
A CIG participou na concentración deste luns para esixirlle á Xunta un sistema público de atención á dependencia

A CIG participou na concentración realizada este luns en Compostela en defensa dun sistema público de atención ás persoas dependentes. A protesta desenvolveuse diante do complexo administrativo de San Caetano e durante a mesma esixíuselle á Xunta de Galiza que reverta as modificacións introducidas na Lei de acompañamento dos orzamentos porque recortan os dereitos dos galegos e as galegas aos servizos sociais.

No decurso da mobilización alertouse que, dende o mes de xaneiro, as solicitudes de dependencia e discapacidade están unificadas, eliminando as valoracións profesionais e convertendo este trámite nun acto administrativo. Ademais, as solicitudes poderanas facer as persoas usuarias ou entidades de carácter lucrativo "provocando a desigualdade no acceso aos recursos".
Estas mudanzas, criticouse, supoñen afondar na privatización do servizos sociais e tomáronse sen consultar co Consello Galego de Benestar Social, ao que a Xunta aproveita para deixar sen competencias.
Máis orzamentos, persoal e servizos públicos
A CIG, que apoiou a convocatoria desta mobilización, leva anos reclamándolle á Xunta de Galiza que consigne os orzamentos suficientes para abordar as graves carencia existentes en dependencia e atención a persoas maiores, reverta as privatizacións dos servizos, reforce os equipos de valoración para axilizar os recoñecementos e amplíe o número de prazas e centros públicos.

Con obxectivo de garantir unha atención digna, a CIG promoveu no ano 2021 unha Proposición Non de Lei de Iniciativa Popular para a creación dun Sistema Público Galego de Servizos de Atención ás Persoas que aglutinara os diferentes servizos e centros, con xestión directa, orzamentos adecuados e unha mellora nas condicións laborais do persoal. Pero esta proposta foi rexeitada pola maioría absoluta do PP no Parlamento galego, alegando que non se pode deixar de lado á empresa privada no sector dos coidados.
De xeito paralelo ás campañas de carácter confederal, o Colectivo de persoas xubiladas e pensionistas da CIG mobilízase de xeito periódico en defensa dunha atención á dependencia e ás persoas maiores digna e para demandar recursos e servizos suficientes prestados dende o público.

Campaña polo SAF
Precisamente para o mes de febreiro, o colectivo acordou iniciar unha campaña específica sobre as deficiencias do Servizo de Axuda no Fogar, demandando a prestación directa por parte da Xunta e que se incrementen os orzamentos destinados a este servizo para garantir unha atención de calidade e unhas condicións laborais dignas, e que se cubra toda a demanda que existe actualmente desta prestación social.