A CIG participou no III Foro Mundial de Dereitos Humanos, celebrado en Bos Aires
Do 20 ao 24 deste mes de marzo, celebrouse en Bos Aires o III Foro Mundial de Dereitos Humanos (FMDH2023), no que a CIG participou, convidada pola central sindical CTA Autónoma da Arxentina. Un Foro, organizado polo Centro Internacional para a Promoción dos Dereitos Humanos CIPDH-UNESCO, coa colaboración de distintos departamentos do goberno arxentino, e que reuniu arredor de 21 mil persoas inscritas, de case 100 países: activistas, representantes políticos, referentes nacionais e internacionais, organizacións sociais e sindicais, ONG, organizacións e personalidades defensoras dos dereitos humanos e da recuperación e reparación da memoria histórica etc.
Durante os días que durou o evento, desenvolvéronse máis de de 1.200 actividades con múltiples intervencións, e marcando un fito histórico, por terse celebrado na Semana da Memoria e no ano no que se conmemoran os 40 anos de democracia ininterrompida na Arxentina, logo da ditadura instalada polo golpe cívico-militar. Precisamente, o foro desenvolverse, entre outras sedes complementarias, no Espazo da Memoria e Dereitos Humanos, hoxe un lugar de denuncia do terrorismo de Estado e transmisión da memoria, nas instalacións do antigo ESMA, a Escola Superior de Mecánica da Armada, onde máis de 5.000 persoas foran encarceradas, torturadas e asasinadas entre 1976 (ano do golpe) e 1983.
O Foro Mundial de Dereitos Humanos é un espazo de debate público sobre os Dereitos Humanos no mundo, os principais avances e retos centrados no respecto ás diferenzas, a participación social e a redución das desigualdades, promovendo a equidade e inclusión social. Está concibido para aproximar e integrar organizacións nacionais, rexionais e internacionais, con compromiso na defensa e vixencia dos Dereitos Humanos.
Baixo esta premisa, e coa participación tamén de figuras destacadas a nivel internacional, fóronse desenvolvendo as actividades, de todo tipo, en torno aos distintos eixos temáticos: xustiza, medio ambiente, comunicación, pobos orixinarios, identidade, ciencia e coñecemento, a terra, a paz, cohesión social, xenofobia e racismo, economía, educación, migración, crimes, mulleres, xénero e diversidades, políticas culturais, infancia, adolescencia e xuventude, persoas maiores, saúde, tortura e degradación, trata de persoas e, por suposto, traballo.
participación sindical na súa organización, ou pola defensa da soberanía dos pobos:
- Dereitos humanos no mundo laboral e tripartismo.
- Dereitos das persoas cesantiadas dos seus postos de traballo durante a ditadura.
- Traballo infantil.
- Declaración na defensa dos dereitos do pobo saharauí.
- Construcción dunha América Latina e do caribe plurinacional.
- A responsabilidade empresarial na represión e xenocidio durante a ditadura arxentina.
Ademais das actividades enmarcadas dentro do Foro, a representación da CIG tamén participou noutras actividades.
25 aniversario da denuncia por xenocidio
Na nova sede da CTA Autónoma realizouse un emotivo acto de aniversario da presentación da denuncia que un grupo de dirixentes da central sindical fixera polos crimes de lesa humanidade cometidos durante a ditadura cívico-militar arxentina, e pola que foron encausados e condenados moitos dos seus responsábeis.
Ademais de render unha merecida homenaxe ás persoas protagonistas daquela iniciativa, tamén contou coa presenza da recoñecida Norita Cortiñas, das Nais da Praza de Maio, rama Fundadora, e cunha exposición fotográfica sobre a súa loita.
Marcha pola Memoria, Verdade e Xustiza
O día 24, coincidindo co aniversario do golpe militar do 76, celebrouse a tradicional marcha, contra o xenocidio que custou a vida a máis de 30.000 persoas. Unha marcha multitudinaria, que encheu as rúas e prazas da cidade de Bos Aires (como outras do país), de xente, de pancartas, de múltiples organización de todo tipo, e de múltiples proclamas que chamaban a manter viva a memoria, a defender a verdade e a esixir xustiza e reparación para todas as vítimas.
Encontro bilateral CTA-A-CIG
Fóra do horario das actividades do foro, mantivéronse reunións bilaterais entre as dúas organización sindicais para seguir fortalecendo as boas relación que tradicionalmente manteñen a CIG e a CTA-A, tanto nos foros internacionais, como na cooperación entre as dúas centrais.
Encontro con representantes da Emigración Galega
Houbo encontros e unha entrevista con representantes da emigración galega en Bos Aires, como Lorena Lores, actriz e cantante galego-arxentina, Secretaria da Federación de Asociacións Galegas da Arxentina (FAGRA) e filla do finado Francisco Lores Mascato, que fora presidente desa entidade e do Museo da Emigración Galega na Arxentina (MEGA). Nela púidose coñecer de preto a realidade presente alá da nosa emigración, e dos miles de persoas que están a sumar toda a súa descendencia.
Dende a CIG emprazouse a intensificar a colaboración mutua, para que esa realidade sexa coñecida e recoñecida no noso país, e tamén para que a xente que está lonxe dende hai anos, coñeza mellor a realidade de Galiza nestes intres.