A CIG participou no 14 Congreso da CUT do Brasil
Durante os pasados días 19, 20, 21 e 22 de outubro, celebrouse en Sao Paulo o 14º Congreso da CUT do Brasil baixo o lema: “Luta, dereitos e democracia que trasforman vidas”, e que coincide co 40º aniversario da súa creación. As actividades comezaron con anterioridade, pois os día 17 e 18 celebrouse o “III Fórum Sindical Internacional para unha Transición Social e Ecolóxica”, organizado pola propria CUT e TUED (Sindicatos pola Enerxía Democrática) e coa colaboración de KCTU (Confederación de sindicatos de Corea) e a CGT de Francia. O día 19 tivo lugar o Seminario Internacional “Democracia, Traballo e combate á extrema dereita”.
Con máis de 2.000 delegados e delegadas ao Congreso, a presenza de representantes institucionais (como o ministro de Traballo, Luiz Marinho), da OIT, do resto dos sindicatos representativos do Brasil, e 156 convidados/as de delegacións sindicais de todo o mundo, desenvolveuse un congreso multitudinario, cun amplo e intenso debate sobre os retos que a CUT terá que afrontar no futuro para contribuír a consolidar os trocos iniciados coa nova presidencia de Lula, e axudar a poñer en marcha todas as mudanzas precisas para recuperar os dereitos que foron furtados polos sucesivos gobernos de Témer e, especialmente, do fascista Bolsonaro.
A CUT, coa chamada feita ao resto de sindicatos, tentará intensificar o traballo e a mobilización social nestes vindeiros anos, como apoio ás novas políticas de Lula, e para contribuír ao desmantelamento da herdanza de Bolsonaro, e a tensión que ten provocado na poboación brasileira, co xurdimento de movementos violentos de ultradereita e unha grande polarización no país.
De feito, unha das resolucións tomadas neste congreso foi a de organizar unha grande mobilización a Brasilia, reivindicando a posta en marcha das reformas paralizadas pola dereita, e a defensa dos dereitos laborais, democráticos e colectivos. Unha grande mobilización a celebrar no primeiro semestre do 2024.
Durante o congreso tamén se celebraron actos de solidariedade co pobo palestino (aprobando unha resolución ao respecto), e de apoio á candidatura de Massa, e contra Milei, nas eleccións de Arxentina.
Celebrado o proceso de elección das persoas que formarán parte dos novos organismos, no que Sérgio Nobre resultou reelecto como presidente, e con catro novas secretarias: Economia Solidária; LGBTQIA+, Transporte e Logística e das Pessoas Aposentadas, Pensionistas e Idosas; tiveron lugar as homenaxes a líderes destacados, como Luiz Gushiken, e algunhas intervencións das delegacións convidadas, entre elas a CIG.
Na súa intervención, o responsábel de Relacións Interncionais da CIG, Xosé Lois Rivera, manifestou a vontade de seguir mantendo os vínculos de amizade e colaboración entre as dúas organizacións, ben dentro da CSPLP, como na cooperación e solidariedade, que xa viñemos mostrando durante as campañas de apoio a Lula, contra o golpe a Dilma e contra Témer e Bolsonaro.
Reiterouse a necesidade de solidariedade con Palestina e co Sáhara, e a CIG fixo un chamamento á posta en marcha de novas estratexias sindicais de mobilización social diante da grave situación que estamos a atravesar, de avance e aceleración do capitalismo neoliberal, que recorta dereitos e salarios e implanta precariedade, recurtes democráticos, desigualdade e pobreza. Así mesmo Rivera fixo un chamamento a coordenar esta necesaria loita a nível internacional, para loitar contra o neoliberalismo e o imperialismo, na defensa dos dereitos laborais e da soberanía dos pobos.
III Fórum Sindical Internacional para unha Transición Social e Ecolóxica
Duranten dous días, e repartido en diferentes paneis e debates, discutíuse sobre as alternativas que, desde a perspectiva sindical, se deben formular para unha verdadeira transición xusta, que faga compatíbel a busca de novas alternativas enerxéticas, máis limpas, de xestión pública, que respecte a soberanía dos pobos, e para a construción de sociedades máis xustas e igualitarias, coa necesaria busca de alternativas e solucións para as zonas afectadas polos trocos e as persoas que as habitan, especialmente as e os traballadores afectados.
Posteriormente, as organizacións que forman parte de TUED, quedaron emprazadas a dúas próximas reunións: unha en Bogotá, e outra en Bos Aires, xa para o ano que vén.
Seminario Internacional “Democracia, Traballo e combate á extrema dereita”
Durante a xornada de mañá do día 19, desenvolveuse un seminario internacional, que analizou o avance do fascismo no mundo e as posíbeis alternativas que a formular desde o mundo sindical.