por análises cualificadas feitas polo embaixador Samuel Pinheiro Guimarães, João Felício -presidente da Confederação Sindical Internacional(CSI)- e o xornalista Luís Nassif.
A segunda mesa versou sobre o debate arredor da resistencia do movemento sindical aos avances do neoliberalismo no mundo, coa participación inicial de Fausto Durante, da Confederación Xeral Italiana do Traballo (CGIL); Hugo Yasky, da Central de Traballadores da Arxentina (CTA); e Víctor Baez, secretario xeral da Confederación Sindical dos Traballadores e das Traballadoras das Américas (CSA).
A terceira mesa abriu o debate sobre a conxuntura nacional actual do Brasil, con Guilherme Boulos (MTST), João Pedro Stédile (MST), Mónica Valente (PT) e Vagner Freitas (CUT).
Un congreso extraordinario para enfrontar unha situación complexa
Posteriormente, e tras cubrir as etapas preparatorias nas distintas rexións e estados do Brasil, tivo lugar a cerimonia oficial de apertura do 15º Congreso, no que se discutiron os documentos e emendas presentadas e que contou coa participación de máis de 720 delegados e delegadas de todo o país, case 100 delegacións internacionais convidadas de 27 países, e representantes de movementos sociais do campo e da cidade, da Frente Brasil Popular e da Frente Povo Sem Medo.
Tamén se rendeu unha emotiva homenaxe, representando os 27 estados, a todas as persoas que entregaron a súa vida (na maioría dos casos de xeito literal, pois foron asasinadas) pola loita dos dereitos da clase traballadora, dos movementos sociais ou das moitas causas e loitas contra a inxustiza, nun país no que se tardou en abolir a escravitude, as culturas son moi diversas, as mulleres padecen aínda máis as inxustizas e o racismo aínda perdura nalgúns sectores importantes da sociedade.
Esta Plenária Estatutaria transformouse en Congreso Extraordinario debido á delicada situación na que se atopa actualmente o Brasil, coa separación do seu cargo da presidenta Dilma Rousseff, lexitimamente elixida polo pobo brasileiro, e a súa substitución por un presidente non electo e ilexítimo á fronte dun goberno que está a desenvolver a unha velocidade vertixinosa todo o seu programa neoliberal e privatizador, no interese das elites, o grande capital e as potencias imperialistas que os apoiaron, e que, curiosamente, fora derrotado nas tres últimas eleccións.
Reverter as agresivas políticas de Témer
O principal obxectivo do Congreso era afrontar o grande desafío que a CUT ten para o 2018, debater cal será o proxecto que vai defender a clase traballadora e a democracia no país, ser os actores sociais e discutir que país é este e que estado deben defender. Tal e como comezou manifestando a secretaria xeral adxunta, María Farias: “precisamos atualizar coletivamente a nossa análise de conjuntura, as estratégias e o plano de lutas, contruindo a unidade com os movimentos sociais para enfrentarmos e lutarmos contra os retrocessos para a classe trabalhadora, em defesa da democracia e por um país mais justo”.
E centrouse moito tamén o debate na necesidade de facer todos os esforzos en apoiar a carreira de Lula pola Presidencia (neste intre están organizando caravanas con ampla resposta popular) e de apoio ao Partido do Trabalho (PT), para reverter a situación actual e frear as políticas agresivas do goberno de Témer, cunha Reforma Trabalhista que lesiona gravemente os dereitos da clase traballadora (aínda máis que a Reforma Laboral española), coa privatización dos principais sectores económicos e recursos naturais do país para poñelas en mans do capital estranxeiro e para poñer en risco a soberanía e independencia do Brasil.
“O ódio que as elites têm do Lula é que o Lula mostrou que a classe trabalhadora não nasceu para ser capacho da burguesia. É por isso que ele é perseguido. Eles querem fazer uma eleição sem o Lula. Eleição sem o Lula é fraude”, afirmou o presidente da CUT, Vagner Freitas.
“Nós fomos chamados para um momento de profunda reflexão sobre o futuro de nossa organização e da nossa luta. Eu tenho certeza que de tudo que vamos aprovar nesse Congresso, tem questões que serão grandes desafios. Um deles é melhorar nossa compreensão da luta de classes”, aseverou Carmen Foro, vicepresidenta nacional da CUT, que continuou dicindo: “nós não podemos em um ambiente de profunda desigualdade, achar absolutamente natural que os jovens negros sejam exterminados nas periferias de nossas cidades. Não podemos achar natural que nos nossos espaços de debate, não se fale da morte da juventude negra, sendo que esta é a maioria da população brasileira”.
Pola súa banda, a presidenta nacional do Partido dos Trabalhadores (PT), Gleisi Hoffmann, lembrou que “durante os 34 anos de sua existência, a CUT se caracterizou pela defesa da classe trabalhadora” e tamén chamou a atención para a defensa das clases máis pobres da poboación. “Nunca tivemos um acirramento da luta de classes como agora. Há um acirramento da retirada de direitos. Em menos de um ano e meio desde que eles deram o golpe, destruíram a CLT e agora estão vendendo o Brasil em um saldão”, rematou dicindo Gleisi.
Solidariedade da CIG
Do mesmo xeito que fixeramos uns día antes coa CTB, desde a CIG, logo de explicar a conxuntura política e laboral na que nos atopamos na Galiza, manifestámoslle toda a nosa solidariedade e apoio para afrontar a dura loita que teñen por diante, tal e como vimos facendo publicamente e en foros internacionais, e tal e como se nos recoñece. E animamos a mobilizar as clases populares na rúa e nas urnas para botar ao actual goberno do poder e recuperar as políticas sociais e de servizo ás clases máis desfavorecidas iniciadas polos gobernos de Lula e Dilma.
Sao Paulo, 31 de agosto de 2017
Dpto. de Relacións Internacionais da CIG