A CIG participa na Conferencia Internacional sobre a “Agenda Global para a transição justa no mundo do trabalho em África”

Internacional - 02 Nov 2026

Entre o 28 e o 30 de outubro celebrouse en Praia (Cabo Verde) a Conferencia Internacional sobre o “Alinhamento com a Agenda Global para uma transição justa no mundo do trabalho en África”, acollida pola central caboverdiana UNTC-CS, xunto coa asemblea fundacional da USPALOP (Unión Sindical Africana dos Países de Língua Oficial Portuguesa).

Nun mesmo evento, desenvolvéronse estas dúas actividades baixo o amparo da ACTRAV – Oficina de Actividades para as persoas Traballadoras da OIT- co fin de procurar un espazo de diálogo, debate e consenso sobre propostas relacionadas coa transición xusta no mundo do traballo, vinculando a axenda global cos retos do propio continente.

Concretamente, abordáronse elementos que están a definir actualmente a axenda sindical internacional ante a falta de garantías de traballo digno e de protección social para as persoas traballadoras, os altos índices de informalidade, o impacto da dixitalización, da IA e o desafío das persoas traballadoras das plataformas dixitais, así como tamén o resultado das alteracións climáticas.

Transición no mundo do traballo

A sesión de apertura contou coa intervención da Secretaria Xeral da UNTC-CS, Joaquina Almeida, quen situou a importancia da acción sindical para a negociación e implementación de políticas que tornen o proceso de transición xusto, social e inclusivo. A seguir deron amparo a esta xornada a directora adxunta da ACTRAV, Claire Ruppert, a representante do Escritorio da OIT en Luanda, e o Secretario Xeral da OUSA, Arezki Mezhoud. Por parte do goberno caboverdiano, a Ministra de Traballo pechou o inicio desta primeira sesión.

Os paneis contemplados abordaron o contexto de transición no mundo do traballo e suxeriron camiños cara a necesaria renovación sindical para se lograr a necesaria capacidade de organización, actuación e incidencia ante o resultado da xa patente destrución do emprego, da pobreza laboral e da informalidade. Os resultados do debate e obxectivos asumidos na primeira parte da conferencia concretáronse no Compromisso de Praia subscrito por parte de centrais sindicais dos seis PALOP: Angola, Cabo Verde, Guiné-Bisau, Guiné Ecuatorial, Moçambique e São Tomé e Príncipe.

Desta maneira, avanzouse no que sería outro dos propósitos do encontro, nomeadamente, a constitución de un espazo permanente de cooperación e acción sindical conxunta entre as organizacións sindicais dos países africanos de lingua portuguesa, a USPALOP, a fin de fortalecer a capacidade de intervención conxunta nos espazos africanos e internacionais en defensa dos dereitos e intereses da clase traballadora destes países.

Recepción coa presidencia

Para alén dos traballos da propia conferencia, participouse nunha audiencia coa Presidenta Interina da República, Janira H. Almeida, que expuxo as políticas laborais de mellora e os elementos de incidencia positiva na clase traballadora caboverdiana do actual goberno, e visitouse o Instituto Nacional de Proteção Social, onde se deron a coñecer os piares do sistema da seguridade social do país e o seu percorrido histórico.

Presenza da CIG

A presenza da CIG neste evento, que materializa un anhelo histórico das centrais dos PALOP, pretendeu reforzar os lazos de solidariedade e cooperación que se consolidaran mediante a participación noutros foros como a CSPLP, mais tamén amosar o compromiso con cada unha das centrais irmás do ámbito da lusofonía no continente africano.