A CIG participou na constitución da Internacional Antifascistas “Por un mundo novo”

Internacional - 30 Nov 2024

Durante os pasados días 27 e 28 de novembro, celebrouse o Encontro Antifascista, no Centro de Convencións Simón Bolívar da Carlota, en Caracas, Venezuela, coa participación de  450 delegados e delegadas internacionais de 75 países e 550 nacionais. Encontro que rematou coa constitución formal da Internacional Antifascista, impulsado polas Equipas Promotoras, das que o Capítulo Galego Antifascista forma parte.

» DECLARACIÓN ANTIFASCISTA DE CARACAS POR UN MUNDO NOVO

Esta iniciativa ten como obxectivo crear unha plataforma na que poder coordinar os esforzos dos movementos sociais e políticos para facer fronte ao avance do fascismo, nas súas diferentes expresións, e traballar na defensa da democracia popular e protagónica, a xustiza social e o respecto polos dereitos humanos, a nivel global. “É preciso enfrontar o neofascismo, non só no ámbito político, ideolóxico e nas rúas, senón tamén a través dos espazos dixitais e coas ferramentas tecnolóxicas, para contrarrestar a manipulación informativa e a guerra multidimensional e cognitiva que está en curso”, salienta o responsábel de Relacións Internacionais, Xosé Lois Rivera, que participou do foro en representación da CIG.

A Internacional Antifascista pretende ser un espazo de articulación das loitas anticapitalistas, anti-imperialistas, anticolonialistas, antipatriarcais, antirracistas e ecoloxistas, e consolidar unha ofensiva coordenada que promova os valores da xustiza social, a paz, a soberanía e a autodeterminación dos pobos. Trátase, tal e como se afirmou no encontro, de “pasar da resistencia á insurxencia”

O fascismo do século pasado xurdiu como resposta a unha serie de crises económicas, sociais e políticas, que sacudiron Europa logo da Primeira Guerra Mundial. Neste contexto de desesperación e desencanto coas democracias liberais, movementos autoritarios como o fascismo, atoparon as condicións axeitadas para medrar, compartindo un odio visceral ao comunismo e o socialismo, e facendo uso do medo ao “inimigo interno”, para consolidar o seu poder, a través do seu autoritarismo, represión, militarismo, violencia, propaganda e control de medios, censura, supremacismo racial, etc.

Na actualidade, estamos a vivir unha transformación profunda do capitalismo global, baseado agora no uso e control dos medios dixitais, en todas as súas expresións. É unha nova fase capitalista e neofascista marcada pola concentración de poder, en mans dunha nova aristocracia financieira e tecnolóxica, que controla a maioría dos recursos económicos e domina as tecnoloxías da información e a comunicación. Figuras como Elon Musk, Mark Zuckerberg ou Jeff Bezos son exemplos claros de este novo modelo, no que o grande capital global vai da man das posturas máis extremistas do fascismo, e o nexo con figuras representativas, como Benjamin Netanyahu, Donald Trump, Giorgia Meloni, Javiar Milei, María Corina Machado,  Nayib Bukele, Jair Bolsonaro, Volodimir Zelensnsky, Marine Le Pen, ou o aspirante Santiago Abascal.

Líderes que utilizan discursos populistas para lexitimar réximes que promoven a represión dos movementos sociais, a xenofobia, o racismo, violencia contra as mulleres e colectivos LGTBIQ+, a violencia política e a constante violación dos dereitos humanos, chegando a cometer un xenocidio, como o que estamos a ver co pobo palestino. Apelan ao medo, ao terror e á inseguridade como xustificación de plans golpistas antidemocráticos, inxerencias na soberanía dos pobos, políticas de represión, bloqueos ilegais e inxustos, e conflitos bélicos, mentres aumentan a brecha da desigualdade económica e o saqueo dos recursos alleos.

Fronte a este contexto, é preciso articular globalmente un programa popular, revolucionario, antipatriarcal, anticapitalista, antirracista, anticolonialista, antisionista, e antifascista. Só así é posíbel rexeitar as políticas que promoven a exclusión e o odio como discurso de dominación.

Neste contexto traballouse nestas dúas xornadas, abordando os debates en torno a sete áreas de traballo, e trazando un Plano de Acción, que foi abordado tamén polas distintas rexións continentais das delegacións asistentes:

  1. Mobilización xuvenil e estudantil Antifascista.
  2. Comunicación e contranarrativas en redes sociais.
  3. Papel do Poder Popular na loita contra o fascismo.
  4. Dereitos humanos, paz e xustiza internacional.
  5. Accións de resistencia cultural e simbólica.
  6. A muller como piar fundamental na loita contra o fascismo e o neofascismo.
  7. Clase obreira na defensa dos dereitos laborais e contra o fascismo.

Coas conclusións destas mesas de debate e as achegas feitas ao Plano de Acción, aprobouse definitivamente a Declaración de Caracas e a Proclamación de Principios do Encontro Internacional Antifascista, co Acto de fundación da Internacional Antifascista e a xuramentación das equipas promotoras

O evento foi clausurado coas intervencións de Rander Peña, Viceministro para América Latina de Venezuela, e Jorge Rodríguez, Presidente da Asemblea Nacional de Venezuela.

Encontros con organizacións sindicais de México

Previamente á participación no Encontro Antifascista, celebrado en Venezuela, a CIG tivo outros encontros con organizacións sindicais amigas de México.

No vindeiro mes de febreiro do 2025, terá lugar, precisamente na cidade de México, o vindeiro encontro de TUED (Sindicatos pola Enerxía Democrática). E será o SME (Sindicato Mexicano de Electricistas) o encargado de organizalo. “É por iso que aproveitamos a ocasión para poñernos en contacto, e ser partícipes da creación da Nova Central de Traballadores e traballadores (NCT), que botou a andar o pasado día 23 de novembro”, apunta Rivera.

“Tamén demos resposta ao convite que nos tiñan feito desde outra nova central sindical, en visita feita ao noso país no verán pasado. Estivemos con Sergio M. Torres, Secretario Xeral do Consello Nacional Laboral (CONLABOR), co que adoptamos compromisos de colaboración mutua entre as nosas organizacións, e nos sectores produtivos que poidan ser de interese. Tamén nos convidou, amablemente, a visitar o Senado da República de México”, explica.

Finalmente a CIG mantivo un encontro con Jairo Mandujano, Secretario Xeral da CNTE (Coordenadora Nacional de Traballadores/as da Educación), VIIIª Sección, que se atopaban, precisamente, nunha mobilización, con manifestación, e posterior plante e acampada, diante dunha sede administrativa do Ministerio de Educación, para reivindicar melloras salariais, estabilidade para o persoal eventual, axudas aos programas educativos, eliminación da SICAN, e o regreso ao artigo 123 da constitución, para recuperar os dereitos que impidan a súa discriminación con respecto a outros colectivos, no que ten a ver cos dereitos laborais e de negociación colectiva.

Desde a CNTE solicitaron, tamén, unha máis estreita colaboración. Demanda que a CIG trasladará á Federación de Ensino, para que entren en contacto directo.

Participación na EUCOCO

A CIG participará, un ano máis, na 48ª edición do EUCOCO, Conferencia Europea de Apoio e Solidariedade co Pobo Saharauí, que se celebra os día 29 e 30 de novembro en Lisboa, que compartirá cos representantes da UGTSARIO e, nesta ocasión, da CGTP-IN de Portugal, ademais doutras organizacións que comparten a pertenza ao Foro Sindical Internacional de Apoio ao Pobo Saharauí.

Relacións Internacionais CIG

En Caracas, a 29 de novembro de 2024.