A CIG participa nunhas xornadas de solidariedade organizadas pola plataforma "With Catalonia
A CIG participou os pasados días 16 e 17 de decembro, en Barcelona, nunhas xornadas organizadas pola Plataforma “With Catalonia” baixo o título “Construamos República. Crebemos o Réxime do 78”. En representación da central sindical, o responsábel de Internacional, Xosé Lois Rivera, interveu nos Obradoiros sobre dereitos Sociais e Laborais e no de Solidariedade Internacional desde os distintos territorios.
No primeiro obradoiro abordouse a cuestión da crise e das súas consecuencias, nomeadamente os recortes de dereitos sociais, as reformas laborais e a precarización das vidas das persoas que conlevaron. A este respecto, desde a organización salientouse que “ a construción dunha nova República obríganos a pensar como podemos construír sociedades baseadas na igualdade de dereitos sociais e laborais para que estes sexan unha realidade”.
Valorouse como o conflito político provocou a deslocalización de empresas como Caixabank, Gas Natural, Abertis, Banc de Sabadell e demais, que optaron por mudar a súa sede social para fóra de Catalunya baixo a ameaza do Estado español de que a inestabilidade política prexudicaba a súa actividade económica.
Fronte a isto defenderon que “a longa tradición en Catalunya do sindicalismo alternativo, do cooperativismo, as experiencias de municipalización de bens comúns e alternativas como a banca pública permitiron pensar que se pode construír unha República baseada nunha economía social e cooperativa que mesmo cuestione a necesidade destas grandes empresas na nosa economía”.
Solidariedade Internacional
Neste grupo de traballo no que, xunto coa CIG participaron outras organizacións do Estado español abordouse a necesidade de coordinar a solidariedade con Catalunya e coincidiuse en valorar que xornadas destas características poden servir para manter un traballo conxunto par enfrontar todos os ataques antidemocráticos que o Estado español poida cometer.