A CIG participou da constitución da Asemblea Internacional dos Pobos celebrada en Caracas
Desde o pasado día 23 de febreiro até o día 28, e baixo o lema “En loita pola paz, a igualdade e a soberanía popular”, tivo lugar en Caracas a constitución formal da Asemblea Internacional dos Pobos (AIP), formando a CIG parte das 463 representacións de distintas organizacións de 90 países dos cinco continentes, que asistiron ao evento.
A Asemblea, que foi precedida dun encontro de xente moza da Brigada Internacionalista “Che Guevara”, tenta ser un proceso continuo de articulación internacional de organizacións populares, con raíces nas loitas anti-neoliberais da década de 1990 que xeraron na América Latina procesos como o Foro Social Mundial e ALBA Movementos, e que agora dá un paso máis alá do continente americano.
Nos últimos anos veuse ampliando o diálogo entre diferentes organizacións do norte de América, do continente africano, da rexión árabe, e de diferentes países de Europa e Asia. En cada unha desas rexións realizáronse os procesos de articulación e formación política para debater o internacionalismo e as loitas dos nosos pobos. "Nesta construción reafirmámonos nunha plataforma política baseada na unidade de acción, o antiimperialismo, anticapitalismo, anticolonialismo, anti-latifundismo, anti-patriarcado. antirracismo e antimilitarismo".
Os obxectivos cos que se iniciou este encontro e as distintas actividades desenvolvidas son os seguintes:
1º) Realizar unha análise da dinámica global do imperialismo fronte á actual crise estrutural do capitalismo e os seus impactos nos pobos e a clase traballadora.
2º) Identificar os retos para a construción do internacionalismo cara á integración dos pobos, fronte a este contexto.
3º) Reafirmar o carácter, os principios, a plataforma política e a estrutura orgánica da “Articulación internacional de movementos e organizacións dos pobos”.
4º) Construír un Plano de acción da articulación que considere unha axenda de loitas común; accións internacionalistas e de solidariedade; a articulación de procesos de comunicación popular e de formación política.
A crise do capitalismo e os trocos no sistema
Na Asemblea evidenciouse que o capitalismo vive unha crise prolongada que se expresa en trocos profundos do sistema. "A crise económica iniciada no 2008 non ten perspectivas de solución e, así, asistimos ao aumento das taxas de desemprego, os traballos precarios, as violentas guerras rexionais e a un proceso de destrución ambiental insán e irracional".
Para asegurar a súa supervivencia e reprodución, o sistema capitalista busca alternativas e non dubida en adoptar políticas violentas e autoritarias. "Como resultado, asistimos a unha humanidade organizada socialmente na barbarie, nos valores do individualismo e o consumismo, que despreza os valores humanistas, a solidariedade e o internacionalismo (fronte á globalización). Tamén sabemos que este capitalismo non vai morrer de norte natural, vítima das súas propias contradicións. É por iso necesario organizarse e articular loitas democráticas e revolucionarias dos pobos, para derrotalo e rescatar os ideais de emancipación humana e social".
Así, a partir de esta análise, co punto de mira posto nos obxectivos marcados, e baixo os principios explicados, as organizacións e movementos reunidos nesta Asemblea queren unificar as clases traballadoras de todo o mundo, para facerlle fronte ao capital e o imperialismo.
Actividades diversas
Con estas ideas desenvolvéronse as actividades todos eses días, con debates en plenario, debates rexionais, intervencións de distintos/as activistas mundiais : Joao Pedro Stedile, do Movemento dos Sen Terra do Brasil (MST), o verdadeiro artífice desta iniciativa, Vijai Prashad, da India, Vashna Jagarnath, de Sudáfrica, Claudia de la Cruz, de EEUU., etc; intervencións de representantes do Goberno da República Bolivariana de Venezuela, como a Vicepresidenta, Delcy Rodríguez e o Presidente lexítimo, Nicolás Maduro; Actividades culturais, representacións teatrais, actuacións musicais, visitas ás barriadas autoorganizadas e autoxestionadas de Caracas, visita ao Cuartel de la Montaña e a tumba de Chávez, etc.
Actividades que se centraron en manifestar a solidariedade co pobo venezolano, contra as intencións golpistas e inxerencistas dos EEUU. e os seus aliados na rexión, e polo respecto á soberanía do pobo, que ten dereito a decidir o seu futuro, como xa o está a facer de forma democrática e pacífica, e sen presidentes autoproclamados e impostos por quen ten outro tipo de intereses, centrados nos recursos petroleiros do país.
Como resultado de todo o traballo desenvolvido aprobáronse diferentes documentos nesta primeira reunión da Asemblea Internacional dos Pobos, a respecto de:
1.- Manifesto de Solidariedade con Venezuela.
2.- Carta de solidariedade cos pobos en loita.
3.- Declaración política da Brigada Internacionalista “Che Guevara”.
4.- Carta da Asemblea Internacional dos Pobos aos/ás militantes e activistas sociais e políticos/as do mundo.
5.- Plano de traballo e cronoloxía de loitas e actividades.
6.- Campaña Internacional pola Paz e a Soberanía en Venezuela.
7.- Manifesto da Rede Europea de apoio á Revolución Bolivariana, na que a CIG tamén participa.
A Coruña, a 12 de marzo de 2019
Dpto. de Relacións Internacionais.