A CIG participa nos actos do 30 aniversario da CUT de Chile
O pasado día 21 de agosto cumpriuse o 30 aniversario da refundación da CUT de Chile, logo dos anos da ditadura de Pinochet. É por este motivo que desde a central sindical veñen organizando distintas actividades durante o presente ano -con especial intensidade nestas datas-, nas que se desenvolveron seminarios internacionais e un acto protocolario de celebración, aos que a CIG asistiu como convidada, xunto con outras organizacións sindicais.
Desde o día 21, a representación da CIG participou nos distintos seminarios e actividades que se desenvolveron segundo o seguinte programa:
21 de agosto: “Transformacións no mundo do Traballo: Impactos laborais de xénero e migrantes”
1º Panel, moderado por Julia Requena, vicepresidenta da Muller na Executiva da CUT, e coas intervencións de:
• Bárbara Figueroa, presidenta nacional da CUT de Chile, que falou sobre “as novas formas de traballo na economía laboral”, a influencia das novas tecnoloxías e a industria 4.0, e a necesidade de afrontar este debate con iniciativa, sen deixarse levar polas previsións catastrofistas que augura o capital, no senso de advertir sobre a destrución de miles de empregos.
Subliñou que resulta obvio que eses avances farán desaparecer uns empregos e aparecerán outros novos, que se producirán modificacións no acceso ao traballo e nas condicións nas que se desenvolve, pero preguntouse por que non usar eses avances para mellorar esas condicións ou se ten sentido ter aínda nestes tempo xornadas que chegan até as 45 horas? Tamén mandou unha mensaxe ao goberno de Chile, no senso de que ningunha política pública terá éxito se non vai acompañada da man dos actores sociais e con carácter vinculante.
• Andrea Palacios, que falou sobre “Transformacións no mundo globalizado: impactos laborais de xénero e violencia sobre as mulleres no lugar de traballo”. Fixo unha exposición sobre as diferentes formas de violencia que poden sufrir as mulleres: familiar, sexual, física, oral (acoso moral), material, patrimonial, psicolóxica, etc. ; e os factores que as acompañan: a impunidade dos agresores, o silencio das vítimas, a visión social como algo natural e normal, etc.
Deixou claro que se trata dun problema estrutural e sistémico, con un 50% de mulleres que sufriron acoso sexual no seu traballo o pasado ano en Chile, e que debe ser resolto con medidas contundentes de discriminación positiva, a aposta pola inclusión laboral das mulleres no mundo do traballo en igualdade de condicións, e uns plans de educación que contribúan a mudar a percepción social que existe ao respecto.
• Patricia Roa, oficial de programación da OIT, que falou sobre a “Situación dos/as migrantes en relación ao convenio nº97 da OIT”, referente a que os dereitos dos traballadores e traballadoras migrantes deben ser semellantes aos que teñen o resto de traballadores/as locais. E a estes, débense sumar os dereitos como seres humanos: reunificación familiar, educación, asistencia sanitaria, etc. buscando o obxectivo recollido nos convenios da OIT dun traballo decente.
Porén, alertou que fronte a estes principios, estanse a ver actitudes xenófobas, traballos forzosos, incidencia especial sobre as mulleres e até traballo infantil. Apuntou que, en contra da crenza popular, a maioría dos/as migrantes que chegan a Chile teñen unha formación académica similar á media da súa poboación nativa e veñen principalmente de Perú, Venezuela, Arxentina e Haití.
Logo de realizar unha sesión plenaria, na que se abriu o debate a outras intervencións, fíxose unha pausa na que a representación da CIG participou, xunto con outras catro organizacións sindicais, nun debate radiofónico sobre o mundo do traballo e o sindicalismo actual nos nosos respectivos países e continentes.
2º Panel, moderado por Tamara Muñoz, vicepresidenta de Relacións Internacionais da CUT, e coas seguintes intervencións:
• Antonio Lisboa, secretario de Relacións Internacionais da CUT do Brasil, que falou sobre as “Novas formas de traballo e robotización: unha mirada desde os sindicatos”. Realizou unha análise sobre o nivel de capitalismo extremo no que nos topamos e dos gobernos que non exercen como tales, senón que están ao servizo das grandes corporacións. Puxo énfase en que o problema non está no progreso e os avances tecnolóxicos, senón na capacidade que teñamos desde o mundo do traballo e as organizacións sindicais de non deixar o seu control nas mans do capital.
• Alejandra Agriman, responsábel de xénero da CTA-A da Arxentina, que falou do “Mundo laboral actual desde a perspectiva de xénero”, e como as situacións de explotación que provocan precariedade, desestruturación familiar, e impacto ambiental, inciden de forma máis drástica sobre as mulleres, e como vén sendo este un dos piares sobre os que se apoia o capitalismo para conseguir os seus obxectivos.
