A CIG participa na Asemblea Xeral de ALTER SUMMIT celebrada en Bruxelas
Tivo lugar os días 8 e 9 de decembro
A pasada fin de semana celebrouse en Bruxelas a Asemblea Xeral de ALTER SUMMIT, da que a CIG forma parte. Durante as xornadas do 8 e 9 de decembro, e coa asistencia dun amplo número de organizacións de toda Europa, afrontamos os diferentes puntos marcados na orde do día prevista con anterioridade, e que se foron desenvolvendo do seguinte xeito:
• Aspectos organizativos:
1. Trocos na Secretaría .
2. Finanzas . Pasouse un esquema sobre a evolución económica de gastos e ingresos no 2016, 2017 e 20178, e a petición da CIG facilitouse tamén a relación de achegas feitas neste último ano polas respectivas organizacións que forman parte de ALTER SUMMIT.
3. Estratexia de ampliación . Acordouse contactar con outras organizacións sindicais ou de carácter social, para ampliar o número de membros de ALTER SUMMIT e as achegas económicas, que fagan posible así afrontar as actividades que queremos levar a cabo.
4. Grupos de traballo : Decidiuse actualizar e ampliar os grupos de traballo previamente constituídos, creando un novo sobre a dixitalización e as súas consecuencias sobre o futuro do traballo.
5. Proxecto de boletín informativo : Aprobouse poñer en marcha un boletín informativo, con todos os soportes técnicos e divulgativos nas redes sociais, para ofrecer unha visión xeral permanente das loitas locais, rexionais e nacionais, centrándose de xeito especial na dimensión europea das mesmas, analizar as tendencias económicas, sociais e políticas, informar sobre as actividades de ALTER SUMMIT e fortalecer unha rede de colaboracións coa mesma.
A idea é renovar unha vez cada semana ou dúas unha páxina da web con artigos e análises e enviar periodicamente un boletín actualizado. Introduciranse editoriais sobre temas europeos e/ou internacionais, crónicas, etc. Baralláronse as distintas opcións de como organizalo tecnicamente para levalo a cabo: traducións, coordinador, comité editorial de 4-5 persoas, redactores/as, difusión, listas de contactos, colaboración con outras redes, medios sociais, recursos, etc.• Reformas do mercado laboral. Futuro da UE
Comentáronse as distintas reformas laborais aprobadas nalgúns estados da UE, e da propia lexislación que esta ten en preparación sobre o mundo do traballo, e as súas consecuencias para o mundo do traballo e as relacións laborais, no senso de perda de dereitos para a clase traballadora. Falouse tamén da complicación que tivo até este intre a coordinación das distintas loitas contra estas reformas nos distintos estados europeos, e como poder mellorarse de cara ao futuro, baixo a nosa mensaxe de “Rights4all” (dereitos para todos/as), e como preparar a nosa reacción diante dos futuros cambios no mundo do traballo, especialmente os que propugnan as institucións europeas (carta dos 5 presidentes).
• Acto aberto con intervencións previas de 5 persoas de distintos países (Bélxica, Francia, Alemaña, Italia e Euzkadi) arredor das reformas do mercado Laboral e o futuro da Unión con debate posterior entre asistentes.
• Reunións dos obradoiros dos grupos de traballo . A CIG participou no novo grupo “Resistencia 2.0: As novas realidades do traballo”.
Analizamos e debatemos sobre as consecuencias do mundo da dixitalización, a “uberización”, a industria 4.0 e a influencia que os avances científicos e tecnolóxicos están a ter no mundo do traballo. A aparición de plataformas como Google, Apple, Facebook, Amazon, Microsoft, Uber, AirBnB. Individualización no escaso emprego, precarización, ruptura das relacións laborais ao uso entre traballadores/as e empresas, falta de achegas á S.S., perigo das pensións públicas, desregulación de xornadas e horarios, dificultades de organización colectiva, dificultades para as organizacións sindicais á hora de defender a estes/as traballadores/as,....son algúns dos perigos que estamos a observar. E debemos artellar as nosas respostas, locais e máis globais, para facer fronte a estes procesos de destrución e precarización do emprego.
• Posta en común dos diferentes grupos de traballo.
• Programa de actividades para o vindeiro ano 2018 , e axenda común de loitas.
• Aprobación dun manifesto de apoio a Palestina e contra o anuncio feito público por Trump sobre a capitalidade de Israel en Xerusalén .
Quedamos emprazados para reunirnos de novo no mes de febreiro do vindeiro ano. A Coruña, 13 de decembro de 2018 Dpto. De Relacións Internacionais da CIG