A CIG participa no seminario internacional organizado pola Confederación Sindical das Américas
Unha representación da CIG participou no seminario internacional "Os desafíos do sindicalismo internacional e do sindicalismo sociopolítico na pos-pandemia", que se desenvolveu na cidade de Panamá durante os días 19 e 20 de abril. No encontro, organizado pola Confederación Sindical das Américas (CSA), participaron organizacións sindicais de América e doutros continentes, principalmente de Europa.
A sesión de apertura correu a cargo do secretario xeral da CSA, Rafael Freire, e contou coa presenza da ministra de Traballo e Desenvolvemento Laboral de Panamá, Doris Zapata Acevedo, a directora xeral da FES, Dörte Wollrad, a directora de ATRAV-OIT, Mª Elena André e a secretaria xeral da CSI, Sharan Barraw. A continuación deuse paso ás intervención de poñentes e aos debates posteriores das diferentes mesas que compoñían o programa:
1º) Escenario mundial e das Américas.
2º) Internacionalismo sindical: modelo económico e novo contrato social.
3º) O sindicalismo internacional e as transformacións da clase traballadora.
4º) Sindicalismo sociopolítico, democracia e unidade.
5º) Defensa da democracia, o emprego e a liberdade sindical nas Américas.
6º) Democracia, unidade e fortalecemento sindical: Os retos da CSA e da CSI na construción do sindicalismo sociopolítico.
O encontro foi aproveitado tamén como foro de exposición das dúas alternativas presentadas polas candidaturas que, neste intre, se postulan para o vindeiro congreso da CSI, que se celebrará en Melbourne: a encabezada polo actual secretario xeral da CES, Luca Visentini, e a encabezada por Kemal Ozkam, do sindicato turco DISK e actual secretario xeral adxunto de IndustriALL Global Union.
Fortalecemento e transformación sindical
Posteriormente ao seminario, as delegacións participantes foron convidadas a participar do debate que desenvolveu o grupo de traballo da CSA sobre o fortalecemento e a transformación sindical, que dividiron en diferentes temáticas:
- Fundamentación política sobre a estratexia de fortalecemento e transformación sindical.
- Presentación dos procesos e iniciativas que están en curso, impulsadas pola CSA, organizacións afiliadas e Sindicatos globais.
- Debate e intercambio cos/coas participantes: experiencias, preguntas e comentarios.
- Presentación das iniciativas para implementar no período.
- Intercambio entre participantes.
- Definición do cronograma de traballo, funcionamento do grupo de traballo e principais iniciativas, que serviu como peche aos traballos de todas as xornadas.
O seminario tamén valeu para manter, desde a CIG, e logo da pandemia, encontros bilaterais con algunhas das organizacións alí presentes e representantes polo grupo de traballadores/as no Consello de Administración da OIT.