A CIG participa nun encontro na Eurocámara sobre o impacto da eólica mariña no sector pesqueiro
Xavier Aboi, da CIG-Mar, participou onte no encontro celebrado no Parlamento europeo para abordar o impacto da eólica mariña nos ecosistemas e o perigo que representa para o sector pesqueiro do Estado español e do resto do continente. Por outra banda, representantes da central sindical estiveron presentes tamén na mobilización convocada o sábado pola Confraría de Pescadores da Guarda para rexeitar a instalación dun macropolígono eólico off shore entre Cabo Silleiro e a desembocadura do Miño.
No acto, organizado polo BNG en Bruxelas, analizáronse as consecuencias que este tipo de estruturas provocan na fauna mariña e nas propias pesqueirías e presentáronse estudos das repercusións sobre os ecosistemas, en especial a influencia do magnetismo que xeran os equipos eólicos sobre as especies.
O sector pesqueiro galego estivo amplamente representado polo patrón maior de Burela e presidente da Federación Española de Confrarías de Pescadores, Basilio Otero; polos presidentes da Confraría da Guarda, Rubén Adrover, e de Cangas, Francisco Javier Costa; así como pola presidenta y a secretaria da Confraría de Cedeira, María Magdalena López e María Rodríguez.
Tamén asistiron á conferencia o portavoz da Plataforma en Defensa da Pesca e dos Ecosistemas Mariños, Torcuato Teixeira; o representante dos sindicatos de pesca en Portugal, Nuno Filipe Moreira; o representante de Adega Fins Eirexas; e os deputados/as do BNG no Parlamento galego Rosana Pérez e Ramón Fernández.
Todos/as coincidiron á hora de amosar a súa oposición a que “a eólica acabe con moitas zonas perpetuadas dende hai séculos” e fixeron fincapé en que se os gobernos se moven por intereses económicos “nós facémolo por defender as nosas pesqueirías”. Tamén estiveron de acordo en denunciar a “indefensión” que lles provoca a implantación de proxectos nos que non houbo consultas previas.
Mobilización na Guarda
Por outra banda, representantes da CIG participaron o pasado sábado na mobilización convocada pola Confraría de Pescadores da Guarda para rexeitar a instalación dun macropolígono eólico mariño entre Cabo Silleiro e a desembocadura do río Miño.
Durante a protesta denunciouse que o Ministerio para a Transición Ecolóxica, encargado de velar pola conservación do medio ambiente, “permita a instalación de macromuíños eólicos de 200 metros de altura a escasos 20 quilómetros das nosas costas”. E reclamouse a paralización dos proxectos previstos fronte ás localidades da Guarda, Oia, O Rosal e Baiona.
Neste senso, dende a central sindical alertan do impacto da eólica mariña sobre os ecosistemas e sas súas consecuencias no sector pesqueiro e poñen en dúbida a necesidade deste tipo de instalacións ao lembrar que Galiza é un país excedentario a nivel enerxético, “unha colonia exportadora de enerxía”.