A CIG participa nos actos do 20 aniversario do sindicato OSTÁ de Aragón
O pasado día 20, o sindicato OSTÁ celebrou en Zaragoza os seus 20 anos de existencia, situado xa nun lugar importante de representatividade e afiliación en Aragón, acadando a cifra de máis de 700 delegados/as, esencialmente no sector privado, e cunhas perspectivas claras de medre que, desde a CIG, auguramos e desexamos.
Os actos de conmemoración comezaron cunha ofrenda floral ao ‘Xustiza’. Unha figura que xurdíu aló pola Idade Media, no 1115, para impor xustiza e mediar entre a nobleza daquela época, primeiro, e logo como defensor doutras causas cidadás, diante de revoltas e persecucións da Inquisición.
Esta figura estaba por riba da autoridade do Rei. E foi precisamente un rei, Felipe II o que decapitou ao Xustiza Juan de Lanuza, e outro rei, Felipe V, o que acabou con esa institución. Coa aprobación do Estatuto de Autonomía de Aragón recuperouse ese figura, que vén a ser na actualidade o equivalente ao Valedor do Pobo.
A continuación, proxectouse a película documental sobre Labordeta "Un home sen máis", que acaba de levar o Premio Forqué de cinematografía, e nominada para os Goya, coa intervención previa dun dos guinistas, Miguel Mena, e de Pedro Lobera de OSTÁ.
Despois, houbo as intervencións dos sindicatos convidados, e clausuráronse os actos coa intervención do Secretario Xeral, David Lázaro, cun discurso sindical de clase, combativo e fondamente aragonesista.