A CIG participou na concentración de apoio ao Sáhara Occidental realizada en Compostela
Convocada pola Delegación do Sáhara Occidental en Galiza e SOGAPS, este domingo 28 de xullo realizouse na Praza do Obradoiro de Compostela unha concentración de apoio ao Sáhara Occidental, na que participou unha representación da CIG. Ademais de dar a benvida a todos os nenos e todas as nenas que están a pasar aquí as súas vacacións, dentro do programa organizado por SOGAPS, e ás familias que os/as acollen, a CIG reitera a solidariedade coa causa do pobo saharauí e quere denunciar unha vez máis a pasividade e o silenzo da comunidade internacional diante das constantes violacións dos dereitos humanos por parte do Goberno de Marrocos.
Unha actitude cómplice, como a do Goberno do Estado español, que nos últimos anos aínda estreitou máis as súas relacións con Marrocos e que vén deixando á súa excolonia no total esquecemento. Mais tamén a hipocrisía da propia UE, que segue para adiante cos acordos comerciais co Reino de Marrocos a conta dos recursos do Sáhara Occidental, malia que xa existen sentenzas do Tribunal Europeo que confirman o incumprimento do Dereito Internacional.
Por iso, dende a CIG reclámase a inmediata solución do conflito, que non pode pasar por outra saída que dar cumprimento ás resolucións da ONU e celebrar o referendo de autodeterminación que permita ao pobo saharauí ser dono do seu destino.
Desde a CIG temos colaborado co pobo saharauí e, de xeito especial, coa UGTSARIO, en moitas frontes, tanto de cooperación, como de difusión e demanda da resolución do seu conflito a nivel internacional, e seguiremos a manifestar a nosa solidariedade mentres non se faga xustiza.