A CIG participou no Encontro sindical internacional organizado pola Central Sandinista de Traballadores/as
Entre os pasados días 15 e 19 de xullo, celebrouse en Managua, capital de Nicaragua, o Encontro sindical internacional organizado pola Central Sandinista de Traballadores/as (CST), no que participou a Confederación Intersindical Galega (CIG), xunto con outras 36 delegacións de máis de 18 organizacións sindicais de diferentes países, procedentes dos continentes africano, europeo e, principalmente, de América.
Segundo manifestou o proprio Secretario Xeral da CST, Pedro Ortega, este encontro organizouse con motivo do 45º aniversario da Revolución Popular Sandinista e co obxectivo de abordar diferentes debates sobre a descolonización, o contexto laboral e social da loita sindical en Europa (neste dous paneis enmarcouse a exposición da CIG), a perspectiva sindical en Centro América, a xeopolítica actual e o seu impacto en América Latina, ou os dereitos laborais, a seguridade social e a migración.
Tamén se abordaron outras cuestións, como a política imperialista dos EEUU contra Cuba, Nicaragua e Venezuela, a situación que atravesa o pobo saharauí, ou o xenocidio que está a sofrir o pobo palestino. Uns debates intensos e con interesantes achegas dos/as representantes das diferentes organizacións que participaron nos mesmos, con pluralidade, mais bastante coincidencia nas análises e formulacións.
Cómpre destacar a presenza, durante todo o encontro, da ministra de Traballo, Alba Luz Torres Briones, e o viceministro de Traballo, Enrique Espinoza Peña, que expuxeron no comezo os logros da Revolución Popular Sandinista en materia de restitución de dereitos sociais, laborais e económicos. Que acompañaron a outras exposicións sobre a importancia da solidariedade internacional e a loita dos pobos, a resposta contra o imperialismo en Nicaragua, ou unha exposición sobre a vida de Sandino.
O acto de clausura correu a cargo de Ovidio Reyes, presidente do Banco Central de Nicaragua (BCN) en representación do Goberno de Reconciliación e Unidade Nacional e do FSLN, ao que seguiu a lectura de varias resolucións: unha de solidariedade coa Revolución nicaragüense, unha declaración coas conclusións do Encontro (en arquivo adxundo), e outra de solidariedade co pobo palestino e o pobo saharauí.
Na intervención final, Pedro Ortega agradeceu o “apoio de todas as delegacións asistentes ao encontro á Revolución Sandinista e o Goberno de Reconciliación e Unidade Nacional, logo de poder comprobar que en Nicaragua existe verdadeira liberdade sindical, dereito de negociación colectiva, educación gratuíta, traballo cooperativo, facilidades de acceso á vivenda, e outras medidas que pretenden favorecer ás clases máis pobres”.
Visita á empresa autoxestionada e á cooperativa de vivendas
Enmarcado no programa, tamén se fixo unha visita á empresa DELMOR, de fabricación de embutidos, autoxestionada polos traballadores e traballadoras, logo de que a empresa propietaria se desentendera dela.
Fíxose outra visita a unha urbanización dun dos distritos de Managua xestionada por unha cooperativa de vivendas, no que se estaba a proceder á entrega de 2.500 vivendas a outras tantas familias, cos servizos públicos correspondentes (escolas, centro de saúde, parque de bombeiros, policía, etc.) e cunhas condicións de acceso ao alcance das clases populares, podendo ter a vivenda en propiedade en varios anos, con cotas mensuais moi reducidas.
Actos de conmemoración do 45 aniversario da Revolución
Na xornada do día 19, as delegacións participaron nos actos conmemorativos que se desenvolveron na Praza da Revolución, cunha fermosa posta en escea, a participación multitudinaria da poboación, especialmente xente nova, actuacións musicais e de danzas populares, e con intervencións das diferentes delegacións dos países convidados, e o remate a cargo do presidente Daniel Ortega.
A CIG agradece á xente da CST o trato que dispensado durante a estancia, as facilidades para coñecer a realidade de Nicaragua, que desminten as novas que nos chegan polos medios de comunicación occidentais, e a boa organización do evento e as actividades que levaba emparelladas.
En Managua, a 20 de xullo, de 2024
Dpto. de Relacións Internacionais da CIG