A CIG participa no 27º Congreso da Federación Panchipriota do Traballo
Durante os pasados días 16, 17 e 18 de novembro, a Federación Panchipriota do Traballo (PEO) celebrou en Nicosia o seu 27º Congreso, baixo o lema: “Organizados/as e determinados/as pola Reunificación, a Protección Social e o Traballo con Dereitos”, coa asistencia de 750 delegados/as e máis de 38 delegacións de 17 países, entre as que estaba a CIG.
O Congreso comezou coa proxección dun documental sobre as loitas que PEO leva desenvolvido, seguida do saúdo do ministro de Traballo de Chipre (representado por un director xeral), o secretario xeral da Federación Sindical Mundial, Giorgo Mavrikos, e o Presidente de DEV-ES, Hassan Feleki, dando lugar despois á sesión de apertura, a cargo do secretario xeral, Pampi Kyritsi.
O venres, 17 de novembro iniciouse a discusión dos relatorios e rematouse coa intervención especial do candidato progresista ás eleccións presidenciais, Stavros Malas, que recibiu un apoio explícito por parte da organización do congreso, os cargos directivos e delegados/as presentes. No serán fíxose o proceso de elección do Consello Xeral de PEO.
Solidariedade da CIG
Nesta segunda xornada, deuse un encontro entre as delegacións convidadas e o secretario xeral de PEO, no que a CIG fixo unha intervención, manifestando o agradecemento polo convite e o desexo de seguir fortalecendo con PEO unhas relacións que xa veñen desde hai anos atrás.
Logo de facer unha pequena síntese sobre o modelo sindical da CIG, a representatividade e os problemas derivados da situación política e económica de Galiza, o responsábel de Internacional, Xosé Lois Rivera, amosou a solidariedade e apoio “nas súas loitas que, a grandes liñas, gardan semellanzas coas que nós levamos a cabo: a defensa dos dereitos laborais da clase traballadora dos nosos respectivos países, e a loita pola plena soberanía”.
Porque Chipre, explica Rivera, a pesar de ser un estado independente, e pertencente á UE, tamén padece os efectos do colonialismo. Temos que ter en conta que a súa independencia de Gran Bretaña é recente (1960) e que as intervencións na illa, primeiro de Grecia, e logo de Turquía, fan que neste intre teñan aínda un 30% do seu territorio fóra da xurisprudencia da República do país, e autonomeada como República Turco Chipriota (non recoñecida internacionalmente máis que por Turquía), con unha franxa divisoria controlada polas Nacións Unidas e zonas fronteirizas (check point), ademais de outras dúas rexións ocupadas aínda polas bases de Gran Bretaña.
É por isto que a reunificación ocupa un lugar preferencial nas súas demandas, tal e como queren realmente as poboacións de ambos os dous bandos, e para rachar dunha vez por todas coa tutela de terceiros países. Xa houbo negociacións, e primeiros acordos, pero sen frutificar polas ameazas, esencialmente de Turquía, se esa unificación se lavara a cabo.
Chama a atención aquí a incapacidade da UE para resolver a situación cun estado membro, agás que esta cuestión garde relación cos acordos que ten con Turquía para desentenderse de buscar outras solución a grande avalancha de refuxiados/as que veñen da zona en conflito de Siria. “Manifestamos o noso desexo de que, na nosa próxima estancia en Nicosia, puideramos movernos libremente por unha cidade sen fronteiras e, tal e como se vén formulando, forme parte dun mesmo estado soberano, sen inxerencias externas e con dúas federacións que atendan as necesidades e especificidades das dúas comunidades que a integran”, subliña Rivera Jácome.
Reunificación e dereitos da clase traballadora
Pola súa banda, o secretario xeral de PEO fixo unha avaliación dos últimos 5 anos e tratou de abrir o debate sobre os futuros obxectivos. Fixo un chamamento de apoio aos pobos que loitan pola súa independencia, a soberanía e o dereito a que cada nación escolla libremente o camiño a seguir, contra as intervencións imperialistas e as ameazas, por un mundo economicamente máis xusto, e por unha paz duradeira e estábel, que respecte os dereitos humanos fundamentais. Para PEO, ningunha conquista da clase traballadora pode manterse estábel mentres continúe a ocupación e a súa patria siga a estar dividida. E traballarán para colaborar e esixir, ás institucións políticas propias e internacionais, unha solución ao conflito.
Neste senso, no congreso criticáronse con dureza as políticas aplicadas pola dereita chipriota, nomeadamente polo presidente Anastasiadis, o seu goberno, e a propia Unión Europea co seu Memorándum, baseadas no deterioro das condicións de vida dos traballadores e traballadoras, na baixada de salarios e en socavar o estado de benestar, así como a drástica redución de ingresos dos/as pensionistas e outros grupos vulnerábeis, cunha falta de control total sobre o sistema bancario.
Todo isto fai que Chipre mostre un dos maiores incrementos da desigualdade social en Europa. E tamén se veu producindo unha progresiva desregulación das condicións laborais, cunha inestabilidade da negociación colectiva.
Liñas de acción a seguir
En base a todo isto, marcaron como prioridades para o futuro: a loita contra as políticas de austeridade, un novo impulso e estabilización da negociación colectiva como instrumento para recuperar os dereitos perdidos nos últimos anos e a esixencia de regular legalmente esa negociación colectiva, por parte do goberno do estado.
Xunto a isto, o fortalecemento do estado de benestar, con miras a unha redistribución equitativa da riqueza; restaurar os beneficios que se levan recortado, especialmente aos pensionistas; melloras das prestacións sociais para as familias numerosas, estudantes e a política de vivenda á cidadanía, sobre todo para as parellas mozas; medidas de protección do sistema de pensións; a necesidade de desenvolver un plano de pago da débeda do Estado á SS e a creación de reservas reais; así como o marco xurídico axeitado para a política de inversión do fondo.
Dpto. de Relacións Internacionais da CIG.
A Coruña, 21 de novembro de 2017.