A CIG participa nos actos conmemorativos do 35 aniversario da CUT de Chile

Conmemórase tamén o 50 aniversario do golpe contra Salvador Allende, que terá lugar o vindeiro 11 de setembro
Internacional - 25 Ago 2023

Durante esta semana, estanse a celebrar diferentes actos en Santiago de Chile, enmarcados dentro do 35º aniversario da Central Unitaria de Traballadores (CUT) de Chile, o 50 aniversario do golpe contra Salvedor Allende -que se cumprirán o vindeiro día 11 de setembro-, e o 70 aniversario das orixes e creación do sindicalismo do que provén a CUT. A CIG asiste a estes eventos, convidada pola CUT, coa que vén mantendo unha relación de amizade e colaboración dende hai anos.

Os actos deron comezo o pasado luns coa presenza de autoridades institucionais, representantes do goberno chileno, entidades sociais, as delegacións dos sindicatos convidados e das federacións sindicais CSI (Confederación Sindical Internacional) e CSA (Confederación Sindical das Américas), dando remate coas intervencións, entre outras, do Presidente da CUT, David Acuña, do Secretario Xeral, Erik Campos, e José Manuel Díaz, responsábel de finanzas.

Outro dos actos enmarcados neste aniversario, consistiu na presentación da emisión postal do selo “70 anos da CUT”, que conmemora o rol socio político que vén cumprindo a principal organización de sindicatos de Chile, impulsando a unidade dos traballadores e traballadoras, para as reivindicación dos seus dereitos, o diálogo e a mobilización. Desde os seus comezos, coa Federación Obreira de Chile (FOCH), a Confederación de Traballadores de Chile (CTCH) e a posterior creación da Central Única de Traballadores, até confluír na CUT actual. Unha longa historia, marcada pola difícil etapa, entre 1973 e 1988, na que sufriu a represión da ditadura de Pinochet, con moitos dos seus líderes asasinados e desaparecidos.

Seminario

Celebrouse tamén o Seminario “Litio y Fure (Comité de Fundición y Refinación del Cobre). Soberanía alimentaria para Chile, con intervencións de representantes gobernamentais, das pequenas empresas de minería e dos sindicatos do sector.

O martes tivo lugar a cerimonia central do aniversario da CUT, con intervencións de representantes do seu Consello Directivo Nacional, e a presentación das delegacións convidadas, e a asistencia de representantes parlamentarios e dirixentes sociais.

Dentro do programa previsto, fixéronse dúas parénteses: un acto simbólico de solidariedade con Cuba, esixindo o levantamento do bloqueo e outro que consistiu en desprazarse até San Fernando, para render homenaxe ao líder sindical histórico José Figueroa, pai da anterior Presidenta da CUT Bárbara Figueroa, e que finou xusto no comezo destes actos de aniversario.

Outros actos celebráronse fóra da sede da CUT, como os relacionados coa “Operación Cóndor, o voo maldito sobre Sudamérica”, que se celebrou no Museo da Memoria e os Dereitos Humanos, e que estivo dividido en dúas partes. Unha primeira exposición, a cargo da escritora e periodista Mónica González, que relatou as orixes da operación Cóndor, os últimos documentos coñecidos ao respecto e a necesidade de seguir alerta, diante das persistentes intencións imperialistas dos EEUU e os seus aliados, na actualidade, e que denunciou como seguen sen reparación moitos dos danos causados por aqueles anos sanguinarios.

Tamén se desenvolveu un debate, no que participaron representantes sindicais dos países que sufriron en maior medida os danos da Operación Cóndor: Arxentina, Uruguai, Brasil e Chile (Paraguai nos pudo asistir, finalmente¡, ao acto). Estímase que a Operación Cóndor deixou arredor de 50.000 persoas mortas, 30.000 desaparecidas e 400.000 encarceradas, non só nos países que a conformaban, senón tamén noutras partes do mundo, onde actuaban as súas redes, na maioría dos casos en conexión con outras redes, como a Operación Gladio, sempre coa CIA detrás da intelixencia destas actuacións, como demostran diferentes documentos desclasificados.

As e os participantes asistiron tamén a sinatura dun Convenio, entre a CUT e a Fundación Congreso Futuro, que celebrará o vindeiro evento, de carácter internacional, no mes de xaneiro do ano 2024, en torno ás consecuencias das novas tecnoloxías e a Intelixencia Artificial, especialmente no mundo do traballo. Evento ao que asistirán numerosas autoridades, entre as que estarán varios Premios Nóbel.

Varios representantes sindicais, de Arxentina, Chile, Brasil, Italia e España, participaron nun seminario “ O rol do sindicalismo e a sociedade, fronte aos avances do fascismo en Chile e o mundo”, con posterior debate.

A celebración do Aniversario dará remate cun acto de clausura, as intervencións de todas as organizacións convidadas e a intervanción final do Presidente da CUT, David Acuña.

Posteriormente ao programa de Aniversario, a CIG manterá un encontro bilateral con responsábeis da CUT.