A CIG participará nos actos alternativos á xuntanza do G7 en Biarritz
Unha representación da CIG participará nos actos alternativos organizados pola Plataforma G7EZ con motivo da xuntanza do G7 que se celebrará en Biarritz a próxima fin de semana. O contracumio desenvolverase entre os días 21 e 23 de agosto no centro de congresos de Ficoba (Irún) e no "pobo das alternativas" situado en Hendaia. A CIG estará presente na reunión preparatoria do día 22 e chama a participar na manifestación convocada para o sábado 24 de agosto que marchará entre Hendaia e Irún.
Neste contracumio, a Plataforma G7EZ (integrada por movementos sociais, organizacións políticas e sindicais) organiza más de 70 conferencias, talleres e actividades culturais enfocadas en sete temas centrais de loita: capitalismo, medio ambiente, feminismo, diversidade e liberdade dos pobos, democracia social, solidariedade, loita contra as guerras e o imperialismo, e migracións.
A seguir, reproducimos o manifesto de adhesión:
Non ao G7! Xuntas, construíndo un novo mundo
O G7 conformárono na época da guerra fría sete países (EEUU, Alemaña, Gran Bretaña, Francia, Italia, Xapón e Canadá) con moito poder económico, político e militar. O 24, 25 e 26 de agosto celebrarase o seguinte cume do G7 en Biarritz. Este cume celebrarase no medio dunha crise sistémica e permanente do capitalismo, pero tamén no medio dun constante intento de reprodución deste e no contexto dunha disputa xeoestrátexica entre as elites capitalistas.
As decisións que se tomarán afectarán a miles de persoas e a moitos pobos, polo que non deberían decidir en nome de ninguén. Quen é o G7 para tomar decisións que nos prexudicarán sen ter en conta as/os representantes democráticos de millóns de persoas? Non teñen ningunha lexitimidade democrática para tomar decisións que afectarán a todo o planeta.
Por todo isto, debemos denunciar o carácter antidemocrático do G7, posto que este Cume representa e materializa a privatización da democracia. A privatización da democracia ten consecuencias directas no deterioro do Estado de Benestar, na crise de coidados, na destrución dos dereitos sociais, no maior espolio que se lle fixo ao sector público para “rescatar” a banca ou na feroz explotación dos recursos naturais. Estes e outros miles de exemplos son os que afondan na crecente desigualdade e fisura social.
Dirán que o G7 se reunirá nunha poboación turística, que virán poñer en valor e a encomiar o pobo de Biarritz. Nós, en cambio, acentuaremos que Biarritz é un pobo que mira ao futuro cunha mirada e historia singulares.
Por todo isto, quen asinamos este manifesto, reivindicamos o seguinte:
- Denunciamos o sistema capitalista que representa este Cume. Esta denuncia querémola facer desde Euskal Herria, xunto cos axentes e persoas que virán de fóra do noso pobo, a través exclusivamente de accións non violentas. Denunciamos o carácter antidemocrático do G7 e as consecuencias que poida ter nas nosas vidas, para abrir unha fisura no sistema capitalista.
- Reivindicamos que temos alternativas para construír un novo mundo, transformar o actual. Ante quen nos quere facer crer que non hai alternativas ao mundo distópico que nos ofrecen, divulgaremos ilusión e esperanza de que un novo mundo é posíbel. En Euskal Herria están en marcha distintas reflexións, iniciativas e proxectos que demostran que é posíbel outra dirección que non sexa o capitalismo. Nese sentido, as iniciativas que fomentaremos en agosto serán un escaparate nesa dirección.
- A Cume do G7 celebrarase nun pobo con carácter e historia singular, nun pobo chamado Euskal Herria. Un pobo que quere tecer alianzas e realizar un traballo en común con outros pobos do mundo e con todas aquelas persoas que loiten nesa dirección.
Así mesmo, adherímonos ás XORNADAS que a plataforma "G7EZ! Beste mundu bat sortzen" celebrará os días 21, 22 e 23 de agosto e á gran MANIFESTACIÓN do día 24 entre Irun- Hendaia. Para finalizar, facemos un chamamento á cidadanía en xeral a participar nas devanditas actividades.