• Mehmen Ein Esel, vicepresidente do sindicato Memur-Sen de Turquía, que expuxo a “Situación de Turquía e a crise dos refuxiados e refuxiadas”. Defendeu o compromiso que Turquía ten coa emigración que parte en principio cara a Europa, esencialmente de xente da Siria, co maior número de refuxiados/as do mundo, e criticou a insuficiente axuda da UE, alegando que 8.000 millóns de euros non é suficiente para atender a toda a poboación á que lle prestan servizos sanitarios, alimenticios, educativos, hixiénicos, etc.
Neste punto, dende a CIG, gardando as formas e respectando o normal desenvolvemento e a organización do seminario, achegouse no seu momento e de forma directa, o desacordo coas políticas que está a aplicar o goberno de Erdogán co pobo Kurdo, a escalada represiva posterior ao golpe, as “purgas”que está a facer dentro do funcionariado, o exército e a policía, a persecución dos seus opoñentes políticos e a privación de dereitos fundamentais ás mulleres. Tamén se fixo unha crítica á súa actitude cómplice e silenciosa con estas actuacións.
3º Panel, moderado por Ana Bell Jaras, da executiva da CUT de Chile, coas seguintes intervencións:
• Carlos Rodríguez, director adxunto da OIT para América Latina, que falou sobre o “Rol da OIT no diálogo social en Chile”. Unha exposición sobre a situación da negociación colectiva e o diálogo social en Chile e en toda a rexión.
• Claudia Donaire, avogada experta en xénero, que ampliou a visión dos problemas que as mulleres teñen no traballo, pero nesta ocasión, desde o punto de vista xurídico e legal.
• Jorge Sagastume, especialista da OIM, que ampliou o debate sobre as transformacións no mundo do traballo, coa achega de dados estatísticos e o chamamento para tomar a iniciativa de xeito activo por parte dos representantes da clase obreira a nivel global e nas institucións internacionais e nacionais que teñen incidencia no mesmo.
Rematado este panel, tivo lugar unha representación teatral titulada “L@s Comunes”, a cargo do colectivo “La Calaca”, organizado no seo do sindicato de artistas de Chile, que acaba de integrarse na CUT. Unha obra que aborda os problemas laborais que, precisamente, se debateron nos seminarios e, de xeito moi especial, a violencia e acoso que sofren as mulleres e as persoas migrantes no mundo do traballo.
22 de agosto: Seminario “Precarización laboral e salarial ao centro da desigualdade en Chile”
Neste seminario realizouse unha exposición de dados estatísticos, valoracións e propostas arredor da situación do mercado de traballo en Chile, moi dependente, nestes intres, e segundo as persoas que participaron, do commodities (o cobre), cuxa evolución dos prezos condiciona totalmente os dados económicos.
Moderados/as por Fernando Carmona, da Fundación Instituto de Estudos Laborais (da propia CUT), participaron especialistas e portavoces de distintos centros de estudos e fundacións: Bárbara Figueroa, presidenta da CUT; Alejandra Krauss, do Centro Democracia e Comunidade; Álvaro Díaz, do Instituto Igualdad; Lautaro Carmona, do Instituto de Ciencias Alejandro Lipchutz (ICAL); Francisco Vidal, da Fundación pola Democracia; Víctor Orellana, de Nodo XXI; Simone Repergor, da Fundación Friederich Ebert Stiftun.
23 de agosto: Continuación do debate aberto arredor dos distintos paneis
Pola tarde celebrouse o acto protocolario do 30 aniversario, no teatro próximo aos locais da CUT. Acto que se desenvolveu con proxeccións de imaxes e audiovisuais, sobre a evolución histórica da CUT e os acontecementos políticos en Chile durante esa etapa, e a anterior sufrida durante a ditadura de Pinochet. Houbo lecturas de comunicados de apoio, homenaxes ás xentes que formaron parte da historia do sindicato, tanto as desaparecidas, como ás que aínda están con vida. Saúdos de autoridades gobernamentais e partidos políticos, da CSA (a cargo de Víctor Báez); actuacións musicais e o discurso de clausura de Bárbara Figueroa, a presidenta da CUT, puxeron o remate a un acto emotivo e aberto ao público que encheu o teatro.
A máxima responsábel do sindicato lanzou unha clara mensaxe ao actual goberno de Piñera, no senso de que non ían quedar impasíbeis diante das iniciativas que pretende levar a cabo (salario mínimo, negociación colectiva e ataque frontal aos sindicatos, pensións, etc.) e que, máis alá da disposición inicial para negociar, están decididos e decididas a iniciar unha ampla campaña de mobilizacións para evitar que se leven a cabo todas esas reformas de carácter neoliberal e en contra dos dereitos da clase traballadora.
Durante os días seguintes, a representación da CIG aproveitou para manter encontros máis directos con responsábeis da CUT (cunha executiva renovada de 9 persoas, das que 4 son mulleres, entre elas a súa presidenta, e cunha media de idade nova), así como con algunhas das organizacións sindicais alí presentes como convidadas, especialmente do mundo lusófono.
A Coruña, a 28 de agosto de 2018
Departamento de Relacións Internacionais da CIG