A CIG participou no V Encontro de sindicalistas, conselleiros/as das comunidades e dirixentes asociativos na Europa
Durante a pasada fin de semana, a CIG participou, como convidada, no V Encontro de sindicalistas, conselleiros/as das comunidades e dirixentes asociativos na Europa, organizado polos sindicatos OGB-L de Luxemburgo e a CGTP-IN de Portugal, que se desenvolveu no Centro de Formación e de Seminarios da Cámara de Asalariados, de Remich, Luxemburgo.
Estes encontros, que en edicións anteriores se limitaban ao colectivo de traballadores e traballadoras portugueses na emigración, estendeuse, desde o ano 2012, a outras comunidades de países lusófonos emigradas no espazo europeo. É, precisamente, o importante número de migrantes de todos estes países, e todos os movementos migratorios que se veñen desenvolvendo na Unión Europea, o que impulsou estes encontros, nun contexto de solidariedade sindical internacional.
Un espazo de intercambio de inquedanzas e colaboración entre sindicalistas dos países lusófonos e europeos, movementos asociativos, conselleiros/as das comunidades portuguesas, así como deputados/as e representantes do PS e do PC de Portugal.
Os obxectivos do encontro son:
- Identificar e encontrar as respostas para os principais problemas laborais e sociais das comunidades dos países de lingua portuguesa na Europa.
- Debater sobre a evolución da Unión Europea, particularmente no que ten a ver coas súas políticas migratoria, de relacións exteriores e de cooperación, tendo presentes os plans nacionais de implementación do Pacto Global das Migracións e Asilo.
- Debater as reivindicacións das comunidades lusófonas emigradas en Europa e o reforzo da cooperación e da acción do movemento sindical e das organizacións representativas das comunidades.
Logo do acto de apertura, con intervencións de representantes dos sindicatos OBG-L, de Luxemburgo (Carlos Pereira), da CGTP-IN de Portugal (Joao Barreiros) e da UNTC-CS de Cabo Verde (Joaquina Almeida), e outras personalidades presentes, fíxose a exposición do documento de traballo sobre os movementos migratorios, tanto en Portugal, como na Europa. Un completo estudo estadístico e de análise da situación, presentado por Fernando Gomes, da Comisión Executiva da CGTP-IN.
Logo realizouse unha sesión de debate e traballo por grupos, sobre catro temáticas:
- Cuestións políticas, consulares e asociativas.
- Cuestións sociais e de seguridade social.
- Cuestións culturais e educativas.
- Acción do movemento sindical e eleccións sociais (en Luxemburgo elixen, cada catro anos, unha cámara de representantes para debater e negociar os asuntos laborais).
Na segunda xornada presentáronse as conclusións dos grupos de traballo, abríndose unha quenda para debate, antes da votación final.
Na quenda que se abríu a continuación, interveiu a CIG agradecendo o convite, contextualizando a situación laboral e social no noso país e en Europa, de xeito especial no que ten a ver co numeroso colectivo que está tamén na emigración, e mostrando o interese da central en colaborar, tanto en eventos deste tipo, como en outros proxectos de cooperación, para atender as demandas das persoas galegas na diáspora.
Finalmente, procedeuse ao acto de clausura coas intervencións de Nora Back, Presidenta da OGB-L de Luxemburgo, e Isabel Camarinha, Secretaria Geral da CGTP-IN.
Reunión de Alter Summit en Bruxelaso 13 e 14 de novembro
A continuación de este Encontro en Luxemburgo, a CIG asistiu a unha nova reunión presencial de Alter Summit, que se celebrou en Bruselas, durante os días 13 e 14 de novembro.
Valorouse a complicada situación política e social, tanto nos nosos respectivos países, como a nível europeo e internacional (fíxose unha resolución denunciando o xenocidio de Israel contra Gaza e o pobo palestino), así como as perspectivas de futuro desta plataforma, a súa relación con outras iniciativas semellantes que están a xurdir en Europa (o encontro realizado en Florencia, no seno do Foro Social Europeo), así como a preparación dun encontro para o primeiro semestre do vindeiro ano, en torno ao cambio climático e os procesos de transición xusta.