A CIG participa nos actos de 50 aniversario do golpe militar en Arxentina

Internacional - 30 Mar 2026

Baixo o lema “A 50 anos do golpe de Estado, resistimos á ditadura de onte e ao fascismo do presente” as tres centrais sindicais principais da Arxentina, CTA-A, CTA-T e CGT conmemoraron os 50 anos do golpe militar coa celebración dun encontro internacionais na cidade da Prata.

Durante a xornada do 22 de marzo, onde estiveron presentes até 73 delegados e delegadas internacionais, incluída unha delegación da CIG, abordáronse aspectos fundamentais para comprender non só a historia do país, senón do conxunto de América Latina marcada polas políticas de inxerencia dos EUA. Desta maneira, puidéronse escoitar as intervencións de figuras do Brasil, Chile, Uruguai, Paraguai e da Arxentina, para volver traer ao presente o que supuxo o Plan Cóndor; mais, por outra banda, as tres centrais tamén puxeron en valor o papel do sindicalismo na resistencia á ditadura así como á posterior promoción dos Xuízos pola Verdade.

Durante o 23 de marzo percorréronse algúns espazos na memoria histórica, nomeadamente, o constituído como Espazo para a Memoria na Comisaría 5ª da Prata –que funcionara como centro clandestino de detención durante a ditadura- e a Comisión Provincial pola Memoria, axente para a investigación e preservación de arquivos sobre violacións aos dereitos humanos. Por último, as delegacións internacionais foron recibidas na sede nacional da CGT para escoitar as intervencións de distintos líderes sindicais.

A marcha do 24 de marzo pola Memoria, Verdade e Xustiza convocada en todo o país, xuntou na cidade bonaerense a máis de 400 mil persoas coa Praza de Maio como punto central. Nun contexto de goberno da dereita encabezado por Javier Milei, e após a aprobación da reforma laboral que supón un grave retroceso na liberdade sindical e para a clase traballadora, a mobilización estivo marcada polo rexeitamento ás políticas de negación e apoloxía da ditadura, así como pola reivindicación da presenza na actualidade, a través da memoria, das 30.000 persoas desaparecidas.

A persistencia da reivindicación fíxose evidente na consigna “Que digan onde están” para reclamar a continuidade na actualidade das políticas de memoria, verdade e xustiza, a partir dun dos capítulos máis escuros do fascismo.

No pobo arxentino, digno nesta loita e na consecución de políticas e accións de memoria e xustiza concretas, persiste con forza esta reivindicación; un elemento do que a xuízo das eivas das políticas de memoria sobre a ditadura franquista, debería servir como exemplo no Estado español.