A CIG participou no 4º Congreso da federación de Industria da CGTP-IN celebrado en Setúbal
Unha delegación da federación de Industria da CIG participou no 4º Congreso da Fiequimetal-CGTP-IN celebrado este venres na localidade portuguesa de Palmela baixo o lema 'Unidade e loita, valorizar os trabalhadores'. A central estivo representada tamén no encontro internacional previo que tivo lugar onte na cidade de Setúbal arredor da industria 4.0 e da transición enerxética.
O secretario nacional da CIG-Industria, Xoán Xosé Bouzas, e o membro da executiva nacional da federación e secretario da sección sindical da CIG en Citroën, Manuel Domínguez, estiveron presentes no 4º Congreso da Federação Intersindical das Indústrias Metalúrgicas, Químicas, Eléctricas, Farmacêutica, Celulose, Papel, Gráfica, Imprensa, Energia e Minas (Fiequimetal) da CGTP-IN, no que participaron preto de 300 delegados/as e varias decenas de delegacións estranxeiras.
Durante o encontro analizouse a actividade sindical da Fiequimetal dende o anterior Congreso, escolleuse a nova executiva da federación e abordouse a acción sindical orientada á defensa dos intereses, dereitos e aspiracións da clase traballadora. O secretario xeral da CGTP-IN, Arménio Carlos, foi o encargado de pechar a xornada.
Encontro internacional
A CIG-Industria tamén tomou parte no encontro internacional celebrado onte na cidade de Setúbal arredor da industria 4.0 e da transición enerxética, no que a defensa do emprego, dos dereitos da clase traballadora e da soberanía dos países tivo un papel central na orde do día. Neste encontro participaron delegacións sindicais de Cuba, Brasil, Euskal Herria, Portugal, Francia, Alemaña, Polonia, Italia ou Inglaterra.
Segundo explica o secretario nacional da federación, durante a xornada abordáronse os efectos desta nova realidade económica e laboral sobre os traballadores/as da industria, o desenvolvemento tecnolóxico no emprego, a situación nos diferentes países -especialmente o impacto no mundo do traballo e nos dereitos dos traballadores/as- e as estratexias sindicais para organizar a clase traballadora e dar respostas a este novo desafío.
Tamén se tratou a cuestión da transición enerxética e o seu impacto no mundo do traballo. O peche de plantas de carbón, o reemprazo de combustíbeis fósiles, a creación e distribución dos novos combustíbeis (gas, solar, electricidade, hidróxeno, biocombustíbeis, etc), a situación nos diferentes países, o impacto no emprego e nos dereitos dos traballadores. “Ao mesmo tempo, definíronse as estratexias a seguir e as loitas que temos que dar para enfrontar estes novos retos”.