A CIG participou no Festival mundial internacional antifascista "Por un mundo novo"
Coa presenza de máis de 2000 delegados e delegadas de movementos sociais, partidos políticos, organizacións culturais e populares, intelectuais, pobos indíxenas, xuventudes, estudantes, traballadores e traballadoras, mulleres, parlamentarios/as, comunicadores/as e personalidades de 125 países, celebrouse en Caracas o Festival Mundial Internacional Antifascista “Por un Novo Mundo”, durante os días 9, 10 e 11 de xaneiro, no que a CIG participou, formando parte, como poñente, do programa de actividades.
Este encontro é unha continuación dos que se mantiveran en setembro e novembro do pasado ano, nos que se formalizou a constitución da Internacional Antifascista, e a creación de capítulos e equipas promotoras en máis de 77 países, entre eles, o Capítulo Galego Antifascista, presentado oficialmente o pasado día 9 de novembro de 2024, e do que a CIG forma parte. O seu obxectivo é denunciar, combater e articular entre as forzas de esquerda e progresistas, a loita contra o fascismo en todas as súas expresións, para transformar o planeta nun mundo de paz, xustiza, emancipación e respecto pola soberanía dos pobos.
Axenda complementaria
Durante os días 8 e 9 desenvolvéronse actividades dirixidas a traballadores e traballadoras.
Na primeira xornada, baixo o título “A clase obreira resiste e produce”, realizouse un debate crítico e de análise sobre a conxuntura sindical e laboral no contexto global, e marcouse como obxectivo o de estabelecer unha axenda de loita para a articulación de accións e estratexias, no marco das loitas globais pola xustiza social e a resistencia, a través da “Declaración da clase obreira antifascista”. Nesta actividade participaron representantes de traballadores e traballadoras de Venezuela.
A segunda xornada desenvolveuse baixo o título “Resistencia, Sindicalismo e Antifascismo no século XXI" e foi neste debate, onde o programa contemplaba a exposición dunha ponencia por parte de CIG, xunto con outras organizacións internacionais. Esta actividades continuarían no día 13, para debater sobre a “Loita da Clase Obreira contra a oligarquía e o fascismo”.
Toma de posesión do presidente Nicolás Maduro
Na xornada do día 10, todas as delegacións participantes no Festival Internacional, asistiron ao acto posterior á toma de posesión do presidente Nicolás Maduro, proclamado gañador das eleccións realizadas o pasado día 28 de xullo, no que se dirixiu, no Pazo de Miraflores, ás miles de persoas que enchían o recinto, así como todas as rúas próximas.
En contra das informacións difundidas por moitos medios de comunicación, especialmente nos países occidentais, tanto a xornada da investidura como as que lle precederon, desenvolvéronse con total normalidade, a pesar das ameazas da oposición fascista, e a súa principal representante, Corina Machado , que, unha vez máis, fixo un chamamento á violencia, á rebelión das forzas armadas, e montou un espectáculo mediático denunciando nas redes sociais unha detención e secuestro que nunca se produciron, para desviar a atención da escasa resposta que tivo a súa convocatoria para manifestarse nas rúas o día 9.
A verdadeira violencia é a que esa oposición, o imperialismo dos EUA e os seus lacaios europeos e do continente americano, están exercendo sobre Venezuela, a súa soberanía, e o seu pobo. Violencia a través das chamadas á intervención militar (como fixo o expresidente colombiano Uribe), tratando de alterar a orde constitucional e as resolucións das institucións democráticas de Venezuela, coa ameaza de ingresar no país por parte de Edmundo González, acompañado dunha lista de expresidentes de América Latina que se destacaron pola súa xestión represora e corrupta, sometendo a súa poboación ás restricións que provocan as sancións de bloqueo, ou realizando atentados e actos vandálicos contra a súa representación diplomática noutros países, como aconteceu na embaixada de Lisboa ou no Consulado da República Bolivariana de Venezuela en Vigo.
Clausura e resolución final
O día 11 continuou o programa do Festival cunha emotiva homenaxe e chamada de solidariedade co pobo palestino, no que a delegación de Cuba tivo un especial protagonismo, polo seu compromiso histórico coa resistencia deste pobo e a relación de irmandade que quedou reflectida na imaxe final deste acto.
Seguiu a esta actividade un discurso de clausura do presidente, Nicolás Maduro, que enviou un saúdo especial ás persoas participantes, agradeceu a solidariedade desta Internacional Antifascista, e deu as grazas por “ter asistido a esta xornada histórica e inédita”. Asegurou que Venezuela “está en paz, en democracia, en pleno exercicio da soberanía nacional e o pobo avanzando nesta nova etapa”.
No acto, Maduro entregou a condecoración da Orde Bicentenario da Victoria de Ayacucho ás autoridades civís e militares venezolanas que foron sancionados o día anterior por Estados Unidos, a Unión Europea, o Reino Unido e Canadá.
E, na presenza do presidente, deuse lectura á resolución final aprobada previamente, que, en síntese, recolle os seguintes puntos:
“Neste contexto do Festival Internacional, desde a Internacional Antifascista, para este ano, acordamos:
- Seguir avanzando na organización e consolidación dos capítulos da Internacional Antifascista en países, rexións e continentes, para articular as loitas contra o fascismo desde os territorios cara unha plataforma mundial de loita.
- Posta en marcha do “Tanque de Pensamento da Internacional Antifascista” denominada Foro de Caracas. Preparación para convocar no primeiro semestre do 2025 un Grande Encontro Mundial de Tanques de Pensamentos do Sul Global.
- Lanzamento do Campamento de Formación “Sementeiras do Novo Mundo”, unha iniciativa da Escola Mundial aprobada durante o Encontro da mocidade antifascista. Este programa ten como obxectivo formar a mozos e mozas líderes comprometidas coa construción dun novo mundo.
- Encontro Internacional de Escolas de Formación Política do sul global.
- Lanzamento da Internacional Feminista Antifascista.
- Conmemorar o 80° aniversario da derrota do nazismo, como unha oportunidade para reafirmar a loita pola xustiza e a autodeterminación.
- Realizar o Congreso Mundial Antifascista dos Pobos Orixinarios.
- Convocar para o ano 2025 o Encontro Mundial de Xuristas en contra do fascismo, que permita estabelecer estratexias xurídicas para enfrontar o fascismo e as súas expresións similares.
Ao fascismo derrotarémolo de maneira definitiva.”
Área de Relacións Internacionais da CIG
En Caracas, a 12 de xaneiro de 2025