A CIG participa no II Foro sindical de solidariedade co pobo saharauí e nos actos polo 50 aniversario da UGTSARIO

- 28 Out 2024

Entre os días 20 e o 22 de outubro, celebrouse o II Foro sindical internacional de Solidariedade co pobo saharauí (FSISPS) na Wilaya de Auserd, dos campamentos de persoas refuxiadas do Sáhara Occidental de Tindouf (Arxelia). Encontro no que participou unha delegación da CIG e que, nesta ocasión, tiña unha especial relevancia por coincidir co 50 aniversario da UGTSARIO e a recente sentenza do Tribunal de Xustiza Europeo.

Esta sentenza resulta de transcendencia ao recoñecer o lexítimo dereito do pobo saharauí sobre os seus recursos naturais, tanto en terra, como no mar, e á Fronte Polisario como a súa lexítima representante. Unha sentenza que, ademais de ratificar as resolución internacionais sobre o dereito de autodeterminación do Sáhara Occidental, pon en cuestión a legalidade do Acordo Comercial entre Marrocos e a Unión Europea, no que respecta aos recursos en territorio saharauí.

Durante as tres xornadas que durou o Foro, coa participación dun importante número de delegacións sindicais de África, de América Latina e de Europa, e a presenza de autoridades do da República Árabe Saharauí Democrática, RASD, como o presidente Brahim Ghali, desenvolvéronse diferentes actos culturais, artísticos, e paneis de debate, nos que se abordaron os principais problemas que debe de enfrontar a poboación nesta loita de resistencia e na demanda polos seus dereitos, o contexto internacional actual, e como organizar unha estratexia de solidariedade coordenada entre as organizacións presentes.

En seis paneis, con ampla e plural participación, debateuse sobre a traxectoria da organización laboral saharauí e a súa evolución, a experiencia laboral e os desafíos actuais, a realidade do traballo baixo a ocupación e o exilio, a loita da muller traballadora e o seu papel pioneiro, os dereitos das persoas traballadora saharauís e as obrigas das potencias coloniais no Sáhara Occidental, o papel das novas tecnoloxías e os novos medios de comunicación (no que a CIG participou como poñente), ou o papel dos/as traballadores/as saharauís entre o deber revolucionario, os dereitos laboraies e os mecanismos de defensa legal, entre outras temáticas.

A CIG trasladou os parabéns polo aniversario e pola sentenza do TXUE e manifestou a grande preocupación pola situación que se está a vivir a nivel global, "sendo testemuñas dun xenocidio como o que o sionismo está a levar a cabo en Gaza, co apoio cómplice dos países occidentais, e un recruecemento do imperialismo a nivel mundial, nun momento no que as institucións que teoricamente deberan velar polo cumprimento da legalidade internacional, veñen mostrándose como incapaces de poñer freo á impunidade dos grandes imperios", salienta o responsábel de Relacións Internacionais da CIG, Xosé Lois Rivera.

Neste contexto, considera exemplar a resistencia que, tanto o pobo palestino, como o pobo saharauí, veñen mostrando e, "desde a CIG, reiteramos o noso compromiso de seguir apoiando a causa saharauí, como vimos facendo dende xa hai anos". Un apoio que se dá en dúas frontes, a da cooperación, con proxectos de axuda á UGTSARIO, pero, sobre todo, no plano político, que é onde reside a verdadeira solución ao seu problema.

A CIG concretar este apoio e compromiso nunha serie de retos de futuro inmediatos, que se trasladaron durante a intervención neste encontro:

1º) Esixirlle ao Goberno español que asuma a súa responsabilidade como potencia administradora e  que retome o seu posicionamento oficial con respecto ao Sáhara Occidental, respectando o Dereito Internacional e as distintas resolución e sentenzas de institucións Internacionais.

2º) Impulsar, tanto a nivel individual como no Foro Sindical Internacional de Solidariedade co Sáhara Occidental, a esixencia á Unión Europea, aos seus Estados, e ás súas empresas, da inmediata anulación do Acordo Comercial con Marrocos, dando cumprimento á sentenza do Tribunal de Xustiza Europeo sobre os recursos dos Sáhara Occidental.

3º) Impulsar iniciativas, con outras organizacións sindicais, para que o Sáhara Occidental e os seus representantes teñan presenza nas próximas Conferencias Internacionais da OIT. Así como se vén facendo, tradicionalmente, na OIT, un amplo informe sobre a situación dos traballadores e traballadoras palestinos nos territorios ocupados de Palestina, a CIG entende que ben podería facerse o mesmo sobre a situación que están a sufrir os traballadores e traballadoras saharauís nos territorios ocupados e baixo o réxime marroquí.

Finalmente, o Foro rematou cunha declaración final que subscribiron todas as organizacións presentes.