A CIG participa no Consello de Política Internacional da CTA-Autónoma de Arxentina
A CIG participou, a pasada semana, en Bos Aires nas distintas actividades organizadas en torno ao proceso electoral interno, en todas as estruturas, da CTA-Autónoma, nomeadamente o Consello de Política Internacional que decorreu baixo o título “Do mundo posíbel ao mundo necesario”. O responsable de Internacional da central sindical, Xosé Lois Rivera, mantivo ademais un encontro co Ministro de Traballo, Emprego e Seguridade Social arxentino.
Do mundo posíbel ao mundo necesario
As actividades deron comezo o pasado día 9 de agosto, coa celebración da 3ª edición do Consello de Política Internacional, no que, baixo o título “Do mundo posíbel ao mundo necesario”, participaron máis dun cento de cargos orgánicos da CTA-A e as organizacións afiliadas, representantes de diferentes colectivos socias, organizacións de solidariedade co Sáhara Occidental e con Palestina, Embaixadores/as de Nicaragua, Cuba, Venezuela, Bolivia e Chile, e delegacións sindicais de Uruguai, Paraguai, Chile, Colombia, Euzkal Herria e Galiza.
Logo das intervencións de apertura, a cargo de Adolfo (Fito) Aguirre, Vicesecretario de Relacións Internacionais, e o Secretario Xeral saínte, Ricardo Peidró, comezou un primeiro bloque, coas intervención dos e das embaixadores/as. Seguiu despois o segundo panel, sobre os “desafíos da clase traballadora hoxe”, no que, xunto con outros sindicatos, a CIG expuxo a súa visión sobre a situación laboral e do sindicalismo, na Galiza e no estado español, en Europa e a nivel internacional e presentou as propostas que a central sindical vén defendendo sobre como se debe afrontar, do punto de vista do internacionalismo sindical, a difícil situación actual, de aceleración do capital e o neoliberalismo, e de deterioro progresivo dos dereitos e condicións laborais.
Encontro co Ministro de Traballo
No día 10, e tras as xestións da CTA-Autónoma, celebrouse un encontro co Ministro de Traballo, Emprego e Seguridade Social da República Arxentina, Claudio Omar Moroni, que fixo un breve resumo da situación económica e laboral no seu país, e os aspectos máis salientábeis das relacións cos sindicatos e os órganos de negociación tripartita. Mantívose con el un pequeno debate sobre a situación no estado español e sobre a última reforma laboral implantada polo actual goberno central.
Eleccións internas da CTA-Autónoma
Durante toda a xornada do día 11, celebráronse as eleccións internas en todas as estruturas da CTA-A, a nivel nacional, rexional e local. Un proceso universal, no que toda a afiliación da propia CTA-A, ou dos sindicatos adscritos, votaron ás distintas listas que se presentaban (dúas, a nivel xeral), nos diferentes ámbitos territoriais. Todo un alarde de participación e, por suposto, de organización. A afiliación, cun censo de 1.302.299 persoas, votou para a elección de 23.429 cargos, nun total de 2.788 mesas electorais.
A CIG, xunto con outras representacións sindicais internacionais, exerceu como observadora no estaleiro Río Santiago, da Ensenada, moi preto de La Plata, capital da provincia de Bos Aires, cun censo superior a 3.000 traballadores/as. A experiencia serviu tamén para facer un percorrido polas instalacións da factoría, entrar en contacto co seu persoal, comparar a situación cos estaleiros galegos, e establecer contactos con algúns dos seus dirixentes sindicais, para posíbeis colaboracións de cara ao futuro, coa CIG-Industria e, de xeito especial, coa xente que traballa no sector naval no noso país.
Rematado o escrutinio, ao día seguinte déronse a coñecer os resultados dos diferentes procesos, resultando gañadoras, por unha moi alta marxe, as candidaturas da lista 1, auspiciadas polo grupo do novo Secretario Xeral eleito, Ernesto Godoy Hugo (Cachorro Godoy), pasando Ricardo Peidró a ocupar a primeira Secretaría Adxunta, e María Ana Mandakovic a segunda.
A CIG participou ademais nun encontro coa embaixadora de Chile en Arxentina, xunto con representantes do sindicato CUT, e celebrou reunións bilaterais con outras organizacións como a PIT-CNT de Uruguai, a CGT de Colombia e da CUT de Chile.