A CIG participa no XV Congreso Confederal de ELA
Unha delegación da CIG participou este mércores e xoves no XV Congreso Confederal de ELA, que se desenvolveu en Bilbao baixo o lema 'Benetan garrantzitsuak diren gauzak. Aktibatu. Lortu. Zaindu'. Ao proceso, no que saíu reelixido Mitxel Lakuntza como secretario xeral, asistiron por parte da CIG o secretario xeral, Paulo Carril, o secretario confederal de Negociación Colectiva e Emprego, Francisco González Sío, e o responsábel de Relacións Internacionais, Xosé Lois Rivera.
No decurso esta mañá da segunda xornada do congreso, interveu Paulo Carril, quen advertiu que "corren tempos duros, de loita, de compromiso e militancia" para o sindicalismo de combate e contrapoder que representan ELA e a CIG, polo que instou a "reforzarnos e rearmarnos organizativamente, pero tamén ideoloxicamente, para mellorar a nosa capacidade de confrontar o poder económico e político" como camiño para avanzar nunha saída xusta da crise.
Alertou que estamos asistindo a unha nova ofensiva do capital contra o traballo, que intensifica a explotación da clase traballadora e dos pobos para aumentar os seus beneficios. Referiu que en Galiza, ás características propias da crise, súmanse as consecuencias derivadas da pandemia e do proceso de transición enerxética "que non ten nada que ver cunha transición xusta, senón ao contrario, é un proceso de demolición social e industrial, no que as grandes compañías aproveitan a descarbonización da economía e a dixitalización dos procesos produtivos para facer un lavado verde, mentres os gobernos financian e regulan ao seu favor, afondando nunha desigual repartición do traballo, aumentando o desemprego e a emigración".
Esta ofensiva ademais dáse nun contexto de intensa españolización "que tanto defenden os franquistas como os progresistas porque para eles España é unha e así nos queren". Diante desta realidade, engadiu Carril, cómpre reforzar a formulación de propostas alternativas e audaces, combinándoas coa mobilización "porque só a través da capacidade de crear organización e coa mobilización é como conquistamos os nosos dereitos".
No contexto actual de confusión e permanente propaganda avalada polo chamado diálogo social, "ese gran enterrador de dereitos", o secretario xeral da CIG resaltou a importancia de achegar as nosas alternativas e convencer cada vez a máis sectores da sociedade. "Quérennos facer crer que de aí virá a derrogación da reforma laboral. Pero estamos comprobando como non se traballa neste camiño nin tampouco na creación de novos dereitos que fortalezan a clase traballadora nun momento de crise, sobreexplotación e de intensificación da precariedade".
Criticou a renuncia do sindicalismo e da esquerda española a pelexar por outro modelo económico e social e a súa aceptación do neoliberalismo como "a solución", mentres se manteñen as contrarreformas laborais e das pensións, empeoran as condicións de vida e "néganse os marcos propios de decisión das nosas relacións laborais".
Asegurou que "dende o sindicalismo soberanista, e por extensión o soberanismo político, temos a oportunidade de acabar con este xeito de facer as cousas. Non se pode aceptar o diálogo social porque é inxusto, español, centralista e estatalizador. Non se pode lexitimar que primeiro se acorde no diálogo social e logo se diga amén no Congreso. Pero se o goberno actúa deste modo é porque hai quen lle deixa e o apoia".
Fronte a isto, instou as forzas políticas nacionalistas que se declaran de esquerda a actuar e votar en coherencia e chamou ao sindicalismo nacionalista a seguir apostando de forma decidida pola loita e pola mobilización, nas rúas e nos centros de traballo, porque ese é o camiño para forzar os cambios de políticas necesarios, conquistar dereitos e transformar a realidade.
Mitxel Lakuntza reelixido co 90,69% dos votos
Neste XV Congreso, Mitxel Lakuntza Vicario foi reelixido secretario xeral de ELA co 90,69º% dos votos. A lista para o novo Comité Executivo que encabezaba Lakuntza foi a única presentada. Ademais, as e os delegados reunidos en Bilbao aprobaron por aclamación o Relatorio que marca as liñas estratéxicas do sindicato para os próximos catro años.
Tamén foi aprobada por aclamación a única resolución presentada no Congreso, na que se esixe á derrogación da reforma laboral e se demanda a PNV, Bildu e UP que voten en contra da nova le ide pensións, mentres que a sesión comezou cun acto conmemorativo do 25 de Novembro, Día Internacional para a eliminación da violencia contra as mulleres.
Na primeira xornada, onte mércores, procedeuse ao debate e á votación do informe de xestión do Comité Executivo, que foi aprobado por aclamación.