A CIG participa no 12 Congreso da CUT Chile marcado pola intensa mobilización contra as políticas neoliberais
Os pasados días 24 e 25 de xaneiro, celebrouse en Santiago de Chile o 12º Congreso da Central Única de Traballadores/as de Chile (CUT), baixo o lema “Construíndo un Chile xusto xunto as e os traballadores”. O proceso contou coa presenza de máis de 30 organizacións convidadas de 14 países de todo o mundo, entre as que estaba a CIG.
Na súa intervención inicial, a presidenta da CUT, Bárbara Figueroa, fixo un chamamento a fortalecer a estrutura organizativa para afrontar os desafíos que se lles presentan ante o proceso no que se atopa Chile. A recuperación dunha democracia plena, o respecto polos dereitos humanos, o debate sobre o proceso constituínte que se dispón a vivir o país, son os elementos centrais sobre os que pediu a reflexión colectiva.
No seu discurso, Figueroa mantivo sempre a atención centrada no mundo do traballo, especialmente no valor da forza do traballo, como “un elemento áncora á hora de pensar e repensar a sociedade que queremos para os vindeiros anos, e que agardamos que tamén quede consagrada no marco dunha nova Constitución da República”.
A delegación da CIG trasladou a súa solidariedade co pobo chileno e cos movementos sociais e sindicais que están a protagonizar este cambio, que ten obrigado o poder a iniciar un proceso constituínte que permita deixar atrás a herdanza da ditadura de Pinochet e abandonar as políticas neoliberais, das que Chile foi o grande laboratorio para o resto do mundo e que o presidente Piñeira vén aplicando no seu mandato.
O acto de apertura do congreso tivo lugar cun emotivo acto de homenaxe a Víctor Jara e coa entrega dun agasallo de recoñecemento á súa viúva, Joan Jara.
Extensión da pobreza e represión
Previamente ao congreso, celebrouse, no propio local da CUT, un acto de presentación do “Barómetro do Traballo”, un estudo elaborado pola Fundación Instituto de Estudios Laborales (FIEL), que achega dados interesantes para coñecer a valoración social arredor do mundo do traballo e as súas demandas, as institucións, as leis, as entidades sociais e a situación económica do país.
Unha situación marcada polos grandes niveis de pobreza; a indixencia crecente; a proliferación das actividades irregulares; uns prezos elevadísimos, parellos aos que existen no Estado español cando o salario mínimo está nos 170.000 pesos -uns 200€-; a grande desigualdade social; a discriminación contra as poboacións indíxenas, especialmente o pobo Mapuche; a restrición de dereitos democráticos e de reunión; os atentados contra os dereitos civís e as liberdades; e unha terríbel represión acompañada de torturas propias dos tempos de Pinochet.
Campaña "Chile Nunca Máis"
De feito, no Seminario Internacional “Traballo no Neoliberalismo: reflexións desde o mundo sindical” -no que se compartiron ideas e propostas arredor dos conflitos e como afrontalos, poñendo en valor a forza do traballo-, presentou a campaña internacional de solidariedade “Chile Nunca Máis. Deteñan a Violación aos Dereitos Humanos".
Unha campaña que pretende denunciar a constante vulneración que as forzas da orde de Chile, especialmente os carabineiros, están a facer dos dereitos humanos, cunha brutal represión contra as constantes manifestacións cidadás que se veñen repetindo dende o mes de novembro, e que xa suma 30 persoas mortas, un elevado número de persoas que perderon a vista e varios miles de feridos/as, ademais dalgunhas violacións que xa foron denunciadas.