A CIG participa no Congreso da CTA Autónoma e noutros actos organizados xunto á CTA dos e das Traballadoras
Convidada polas dúas centrais sindicais arxentinas, a CTA Autónoma e a CTA dos/as Traballadores/as, a CIG participou en distintos eventos que se realizaron en Bos Aires, entre os pasados días 21 e 24 de marzo.
Estes eventos estiveron condicionados pola situación que está a pasar a República Arxentina desde que Javier Milei asumiu a presidencia, co apoio do macrismo, e as consecuencias que está a traer para a clase traballadora, e as organizacións sindicais e sociais do país: alto nivel de inflación, carestía da vida, privatización de servizos e empresas públicas, incremento do nivel de pobreza, recortes sociais, despedimentos masivos de persoal empregado público (nestes días Milei anunciou o despedimento de entre 50 mil e 70 mil), recortes de dereitos cívicos e democráticos, negacionismo dos crimes da ditadura, e incremento alarmante do nivel de represión e violencia contra a lexítima protesta.
A isto hai que sumarlle o xiro radical nas relacións internacionais, con grande desprezo e falla de respecto á soberanía doutros países da rexión e aos seus líderes (Lula, Maduro ou Petro), e total submisión ao imperialismo dos EUA e o sionismo.
Esta situación vén provocando, xa desde o principio do mandato e o anuncio das medidas que ía tomar, unha forte resposta social, na que as organizacións sindicais están a xogar un importante papel, actuando unitariamente (CTA-A, CTA-T e CGT).
Ademais das múltiples mobilizacións puntuais que se veñen facendo, tanto na capital como nas provincias contra actuacións concretas, o pasado 24 de febreiro, as centrais sindicais convocaron unha xornada de paro e mobilización na que decenas de milleiros de persoas se manifestaron contra o desmantelamento do Estado e baixo o lema de “A patria non se vende” (convocatoria e mobilización que foi apoiada solidariamente pola CIG).
Na semana que entra, agárdanse novas mobilizacións, especialmente no sector público, e todo apunta a outra xornada de paro xeral neste mes de abril.
É por isto que, máis aló das relacións de amizade e colaboración que tradicionalmente a CIG mantén con algunha destas organizacións sindicais, nesta ocasión, as mostras de solidariedade e acompañamento facíanse máis necesarias que nunca. Xunto con outras delegacións internacionais, participamos activamente nos actos, homenaxes, seminarios, debates, plenarios, congresos e mobilizacións que se realizaron durante esas xornadas.
Plenario da CTA dos Traballadores e Traballadoras
Durante a xornada do día 21 tivo lugar un multitudinario plenario da CTA-T, na sede de FOETRA (Sindicatos da Comunicación), seguido doutro encontro na sede de SUTEBA (Sindicato de Traballadores/as da Educación). Durante o plenario houbo intervención dos principais líderes da CTA-T (Hugo Yaski e Roberto Baradel), e tamén das outras centrais sindicais.
Seminario Internacional "Estratexias da clase traballadora para a xustiza social e a soberanía dos pobos"
Na xornada do 22 de marzo desenvolveuse este seminario, organizado conxuntamente polas dúas CTA, na sede da CTA Autónoma. Logo das intervencións de apertura, por parte de representantes da organización CTA-A, Hugo (Cachorro) Godoy e Adolfo Aguirre, da CSA (Rafael Freire), da CSI (Antonio Lisboa), e doutros convidados e convidadas, iniciouse a quenda de intervencións sobre o tema a debate entre as delegación presentes, que achegaron ideas e propostas interesantes de cara a afrontar os retos do sindicalismo no futuro, diante da actual conxuntura internacional, con especial énfase e mostras de solidariedade nas intervencións dos representantes de Palestina, do Sáhara Occidental e de Haití.
Homenaxe a compañeiros e compañeiras internacionalistas
Rematado o seminario internacional, tivo lugar un emotivo acto de homenaxe a cinco sindicalistas internacionalistas que finaron recentemente: Joao Felicio, da CUT do Brasil; José Olvera, da UNT de México; Nalú Faría, da Marcha Mundial das Mulleres e a CUT do Brasil; Fernando Mauricio, da CGTP-IN, de Portugal; e o compañeiro e amigo Eduardo Estévez que, ademais da colaboración coa CIG nestes últimos anos, desenvolveu un labor internacional destacado e nunca perdeu o seu contacto coa CTA-A. A CIG trasladou un saúdo afectuoso ao seu fillo Matías, alí presente, e a Julio Fuentes, representante da CLATE, coa que tanto traballou Eduardo.
