A CIG participou no Foro Sindical Internacional de solidariedade co pobo saharauí
A Unión General de Trabajadores de Saguia El Hamra y Río de Oro (UGTSARIO) organizou durante estes días un Foro Sindical Internacional de Solidariedade co pobo saharauí, na wilaya de Awserd, dos campamentos de refuxiados/as de Tindouf. A Confederación Intersindical Galega (CIG) participou, xunto con delegacións sindicais doutros países, tanto no Foro como nos actos previos conmemorativos do Día da Clase Traballadora do Sáhara Occidental -que se celebra o día 20 de outubro-, en lembranza das loitas obreiras contra as empresas estranxeiras, durante o período de colonización do Reino de España.
Baixo o título de "Traballo e solidariedade por un mundo mellor" debatéronse nos distintos obradoiros e conferencias, sobre os principais problemas laborais que afectan aos traballadores e traballadoras saharauís, tanto nos territorios ocupados ilegalmente por Marrocos, como nos campamentos e á diáspora á que grande parte da súa poboación se ten visto obrigada a fuxir. Abordouse a situación que están a padecer ante o incumprimento dos acordos tomados xa hai moitos anos, e á paralización do labor que a MINURSO tiña que ter cumprido, baixo os auspicios da ONU, para celebrar, dunha vez por todas, o Referendo de Autodeterminación que faga xustiza e posibilite ao pobo saharauí alcanzar a súa independencia e o retorno ao seu territorio.
A CIG, tal e como ten feito tradicionalmente, trasladou todo o seu apoio e solidariedade para acadar este obxectivo. Máis aló da cooperación e a axuda que se vén prestando para resistir nas difíciles condicións nas que se atopan, a central porá toda a forza en denunciar esa situación, a explotación allea dos recursos do pobo saharauís e a impunidade coa que está a actuar a potencia colonial.
Pero, sobre todo, a CIG impulsará iniciativas e plataformas que presionen a nivel internacional, para que se remate, dunha vez por todas, con esta situación ilegal e inxusta. Así o manifestou o responsábel de Internacional da CIG, Xosé Lois Rivera, que participou deste encontro.
"Agardamos pois, que deste foro saia o acordo de constituír unha Rede Sindical Internacional de Apoio ao Pobo Saharauí, na que poidamos xuntar as forzas as distintas organizacións de todos os continentes, e marcar un calendario de actuación para dar a coñecer este conflito, denunciar a constante violación de dereitos deste pobo, e reclamar, diante das institucións internacionais, nomeadamente a ONU, que cumpra os acordos e a legalidade internacional". Esta foi a proposta final que a CIG trasladou no Foro, precisamente na liña que o Primeiro Ministro da RASD, Bucharaya, Hamudi Beyun, formulaba na súa intervención no foro.
Por un Sáhara Libre
Sáhara Hurra!