A CIG participa no “Encontro antiimperialista de solidariedade, pola democracia e contra o neoliberalismo”

Celebrouse na Habana entre os días 1 e 3 de novembro
Internacional - 08 Nov 2019

Entre os pasados días 1 e 3 de novembro celebrouse na Habana o “Encontro Antiimperialista de Solidariedade, pola Democracia e contra o Neoliberalismo”, no que participaron 1.332 delegados e delegadas de 95 nacións e máis de 700 organizacións, entre as que estaba a CIG, que foi convidada pola CTC de Cuba. Un encontro no que a central sindical reiterou o seu apoio a Cuba e o seu rexeitamento ao bloqueo.

O Encontro tiña como obxectivo aglutinar ás forzas de esquerda, políticas, sindicais e sociais, para plantarlle cara ao avance do neoliberalismo, fomentar a Solidariedade entre os pobos e denunciar as situacións de inxustiza social que se están a dar en diversos países do mundo e, de xeito moi especial, denunciar e coordinar accións que poñan fin ao bloqueo que os EE.UU. está a exercer sobre Cuba.

A maioría das intervencións xiraron en torno aos temas centrais da convocatoria: a necesidade de unificar as loitas, a nivel internacional, contra o alarmante avance do sistema capitalista e o neoliberalismo, en Latinoamérica e no resto do mundo, e que está a provocar consecuencias moi graves para a xente do común, cun incremento da desigualdade, a inxustiza e a pobreza.

Incumprimento de EEUU do dereito internacional

Denunciouse ademais a impunidade da que gozan EE.UU e os seus aliados mais houbo certa benevolencia coa UE e algún dos seus estados que, a pesar de aplicar políticas claramente neoliberais, e seguir tendo actuacións coloniais con outros países, non foi sinalada nos debates coa contundencia que a CIG entende que se merece.

A pesar de incumprir reiteradamente o dereito internacional, utilizando todos os medios ao seu alcance, incluídos os bélicos, para actuar con total inxerencia nos asuntos internos dos pobos que queren exercer o seu dereito de autodeterminación e salvagardar a súa soberanía, a través das formas de organización que os seus cidadáns e cidadás deciden libremente.

Fixéronse constantes referencias aos pobos oprimidos do mundo, como Palestina, O Sáhara Occidental, Siria, Haiti aínda que a CIG botou de menos que se sinalara tamén a situación pola que está a pasar o pobo Kurdo.

Denunciáronse, aínda con máis intensidade, os procesos desenvolvidos nalgúns países de Latinoamérica, como o Golpe no Brasil contra Dilma e contra o propio Lula da Silva que provocou a chegada dun fascista á súa presidencia. Deuse conta tamén da situación actual en Chile, onde o pobo saíu á rúa, farto xa das políticas de Piñera -cunha merecida homenaxe a Salvador Allende, asesinado pola dictadura de Pinochet, noutro golpe auspiciado por Kissinger e a instauración do laboratorio de probas para a aplicación das políticas neoliberais actuáis-

Denunciouse tamén o intento de desestabilizar o goberno de Evo Morales en Bolivia, que renovou o seu mandato cun claro trunfo electoral e democrático; os anteriores procesos que derrocaron aos gobernos democraticamente elixidos en Honduras, Guatemala, Paraguai… o xiro no goberno de Ecuador, con Lenin Moreno na defensa do capital e a poboación indíxena “tomando” o parlamento; a fartura da xente na Arxentina, que lle quitou o poder a Macri logo de tan só catro anos na presidencia; as expectativas para México baixo a presidencia de López Obrador; o dereito á independencia de Porto Rico, que desexa deixar de ser un estado asociado aos Estados Unidos; os intentos de desestabilización do goberno de Nicaragua e, con máis énfase, sobre o acoso que o goberno dos EE.UU. está a exercer sobre Venezuela e as reiteradas sancións e o prolongado bloqueo sobre Cuba.

Todas estas actuacións imperialistas vense, aínda por riba, xustificadas pola maioría dos grandes medios de comunicación, que están en mans do grande capital financeiro e que, a base de mentiras e manipulación informativa, están a crear un relato totalmente afastado da realidade, para poñer á opinión pública en contra de calquera proceso revolucionario ou minimamente progresista e contra os/as seus líderes, intentando ridiculizalos/as e tratalos/as como ditaduras. Compre resaltar no Encontro a presenza de Ignacio Ramonet, un bo exemplo do periodismo honesto que non se prega aos intereses do capital.

Diante desta situación e conxuntura política mundial, considerouse necesario articular estratexias ou planos de acción conxunta, para facerlle fronte ao avance do imperialismo e do neoliberalismo. Así se seguiu abordando o debate na segunda xornada, que se dividíu en diferentes Comisións:

  • Solidariedade con Cuba e demais causas xustas.
  • Os pobos diante do Libre Comercio e as transnacionais.
  • Descolonización e guerra cultural. Comunicación estratéxica e loita social.
  • Xuventudes: estratexias e continuidadenasloitas.
  • Democracia, soberanía e antimperialismo.
  • Integración, identidades e loitascomúns.

Na última xornada, fíxose a presentación do resume dos resultados do traballo nas diferentes comisións, presentouse e aprobouse o Plano de Acción, a Declaración de Solidariedade coa Revolución Cubana, e a Declaración Final do Encontro Antimperialista, pola Democracia e contra o Neoliberalismo.

Todo isto xa no acto de clausura, que contou coa presenza e as intervencións, entre outras personalidades, do Presidente cubano, Miguel Diaz Canel, o exmandatario e líder do Partido Comunista de Cuba, Raúl Castro, e a aparición por sorpresa do Presidente da República Bolivariana de Venezuela, Nicolás Maduro.

Propostas para o Plano de Acción:

http://www.granma.cu/cuba/2019-11-03/propuestas-para-el-plan-de-accion-del-encuentro-antimperialista-de-solidaridad-por-la-democracia-y-contra-el-neoliberalismo-03-11-2019-13-11-08

Declaraciónde Solidariedade coa Revolución Cubana:

https://seguimosenlucha.org/index.php/2019/11/05/declaracion-de-solidaridad-con-la-revolucion-cubana/

Declaración final:

http://mppre.gob.ve/2019/11/04/declaracion-final-encuentro-antiimperialista-solidaridad-democracia-contra-neoliberalismo/

https://www.alainet.org/es/articulo/203062