A CIG participou na I Conferencia Internacional Antifascista en Porto Alegre

Internacional - 06 Abr 2026

Entre o 26 e o 29 de marzo celebrouse en Porto Alegre (Rio Grande do Sul, Brasil) a I Conferência Internacional Antifascista pela Soberania dos Povos, baixo a organización de máis de 100 entidades políticas, sindicais e sociais do Brasil, que realizaron un chamamento á mobilización e ao debate ante un contexto nacional e internacional marcado pola presenza significativa da extrema dereita e do fascismo na sociedade e nas esferas institucionais co apoio do capital.

O desenvolvemento da conferencia, que contou con máis de 3.000 adhesións, entre as que se encontraba unha delegación galega con presenza da CIG, tivo como eixo fundamental situar un proceso de construción internacional unitaria por outro mundo posíbel, para responder aos desafíos que a humanidade e os pobos enfrontan, así como a finalidade de debater a axenda política da solidariedade entre pobos, da defensa dos dereitos sociais, do medio ambiente, que permita oporse a todas as formas de explotación, de xenofobia e a calquera opresión.

Con este fin, a programación contou cunha proposta de 10 conferencias e con cerca de 200 actividades autoxestionadas. Nomeadamente, análises sobre o contexto de reemerxencia do fascismo, o caso de Arxentina co goberno de Milei, a loita sindical fronte ao neoliberalismo e ao fascismo, a ameaza da ultradereita no Brasil, a solidariedade internacionalista e o antiimperialismo, a resistencia ao xenocidio en Palestina, a loita ecoloxista fronte ao negacionismo climático, o papel do feminismo, do antirracismo e da educación e tecnoloxía, ou as alternativas democráticas.

A representación da CIG formou parte da mesa de debate sobre A Contribución dos Dereitos Colectivos dos Pobos á loita global contra o fascismo, xunto con outras organizacións e representantes políticos e sindicais do Estado Español e do Quebec, a fin de abordar as loitas pola autodeterminación no Norte Global e a súa contribución ao antiimperialismo e ao antifascismo no mundo.

Desenvolvéronse outras actividades como a Marcha de Abertura da Conferencia, unha mobilización multitudinaria pola cidade de Porto Alegre o día 26 de marzo, ou, xa na xornada de peche o 29 de marzo, a celebración dunha asemblea xeral para a aprobación da Carta de Porto Alegre. Neste manifesto atácase o fascismo como resposta das potencias imperialistas ante a profunda crise que vive o capitalismo imperialista, coa aplicación de políticas neoliberais, a acometida de agresións militares e os procesos de recolonización. Alén disto, destácase o papel das forzas que combaten desde a diversidade o ascenso da extrema dereita e do fascismo en resposta ao propio contexto, así como tamén a súa necesaria articulación internacional nunha mesma loita.

A CIG, en coherencia cos principios de loita antiimperialista e contra o capital que a definen, pon en valor esta iniciativa que abre o camiño de alianzas internacionais fronte a actual ofensiva do capitalismo imperialista que se está a desenvolver contra a clase traballadora e contra a soberanía dos pobos.

» CARTA DE PORTOALEGRE