A CIG participou na misión organizada pola delegación saharauí e a SOGAPS no campamento de Tinduf
O pasado día 23 de febreiro partía para Tinduf o grupo de persoas, entre as que estaban representantes institucionais e de diferentes organizacións, que, baixo a organización da delegación do Sáhara Occidental en Galiza e a asociación SOGAPS, permaneceu até o día 20 nos campamentos de refuxiados e refuxiadas saharauís. Nesa delegación participou, en representación da CIG, o responsábel de Relacións Internacionais do sindicato, Xosé Lois Rivera.
Explica que durante toda a semana se mantiveron múltiples encontros, en Bojador, Rabouni e Samara, tanto con responsábeis do goberno da RASD e o Fronte Polisaria, como con outro tipo de entidades, asociacións, axentes de cooperación, centros sanitarios, educativos etc. E, no caso da CIG, tamén houbo un encontro bilateral coa UGTSARIO.
Así, puidéronse cambiar impresións co presidente da RASD, Brahim Gali, co Primeiro Ministro, Hamudi Bucharaya Beyun, co presidente do Parlamento Saharauí, Hamma Salama, coas gobernadoras das Wilayas de Bojador, Ezza Babeh e de Samara, Mariam Salek Hmada, coa ministra de Sanidade, Jira Bulahi Bad, a ministra de Cooperación, Fatma Mehdi, e o director xeral de Equipamento.
A delegación visitou tamén varios hospitais e centros educativos, entre eles o centro Simón Bolivar, posto en marcha polo goberno de Chávez e xestionado coa colaboración de profesorado achegado polo Goberno de Cuba. Visitouse un centro de atención a alumnado con discapacidades, asociacións de mutilados/as pola guerra, especialmente polas minas persoais, as instalacións da Media Lúa Vermella Saharauí, o Museo da Resistencia, e a Comisión Saharauí de Defensa dos Dereitos Humanos.
O encontro, indica Xosé Lois Rivera, serviu para "ratificar a disposición a manter as boas relacións de amizade e colaboración que os dous sindicatos teñen desde hai anos, e reiteramos a nosa solidariedade, tanto por parte da CIG, como da clase traballadora galega en xeral, que sempre manifestou maioritariamente a súa comprensión e apoio pola súa causa".
A CIG reafirma o compromiso cos dereitos do pobo saharauí
Púidose participar no Foro Mundial de Solidariedade coa Xuventude Saharauí e visitar o Centro de Galiza e no novo consultorio médico “Valeriano Martínez”, postos en marcha coa colaboración da Xunta de Galiza, e atendido durante eses días por unha Comisión Sanitaria Galega, integrada por cinco traballadoras galegas voluntarias.
Coñecer a situación nos campamentos
Todos estes encontros e visitas, explica Rivera, "axudáronos a ter unha completa perspectiva da situación nos campamentos a nivel social e económico, da estrutura organizativa coa que está a traballar o goberno da RASD (a pesar das grandes carencias de medios que teñen), e da situación actual política e diplomática, sobre todo desde a volta ao conflito bélico, tanto a nivel local e rexional, como a nivel internacional".
A CIG quere trasladar o agradecemento ao delegado do Sáhara Occidental en Galiza, Mohamed Zerga, e á SOGAPS, a través da súa presidenta, Maite Isla, polas xestións que fixeron posíbeis todos estes encontros.
Encontro coa UGTSARIO
Na reunión que a CIG mantivo coa UGTSARIO tomouse contacto con algunhas das persoas que forman parte da nova dirección, saída do seu último congreso, celebrado en decembro, e ao que a central nacionalista non puido asistir polas dificultades que a pandemia provocou para dispor de voos desde o noso país. Entre os membros da dirección estaba o novo responsábel de Relacións Internacionais, Mani Yacub, en substitución de Kasisa Cherif, que seguirá en labores de asesoramento e que participou tamén na reunión.
Após desta paréntese causada pola pandemia, que limitou as accións presenciais en diferentes foros internacionais, a CIG comprometeuse a retomar as diversas actividades que poidan contribuír á solución dos problemas que os traballadores e traballadoras saharauís están a padecer, e que pasan, ineludiblemente, pola consecución da súa soberanía como pobo e no seu territorio.
Actividades que, ao que se viña facendo, desenvolveranse en diferentes frontes e de distintas formas:
- No noso país, tanto a nivel institucional, como nas relacións coa delegación Saharauí en Galiza, con SOGAPS, e con outras organizacións e movementos sociais, para reclamar o cumprimento das resolucións internacionais, e organizando mobilizacións de apoio e denuncia de todas as agresións que o pobo saharauí está a sufrir por parte do Reino de Marrocos.
- Diante do Goberno do Estado español, que como potencia administradora ten unha responsabilidade máxima na resolución do conflito,
- Presionando diante da Unión Europea e solicitando o inmediato cumprimento das sentenzas que o Tribunal de Xustiza Europeo leva ditado contra o acordo comercial con Marrocos, para que sexan respectados os recursos do Sáhara Occidental e a obrigada interlocución da Fronte Polisaria en calquera negociación sobre os mesmos.
- Presionando os organismos internacionais, nomeadamente á ONU, para que cumpra as súas resolución, e poña en marcha, dunha vez por todas, o referendo de autodeterminación, para o que se creou a MINURSO.
- Participando nos foros internacionais de apoio ao Sáhara, tanto sindicais como con outras organizacións políticas e sociais, como o EUCOCO.
- Emprazando a UGTSARIO a organizar coa CIG algún programa de cooperación, ao abeiro da convocatoria pública do Congacode (Consello Galego de Cooperación e Desenvolvemento no Exterior).
Como reflexión final sobre esta misión, apunta o responsábel de Internacional, a CIG valora moi positivamente todas as accións de axuda e cooperación co pobo saharauí, diante dunha situación difícil nos campamentos, que se vén prolongando xa por máis de 46 anos. Son de agradecer todas as iniciativas feitas neste senso, tanto a nivel individual, como as feitas por institucións, partidos políticos ou outras entidades.
Pero, máis aló das axudas de tipo material e de recursos que melloren algo as duras condicións da poboación saharauí nos campamentos (que tamén é necesaria), "na CIG queremos poñer por diante a axuda para que se faga xustiza con este pobo, algo que ten que vir pola vía política. O que de verdade precisa o pobo saharauí é que se lle recoñeza o su dereito de autodeterminación e que poida vivir en paz na súa terra. Pedimos pois coherencia a esas organizacións que participan activa e directamente na cooperación, mais non toman as decisións que axuden a resolver a situación, cando asumen responsabilidades de goberno".