A CIG participou no Foro Social Mundial celebrado en Salvador de Bahia
Baixo o lema “Resistir é criar, Resistir é transformar”, entre os días 13 e 17 de marzo, celebrouse en Salvador de Bahia unha nova edición do Foro Social Mundial, na que a CIG tamén estivo presente, participando activamente das súas actividades, e aproveitando a estancia no Brasil, para manter diferentes encontros con organizacións sindicais, sociais e políticas. Ademais, a representación da CIG tomou parte en reunións, eventos, charlas e debates, dentro do marco de relacións que a central sindical mantén desde hai tempo cos sindicatos dos países da lusofonía, agrupados arredor da CSPLP, e de xeito moi especial cos de Portugal e Brasil.
A presenza da CIG no FSM serviu, pois, para fortalecer esa colaboración, coñecer de preto a situación pola que está a pasar Brasil, a nivel político, económico, laboral e social, e dar coñecemento a que temos no noso país, intercambiar ideas e propostas de actuación, e coordinar accións conxuntas no ámbito internacional "para facer fronte aos problemas comúns cos que se enfronta a clase traballadora e que cada vez son máis semellantes en todo o planeta", apunta o responsábel de Relacións Internacionais da CIG, Xosé Lois Rivera.
Neste senso, refire as reformas laborais, reformas do sistema público de pensións, privatización dos servizos públicos, recorte de dereitos laborais, precarización, recorte de dereitos civís, represión, perda de soberanía dos pobos, etc.
Das máis de 350 actividades programadas no marco do FSM, a participación da CIG estivo centrada naquelas relacionadas co mundo laboral e organizadas polas propias centrais sindicais. En base a isto, a axenda desenvolvida pola delegación da CIG incluíu:
- Encontro coa dirección do Sindicato dos Bancarios da CTB.
O 12 de marzo, a CIG mantivo un encontro coa Dirección do Sindicato dos Bancarios da CTB e participou nunha charla na que se fixo unha exposición da situación actual do sindicalismo en Europa e se explicou o modelo sindical que practica a CIG na Galiza. Dende a dirección do Sindicato dos Bancarios, amosaron especial interese no modelo institucional neoliberal que representa a propia UE, a escasa resposta existente por parte de moitas organizacións sindicais europeas que seguen apostando polo pacto social e á situación especial que sufrimos na Galiza, como país sen estado, facendo necesaria a loita pola soberanía dentro dun proceso de loita de clases.
Para Rivera, chama a atención neste debate a información “desfigurada” que existe sobre o proceso de Catalunya, "ben pola manipulación dos medios de información das grandes corporacións, ben polas informacións que lles chegaban dos sindicatos e a esquerda española, que o simplificou coma un proceso da burguesía catalá".
Convite a un acto pre-electoral nos locais dos sindicato dos metalúrxicos da CTB o mesmo día 12, para presentar os vindeiros candidatos e candidatas a deputados federais, estaduais e vareadores (municipais) do PC do B.
Participación no acto de apertura do FSM
O día 13 celebrouse o acto de apertura no reitorado da Universidade Federal de Salvador de Bahia (UFSB), presidido polo reitor e coa presenza de distintas personalidades institucionais, profesores e profesoras eméritas, representantes das poboacións indíxenas, etc. No acto institucional foi constante o berro de “Fóra Temer”, así como as críticas en varias das intervencións ao proceso xudicial irregular ao que están sometendo ao expresidente do país e candidato Lula da Silva.
Manifestación de participantes no FSM
Logo da sesión de apertura celebrouse a manifestación tradicional de todas as persoas participantes no Foro, que marchou dende as proximidades do reitorado até a zona máis antiga de Salvador, xa na zona do Pelouriño, con multitude de pancartas e faixas alusivas ás principais problemáticas locais e internacionais.
No decurso da manifestación repetíronse a miúdo consignas sobre o golpe no Brasil, na defensa dos dereitos das mulleres, contra o proceso a Lula, contra o fracquing, contra o imperialismo, contra a Reforma Trabalhista, contra a Reforma da Previdencia, na defensa das poboacións indíxenas e os seus territorios, contra as grandes multinacionais, na defensa do Sahara Occidental, de Palestina, do pobo Curdo e do Mapuche, contra a guerra en Siria, contra o racismo, etc.
Seminario sobre o futuro do traballo organizado pola CUT
A delegación da CIG participou, ao día seguinte, no seminario que o sindicato CUT do Brasil organizou sobre o futuro do traballo, o avance das políticas neoliberais en todo o mundo, os recortes de dereitos laborais e as posíbeis consecuencias no futuro dos avances tecnolóxicos e da chamada industria 4.0, "que afectará á oferta e ás condicións de traballo, se non o remediamos e mudamos as actuais relacións de poder, que as deixan baixo o control do capital", engade Rivera.
Seminario de apoio ao Sahara Occidental
Tamén na tarde do día 14, a CIG a deu unha nova mostra de solidariedade co pobo saharauí, colaborando desta vez coa achega de material e a nosa participación na defensa da súa causa. Na pasada edición do FSM, a CIG fora a encargada de organizar o seminario e convidar convidou á representación da UGTSARIO. No seminario deste 2018, interviñeron o novo Secretario Xeral da UGTSARIO e o responsábel de relacións Internacionais.
Acto de Lula na Asemblea Estadual da Bahia
Na mañá do día 15, a representación da CIG foi convidada a participar nun acto que, baixo o título de “Encontro Internacional Parlamentar no Foro Social Mundial. Novo tempo, novas atitudes”, se desenvolveu na Asemblea Lexislativa do Estado da Bahia (ALBA). Este acto contou contou coa presenza de Lula da Silva, logo de ter un encontro previo coas poboacións indíxenas alí acampadas, así como de diferentes parlamentarios/as estaduais, federais e doutros países de América, Asia e Europa, e o gobernador do Estado da Bahia.
Segundo explica o responsábel de Relacións Internacionais, "o expresidente Lula está a espertar un grande apoio popular en todo o país. É por iso que a mesma dereita golpista que apartou a Dilma, a lexítima Presidenta do país, para poñer a Temer no seu lugar, está a seguir esa campaña da acoso xudicial e mediático, cun proceso xudicial escandalosamente irregular e acusacións sen probas que non pretenden outra cousa que impedir que poida presentarse como candidato ás presidenciais, pois as enquisas danlle un apoio maioritario. Por iso aproveitamos ese acto para trasladarlle ao propio Lula o noso apoio e solidariedade".
Mesa sobre os retos de futuro para as organizacións sindicais
No mesmo senso do debate sobre o futuro do traballo, na tarde do día 15, a CIG asistimos a outra mesa sobre os principais problemas que afrontar as organizacións sindicais e as estratexias que debemos planificar de cara ao futuro, desta vez nos locais do sindicato de servizos da CTB.
"A nosa necesaria asistencia ao congreso da CTA-A na Arxentina fixo que tiveramos que rematar aquí a nosa participación do Fórum Social Mundial do 2018", conclúe Xosé Lois Rivera.