A CIG participa no Congreso Bicentenario dos Pobos do Mundo
O pasado 26 de marzo, celebrouse un encontro en liña no marco das sesións preparatorias do Congreso Mundial Bicentenario dos Pobos, que terá lugar do 21 ao 24 de xuño deste ano. A CIG participou deste foro, a través do seu responsábel de Relacións Internacionais, Xosé Lois Rivera Jácome, que interveu en nome do grupo de traballadores e traballadoras.
Logo da saúde, Rivera pasou a valorar a situación en Europa e no noso país e expuxo as conclusións do anterior encontro do grupo de traballadores e traballadoras, que se tiña reunido previamente o 22 de marzo.
Este encontro, presidido polo presidente da República Bolivariana de Venezuela, Nicolás Maduro, e no que participaron 1892 persoas de 120 países dos 5 continentes, está enmarcado na celebración do segundo centenario da Batalla de Carabobo, na que Simón Bolivar culminou cunha etapa de 11 anos de enfrontamento pola independencia do colonialismo español. Nel fíxose un chamamento a todos e todas os/as representantes das organizacións participantes a facer un grande encontro pola liberdade, a unión e a solidariedade dos pobos.
De igual xeito, Nicolás Maduro convidou as persoas participantes do evento ao Campo de Carabobo, para estar preto do lugar que marcou a independencia de Venezuela. "Imos ir ao Campo de Carabobo para que vostedes sintan a enerxía (…), para tomar con moita forza as bandeiras da independencia dos nosos pobos, da autodeterminación, a liberdade, a igualdade e da loita por unha nova sociedade, unha mellor sociedade, estamos construíndo un mundo mellor", asegurou.
Na actividade participaron dirixentes de esquerda, como Atilio Borón, que recalcou a necesidade de manterse en pé de loita, diante dos constantes ataques e agresións de nación imperiais. Tamén participou a representante do Movemento Black Lives Matter, Sheri Dickerson, quen falou da súa loita pola discriminación racial nos EEUU e convidou á participación das mulleres afrodescendentes nos escenarios políticos.
Tras das intervencións de distintos representantes, o presidente Maduro deu por rematado o encontro lembrando que "hai 27 anos, o comandante Chávez saía do cárcere e dixo 'vou ao poder' (…). Hoxe, nós dicimos, co mesmo espírito, que temos que ir empoderar os pobos, a unir os pobos, porque o futuro da humanidade está en mans dos pobos, a mocidade, as crianzas,…”.