A CIG participou como observadora no referendo constitucional de Chile
A CIG participou como observadora no plebiscito constitucional que celebrado en Chile o pasado domingo 4 de setembro, convidada pola CUT. O representante da central nacionalista, Xosé Lois Rivera Jácome, responsábel de Relacións Internacionais, tamén participou nas actividades previas organizadas arredor do referendo. A seguir reproducimos a crónica elaborada polo noso compañeiro sobre o proceso constituínte, o plebiscito e o seu resultado.
Alén das valoracións que se poidan facer sobre o texto da nova constitución que se someteu a referendo este pasado día 4 de setembro en Chile (ao noso xuízo, bastante mellorábel), e do resultado final do mesmo, no que gañou por unha ampla marxe o “Rechazo” (61,8%) fronte ao “Apruebo” (38,2%), a CIG non podía faltar ao convite da CUT Chile para participar como observadora e, desde o máximo respecto polas súas decisións e traballo, apoiar a campaña para rematar cunha constitución que procede da ditadura de Pinochet.
E tamén polo respecto que nos merece o pobo chileno e as persoas e colectivos que, coa súa loita e contra unha resposta de grande represión, iniciaron o estoupido social que provocou todo este proceso, e que encheron as rúas de Santiago o pasado día 1 de setembro, con máis de medio millón de persoas, partidos políticos, organizacións sindicais, innumerábeis organizacións socias, estudantes, intelectuais, artistas etc. Nun clima vibrante de emoción e resposta conxunta, no desexo de ir desterrando os vestixios do fascismo e provocar un cambio no modelo social chileno, e no que ten a ver cos dereitos humanos e civís, ameazados nas últimas décadas polas institucións herdeiras da ditadura, comezando polo corpo de carabineiros.
Serán as organizacións que impulsaron este proceso as que teñan que facer unha análise precisa deste resultado e buscar a mellor estratexia para reconducir ese proceso constitucional. O que non nos cabe dúbida é que seguirán loitando e que, vista a resposta nas rúas dun amplísimo sector social mobilizado, teñen as condicións para facelo.
As bágoas que todas e todos botamos ao escoitar a voz entrecortada de Gustavo Gatica, e todas as persoas que coma el ou como Fabiola Campillai (agora senadora), perderon os ollos polos disparos dos “pacos” (como lles chaman aos carabineiros), ou sufriron outro tipo de mutilacións e até perderon a propia vida, non poden caer en terreo árido, e deben servir para regar todas esas conciencias ás que non se lles pode decepcionar. Como tampouco se lles debe fallar a todas esas persoas que aínda permanecen na cadea, detidas durante a revolta.
Supomos que son múltiples as razóns dese resultado adverso: a campaña mediática e de mentiras da dereita, o traballo manipulador dos medios de comunicación e as enquisas, a discrepancia dalgunhas organizacións de esquerda, que pediron rexeitar o novo texto, a falla de convencemento dalgunhas das organizacións que, aínda sumándose á campaña do “Apruebo”, non estaban moi satisfeitas co resultado final, a falla de comunicación dos membros da Asemblea Constituinte durante a elaboración da proposta cos movementos sociais, ou a ausencia dun profundo proceso informativo e, sobre todo, explicativo, dos trocos que introducía ese novo texto.
O pobo chileno manifestouse claramente, no anterior plebiscito, a favor dunha nova constitución. Tamén se manifestou claramente nas últimas eleccións políticas. Así pois, o resultado deste plebiscito debe facer reflexionar sobre como corrixir os posíbeis erros na redacción desa nova constitución, ou nos métodos para levala a cabo. Pero, ao noso xuízo, non sería unha lectura axeitada considerar que o xiro debe ser cara a dereita ou o centro, como parece intuírse do discurso e os trocos feitos no seu goberno, polo presidente Gabriel Boric.
Ben polo contrario, dende a nosa humilde opinión sería preciso perfeccionar aqueles aspectos que poidan consolidar cambios profundos no que atinxe aos dereitos sociais e cívicos: laborais e sindicais, da saúde, da educación, das pensións públicas, dos dereitos dos pobos orixinarios etc.; e facelo coa participación activa da sociedade e co tempo preciso para unha explicación profunda do significado deses trocos.
Facemos estas observacións, desde o máximo respecto, e polo que se nos viña trasladando durante eses días por parte da xente que convivimos, especialmente da CUT, e tamén por parte dalgúns cargos institucionais cos que tivemos encontros e reunións, como a propia Ministra de traballo, Jeannette Jara, o director xeral de Traballo, Pablo Zenteno, Marcos Canales, responsábel de Traballo na Rexión Metropolitana, ou a portavocía do Comando polo “Apruebo”, no que están a maioría dos partidos da esquerda.
Estamos seguros de que as organizacións da esquerda chilena saberán como reconducir este proceso. Seguirémolo con sumo interese e estaremos dispostos e disposta a apoiar solidariamente, cando así nolo demanden.
Área de Relacións Internacionais da CIG.
Santiago de Compostela, a 7 de setembro de 2022