Acto da xuventude traballadora das Américas
Logo da homenaxe, e co apoio da Confederación Sindical das Américas (CSA), as mozas e mozos do sindicalismo arxentino presentaron a campaña “Estamos en movemento”, e expuxeron as principais inquedanzas da xente nova, no que respecta ao mundo do traballo que lles agarda no futuro.
III Congreso nacional ordinario e VI Congreso nacional extraordinario da CTA Autónoma
Durante toda a xornada do día 23 de marzo, na cidade de Avellaneda, e baixo a consigna de “Unidade, Xustiza Social e Soberanía Popular por unha Patria Emancipada” desenvolvéronse estes dous congresos, cun total de 373 delegados/as, 137 representantes de organizacións amigas, e 40 representantes de 25 delegacións convidadas de América, Europa e África.
Foi presidido polo secretario xeral, Hugo (Cachorro) Godoy, que deu apertura cun intenso discurso de denuncia das políticas anti-sociais, anti-patriotas e anti-laborais do novo goberno de Milei, e facendo unha chamada á mobilización e á unidade de acción sindical, como resposta necesaria para paralizar as medidas que se pretenden impoñer. Estivo arroupado polo resto de dirixentes nacionais e provinciais, o intendente da cidade de Avellaneda, e por representantes das federacións sindicais internacionais.
Durante o Congreso ordinario deuse conta e procedeuse á aprobación da Memoria e Balance do período 2022-2023, así como o Informe de Xestión.
Un intre especial do congreso viviuse coa escenificación dun acto de solidariedade con Palestina, no que cada participante mostrou un cartaz coa lenda: “PALESTINA LIBRE, ¡PAREN O XENOCIDIO XA!”, seguido da intervención de Rafael Araya Masry, Presidente da Confederación Palestina Latinoamericana e do Caribe, membro del Consello Central da OLP e do Consello Nacional Palestino.
Procedeuse á aprobación final dunha resolución “de solidariedade coa resistencia do pobo palestino e en repudio ao xenocidio que está levando a cabo a ocupación israelí». Tamén se aprobou unha resolución para “iniciar en Arxentina unha campaña de solidariedade co pobo traballador de Myanmar e visibilizar os crimes do réxime militar”.
O congreso extraordinario rematou coa aprobación da declaración política “Rebeldía e esperanza”, o documento “100 días de experimento libertario, axuste, entrega e saqueo. 100 días de resistencia e o desafío de construír unha alternativa”, e as resolucións sobre Palestina, Cuba, Uruguay, Sáhara Occidental, Venezuela, Nicaragua, CNTI, en defensa das Malvinas e Myanmar. Asemade votouse a solidariedade coas comunidades da cordilleira e contra o desafiuzamento, e rexeitouse a represión sufrida pola compañeira de HIJOS e a ameaza á filla de Adriana Calvo. Pechou o Congreso Ricardo Peidró, secretario adxunto.
Marcha pola memoria do 24 de marzo
Como cada ano, o día 24 de marzo conmemórase o aniversario do último golpe militar, en 1976. Unha homenaxe a todas as vítimas da represión e do terrorismo de estado e para honrar a todas aquelas persoas que loitaron e loitan por defender a democracia, a memoria, a liberdade e a xustiza social.
Este ano, a data cobrou un significado especial polo carácter fascista do goberno de Milei e a súa estratexia de negar as atrocidades cometidas pola ditadura, converténdose en apoloxista desta e do xenocidio que levou a cabo. Milei e as súas políticas traen á memoria os peores momentos daquela época escura, na que houbo más de 30.000 persoas desaparecidas.
Por iso a representación da CIG participou na multitudinaria marcha que encheu as rúas de Bos Aires, xunto co movemento sindical, movementos polos dereitos humanos, movementos de mulleres, movementos sociais, de estudantes, da cultura, xubilados/as, e miles de cidadáns e cidadás que saen na defensa da memoria, a verdade e a xustiza.
Encontro coa emigración galega
Nos días posteriores a estes eventos, aproveitouse a presenza en Arxentina para manter encontros con representantes de entidades da emigración galega.