A CIG participa no IX Congreso da Confederación Sindical dos Países en Lingua Portuguesa (CSPLP)
Durante a pasada semana, celebrouse en Praia, a capital de Cabo Verde, na illa de Santiago, o IX congreso da Confederación Sindical dos Países de Lingua Portuguesa (CSPLP), da que a CIG fai parte. En representación da central sindical asistiron a Secretaria de Muller e Idioma, Nicolasa Castro Monteiro, e o responsábel de Relacións Internacionais, Xosé L. Rivera Jácomo. O anterior tivo lugar en Lisboa, en 2016.
A situación creada no Brasil -co golpe a Dilma, o goberno de Témer e o posterior goberno de Bolsonaro, que levaron aos sindicatos brasileiros a pasar por grandes dificultades-, a posterior pandemia da COVID-19, e as dificultades para dar cumprimento aos acordos de celebrar o Congreso, primeiro en Cabo Verde, e despois na Galiza, impediron a súa celebración, e crearon unha preocupante situación de parálise da propia CSPLP. Máis cando a Confederación Sindical viña precisando unha reactivación, sobre todo diante da complicada situación que estamos a padecer, tanto no que atinxe aos dereitos laborais da clase traballadora dos países integrantes, como ao panorama internacional que estamos a vivir, cun proceso de aceleración do neoliberalismo e do imperialismo e con novos procesos coloniais, nalgúns casos, acompañados por conflitos bélicos, uns máis actuais, como o de Ucraína e Níxer, e outros xa históricos, como as constantes agresións do goberno de Israel contra a Palestina ou do de Marrocos contra o Sáhara Occidental.
Unha vez enfrontados os persistentes problemas, celebrouse este congreso, con algunhas ausencias (CTB e UGT do Brasil, e ATFPM de Macau), e co obxectivo de darlle un novo impulso, tanto a nivel organizativo interno, como a nivel internacional, tratando de conferirlle o papel que lle corresponde, como Confederación Intersindical, nos distintos foros e institucións do noso ámbito, como a propia CPLP e os seus gobernos, ou a OIT.
Así, os principais obxectivos marcados para este período que acaba de comezar foron dotar á CSPLP dos instrumentos legais, a estrutura organizativa, os recursos e un plan de traballo con obxectivos político-sindicais claramente definidos, que dean a capacidade de influencia e protagonismo necesario, non só nos respectivos países, senón tamén a nivel internacional, e de xeito especial, no ámbito compartido.
Reunión do Secretariado de Mulleres e Comisión Executiva
Previo ao Congreso, mantivéronse reunións do Secretariado de Mulleres -que se acordou constituír no último celebrado, e da Comisión Executiva, na que, tal e como marcan os actuais estatutos, se debe decidir sobre as propostas a trasladar ao Congreso.
Celebradas estas xuntanzas acordouse levar como propostas ao congreso só as modificacións máis urxentes, unha para dar cumprimento á decisión do Congreso anterior, sobre o Secretariado de Mulleres, e outras modificacións para poder rexistrar a organización en Lisboa con entidade xurídica dunha Confederación Sindical, xa que até o de agora figuraba como ONG.
Unha vez feito ese rexistro, adaptaranse os estatutos ás recomendacións que sexan remitidas e crearase unha Comisión de Redaccion, que fará unha nova proposta de Estatutos, adaptados aos tempos actuais e ás características da Confederación Sindical. Proposta que se someterá á opinión e emendas de todas as organizacións, antes de convocar un congreso para proceder á aprobación deses novos estatutos, que deberá ser por maioría de dous terzos.
As propostas feitas polo Secretariado de Mulleres con respecto aos estatutos, tamén serán estudadas por esta Comisión, por considerarse de difícil aplicación, algunha delas, cos actuais estatutos.
Curso de ACTRAV, da OIT
Previo á celebración das actividades propias do Congreso, as e os representantes das distintas organizacións sindicais asistiron a un curso organizado por ACTRAV, do grupo de traballadores e traballadoras da OIT, que axudou no financiamento das viaxes e estancias da maioría de asistentes. Curso que xa comezara tres semanas atrás, de forma telemática. O curso versou sobre os Obxectivos de Desenvolvemento Sustentábel, e levou por título: “Curso Inter-Rexional sobre o reforzo das capacidades sindicais para participar activamente e influenciar nos procesos de desenvolvemento sustentábel das Nacións Unidas na Comunidade dos Países de Lingua Portuguesa”.