A CIG participa no XII Congreso da Federação dos Sindicatos do Sector da Pesca, da CGTP-IN
Unha representación da FGAMT-CIG participou no XII Congreso da Federação dos Sindicatos do Sector da Pesca, integrada na CGTP-IN, que se celebrou na localidade portuguesa de Sesimbra este sábado 16 de novembro baixo o lema ‘Valorizar o sector. Valorizar o pescador’.
Xavier Aboi, responsábel da CIG-Mar, foi o encargado de intervir nun encontro no que se debateron, entre outras cuestións, as principais problemáticas que padece un sector “que atravesa un momento difícil”, como son a caída dos prezos da primeira venda do peixe ou a falta de man de obra nunha actividade que atrae a cada vez menos xente moza.
Aboi fixo un repaso pola situación do sector galego da pesca, incidindo especialmente nos problemas que padece, algúns compartidos co sector portugués como é a proliferación de instalacións de eólica mariña nas costas dos respectivos países. O representante da FGAMT-CIG tamén abordou o impacto da falta de cota no sector do cerco.
No encontro celebrado no auditorio Conde Ferreira de Sesimbra participaron, entre outros responsábeis sindicais, o coordinador da Federação dos Sindicatos do Sector da Pesca de Alexandre Mendes, e o propio, secretario-geral da CGTP-IN, Tiago Oliveira.