A CIG participa na constitución da comisión de traballo para estabelecer o 1% do PIB nas universidades públicas
O artigo 55 da LOSU, sobre suficiencia financeira, regula que as diferentes administracións públicas dotarán ás universidades dos recursos económicos necesarios para garantir a suficiencia financeira que lles permita dar cumprimento ao estabelecido na propia lei e asegurar a consecución dos obxectivos previstos nela.
No citado artigo formúlase o obxectivo do Estado, das Comunidades Autónomas e das universidades de destinar un mínimo do 1% do PIB no 2030 ao gasto público na educación universitaria pública. O propio artigo fixaba o prazo dun ano, a partir da entrada en vigor da LOSU, para que unha comisión estabelecera o plan de incremento dese gasto público.
A reunión só tiña como cometido constituír esa comisión, o que se produce con máis de 7 meses de retraso sobre o prazo fixado. O secretario de Estado, tras unha intervención inicial na que destacou os obxectivos que se marca o Ministerio e que se poden resumir na intención de chegar a un consenso no que se respecte o marco competencial das CC.AA., sen impoñer un criterio único e partindo do papel central que as administracións educativas teñen á hora de fixar leis e plans de financiamento nos seus respectivos ámbitos, procurando que haxa uns criterios de financiamento básicos que igualen un solo orzamentario mínimo en todas as Comunidades e, dentro destas, nas diferentes Universidades, toda vez que os datos estatísticos oficiais salientan unhas diferenzas avultadas no gasto por estudante e nos orzamentos das diferentes universidades.
Na intervención do secretario de Estado apuntou algúns exemplos da situación actual, dos que cabe destacar que a media estatal de financiamento das universidades públicas non supera o 0.55% do PIB estatal cando a media da UE supera o 1,2%. As diferenzas existentes entre as diferentes CC.AA van desde o mínimo do 0,26% ao máximo do 0,88% de diferenza entre as diferentes CC.AA.
O único que se avanzou na reunión foi a fixación dun calendario de reunións que darán comezo o vindeiro 18 de decembro e que, cunha periodicidade mensual prevé estender o seus traballos até novembro de 2025.
Da intervención da representación da CIG na comisión mais das impresións sobre o resto das intervencións, especialmente de responsábeis políticos das diferentes CC.AA. cabe salientar:
- Tras as intervencións dos diferentes representantes políticos, quedaron claras xa de partida as dúbidas sobre o que poidan dar de si os traballos da comisión ao non estar mesmo en cuestión que se entende polo cumprimento do 1% do PIB: se se debe ter en conta o PIB do Estado ou de cada Comunidade.
- Desas mesmas intervencións cabe concluír que algunhas delas, gobernadas polo PP, xa avanzaron reticencias ao respecto dese cumprimento, ao entender que o que se debe ter en conta é a porcentaxe de gasto para universidades nos respectivas orzamentos autonómicos, algo que por suposto, non garda ningunha relación do obxectivo recollido na lei.
- A CIG puxo de manifesto que o papel que lle puidera corresponder nunha comisión destas características debe ser o de poñer no foco do debate ao conxunto do persoal que traballa nas universidades públicas, sexa persoal técnico de administración e servizos ou persoal docente e investigador.
- A intervención da representación do sindicato centrouse, por tanto, en definir cales son os elementos principais que axudan a entender porque se deben anular definitivamente as políticas de recortes implantadas desde 2009 e que provocaron efectos aínda máis lesivos sobre unha situación previa altamente preocupante e que, aínda hoxe, están plenamente vixentes:
- o infrafinanciamento das universidades, como ben coñecemos no caso de Galiza, hipoteca o presente e o futuro da docencia e a investigación nas universidades públicas e provoca a alta precariedade no seu persoal.
- o papel da CC.AA., restrinxido o gasto en persoal, cando menos no caso de Galiza, implica que teñamos que recorrer á xustiza para conquistar dereitos que nunca se lle deberían ter negado ao persoal das universidades, como é o caso das subas salariais para todas as figuras, docentes ou investigadoras, estigmatizan e precarizando a profesionais no comezo da súa carreira académica e investigadora
- a aplicación das taxas de reposición e a falta de vontade de apoio á investigación provoca que, malia estarmos nun momento de remuda xeracional dado o importante avellentamento do PDI, non haxa estabilidade garantida para miles de novos e novas docentes e investigadoras.
- a ausencia de control lexislativo e de inspección para limitar a proliferación de empresas privadas con licenza para operar como universidades levou nos últimos anos a que se disparase esta oferta, en moitos caso de pésima calidade, con prezos desorbitados e sen que algúns gobernos actúen para ampliar a oferta pública, algo no que de novo Galiza foi protagonista na pasada lexislatura ao abrir a veda coa autorización da universidade propiedade dos Escotet.
- Se tomamos como referencia os datos proporcionados polo secretario de Estado sobre o gasto medio estatal (0,55%) xunto co retraso na constitución desta comisión, os dilatados prazos que se fixan para procurar un consenso básico e o clima político actual, así como os diferentes intereses por razóns ideolóxicas á hora de defender e financiar as universidades públicas, parece totalmente imposíbel pensar que de aquí ao 2030 se poida duplicar o gasto público.
A CIG participará das reunións desta comisións mais só mentres vexa que pode ter un mínimo de utilidade.