A CIG participou no V Congreso nacional da UGT do Brasil
Baixo o lema “Democracia, Paz e Trabalho”, desenvolveuse en Sao Paulo o 5º Congreso Nacional da União Geral dos Trabalhadores e Trabalhadoras do Brasil (UGT), durante os días 8 e 9 de maio, ao que a CIG asistiu como convidada.
Un total de 1000 delegados e delegadas participaron deste congreso da que é, na actualidade, a segunda central sindical do Brasil (das 10 existentes), con máis de 1300 sindicatos afiliados, especialmente do sector privado e de servizos, que representan a máis de 10 millóns de traballadores/as.
Na sesión de apertura participaron dous ministros do goberno de Lula -o ministro de Portos e Aeroportos, Marcio França, e o ministro de Traballo, Luís Marinho-, representantes da Confederación Sindical Internacional (CSI), da Confederación Sindical das Américas (CSA), e de UNI Global Union, así como das outras centrais sindicais do Brasil máis representativas: NCT, CTB, CUT e Força Sindical, que deron mostra de que o movemento de apoio a Lula e de rexeitamento ao fascismo de Bolsonaro, provocou a unidade de acción de todas as organizacións sindicais, na defensa da democracia, e dos dereitos laboráis e sindicais.
Cómpre lembrar que, xa desde a era Témer, e logo con Bolsonaro, as organizacións sindicais do Brasil foron vítimas dun ataque frontal que provocou a desaparición de moitos sindicatos e grandes dificultades de subsistencia para os máis fortes e importantes.
Recuperar os dereitos democráticos e laborais
Neste congreso, os debates centráronse, sobre todo, no compromiso de apoio ao presidente Lula, na encomenda de recuperar os dereitos democráticos e laborais para os vindeiros anos, así como o rol que ao país lle corresponde na América Latina, e a nivel internacional. De feito, grande parte do congreso ocupouno o debate sobre as propostas que a UGT levará, a partir do vindeiro día 23 de maio, á negociación que comezará coas patronais e o goberno, da Nova Reforma Trabalhista.
O congreso rematou coa elección dos novos membros da dirección (un número moi elevado e consensuado, ao recoller una ampla representación territorial e de sector), e a reelección do secretario geral, Ricardo Patah.
Seminario internacional
Previamente á celebración do congreso, o día 7 de maio, celebrouse un Seminario Internacional no que participaron todas as organización convidadas e que, baixo o título de “Democracia, Trabalho e Desenvolvemento Soustentábel”, articulouse en tres mesas:
- Democracia: o estado da democracia no Brasil e no mundo.
- O mundo precisa dun novo contrato social.
- Desenvolvemento sustentábel, cambios climáticos e as COP´S. Que pensan os sindicatos sobre isto?
No debate contouse con representantes da propia dirección da UGT do Brasil, da CSA, da ACTRAV/OIT, da CSC de Bélxica, de Solidarity Center AFL-CIO, de UNI Global Union, e de especialistas do mundo universitario, entre quen non se debe deixar de destacar ao profesor Ladislau Dowbor, titular da Pontificia Universidade Católica de Sao Paulo, autor de numerosas publicacións de grande interese, non só polos datos que achegan, senón pola visión que dan, desde o punto de vista ideolóxico, e apostando por alternativas a estas políticas neoliberais.
A CIG tamén aproveitou o encontro para valorar cos sindicatos brasileiros alí presentes, a situación actual da CSPLP e a necesidade de buscar solucións de cara ao futuro que reactiven a súa dinámica e normal funcionamento.