A CIG defende na 44 Confederencia EUCOCO o dereito de autodeterminación do pobo saharauí
A CIG vén de participar, máis unha vez, na 44º Conferencia Internacional de Apoio e Solidariedade co Pobo Saharauí, celebrada en Madrid os pasados días 16 e 17 de novembro. Unha conferencia na que participaron diferentes representantes institucionais, tanto da Fronte Polisaria, como de grupos parlamentares europeos, estatais e de diferentes Comunidades Autónomas, ademais de países como Alxeria, Venezuela, Mozambique, Nepal ou Sudáfrica, concellos da rexión, organizacións e asociacións de apoio ao Sáhara, como Task Force, Fedissah, CEAS-Sáhara ou SOGAPS da Galiza, organizacións sindicais, e algunha activista saharauí, destacada pola súa loita en favor da causa saharauí e, moi especialmente, polos dereitos das súas mulleres.
Na sesión de apertura denunciouse o conflito que vén padecendo o pobo saharauí, desde hai máis de 43 anos. Incidiuse no papel “vergoñento” dos distintos gobernos do Estado Español que, logo da Marcha Verde e a ocupación do territorio do Sáhara Occidental por Marrocos, co tristemente famoso acordo do 1975, seguiu a desentenderse da súa ex colonia, e da súa responsabilidade como administradora, para deixar vía libre a Marrocos no proceso de ocupación e violación constante dos dereitos humanos coa poboación saharauí, pasando por riba das resolucións dos organismos internacionais ao respecto e, máis recentemente, das sentenzas do Propio Tribunal Europeo de Xustiza.
Denunciouse tamén que a propia UE incumpre as resolución das súas institucións e que sigue adiante co tratado comercial agrícola e pesqueiro entre a UE e Marrocos, malia as claras sentenzas e resolucións que ditaminan a ilegalidade de calquera tipo de acordo que afecte aos recursos naturais do Sáhara e non conte co parabén dos seus lexítimos representantes, o Frente Polisario.
Xunto a isto rexeitouse o papel que xogan especialmente os gobernos de España e Francia neste conflito, e o constante retraso en celebrar, tal e como está acordado, o Referendo de Autodeterminación a través do cal o Sáhara Occidental poida acadar, dunha vez por todas, a súa independencia como Estado, xa recoñecido, de facto, por outros estados ou pola propia organización de Estados Africanos, da que forma parte.
Presos nos cárceres marroquís
Sobre estes temas, así como sobre a situación da xente presa nos cárceres marroquís, a que están a pasar nos territorios ocupados e nos campamentos de refuxiados en Tindouf, ou o muro e minas implantados por Marrocos no seu territorio, traballouse na segunda parte da Conferencia, xa en grupos reducidos que se organizaron a través de diferentes obradoiros:
1º) Dereitos humanos. A situación que está a padecer a poboación do Sáhara Occidental é unha clara violación dos dereitos humanos que cumpre denunciar e poñerlle freo, tanto polas condicións precarias que padecen nos campamentos, como pola represión que sofren nos territorios ocupados e nos cárceres marroquís.
2º) Recursos Naturais. O proceso de colonización e ocupación ilegal de Marrocos está levando tamén a unha situación de explotación dos recursos naturais da RASD, da que é responsable Marrocos, pero tamén a propia UE, os estados e as empresas que negocian acordos sen contar coa representación lexítima do pobo saharauí.
3º) Político. É obvio que o problema do Sáhara Occidental non é un problema só de carácter humanitario, nin consecuencia de ningunha catástrofe, senón un problema político que ten que ver cos intereses económicos e xeoestratéxicos que exercen o imperialismo e colonialismo por parte Marrocos e as potencias que o apoian.
4º) Apoio ao desenvolvemento do Estado Saharauí. Diante desta situación, e para reforzar a resistencia do pobo saharauí, é necesario asentar e consolidar a RASD como Estado, dotándoa de recursos para que as súas institucións e os servizos públicos necesarios para a súa poboación poidan funcionar coa maior normalidade posíbel.
5º) Grupo de traballo de xuristas. Logo do excelente traballo levado a cabo polos/as xuristas que iniciaron o proceso que rematou nas últimas sentenzas do Tribunal de Xustiza Europeo, cumpre seguir adiante co mesmo e, ademais de esixir o cumprimento das mesmas, iniciar outras vías legais que reforcen a lexítima defensa do pobo saharauí do seu dereito de autodeterninación, e o respecto ao mesmo e aos seus recursos por parte do resto das institucións internacionais, gobernos e empresas.
6º) Grupo de traballo sindical. Este grupo, no que a CIG participou, reiterouse nas resolucións que xa tiña tomado no pasado mes de febreiro, nun encontro que tiveramos en Bruxelas, e que xa trasladaramos ás institucións europeas e aos diferentes grupos parlamentarios do Parlamento Europeo. E, sobre un guión da reunión e demandas que nos propuxeron desde a UGTSARIO, chegamos ás seguintes conclusións, que foron trasladadas ao Plenario da Conferencia:
- Segue sen se resolver o problema das pensións de traballadores/as saharauís que prestaron servizo en empresas españolas na época colonial. Quedouse en intensificar os contactos e xestións co actual goberno, para tratar de buscarlle unha solución definitiva e satisfactoria.
- Comprometémonos a colaborar coa UGTSARIO e co Frente Polisario, para facer respectar a soberanía da RASD sobre os seus recursos, tal e como marcan as últimas sentenzas, ben a nivel local, coas empresas implicadas, ben de xeito coordenado con acción e denuncias colectivos. Comezaremos por enviar a Resolución acordada, reiterando a que xa tomaramos en febreiro en Bruxelas, aos grupos parlamentarios do Parlamento Europeo, a Portavoces da Comisión de Comercio Internacional do Parlamento Europeo (INTA) e o seu Presidente, ao Presidente do Parlamento Europeo, á Alta Representante da UE para Asuntos Exteriores, Federica Mogherini, e ao responsable da Comisión de Comercio da CES.
- Comprometémonos a facilitar os contactos da UGTSARIO coas organización sindicais do norte de Europa.
- Nós fixemos a proposta de crear unha Rede Sindical de Solidariedade co Pobo Saharauí, como xa existe con outras causas, como a palestina. Iso facilitaría abrir a participación doutras organizacións sindicais que, ou ben xa fan actividades de colaboración co Sáhara, ou teñen interese en facelo, e así fuxir deste esquema que, ao noso xuízo, resulta algo pechado e intenta sempre circunscribirse ao ámbito da CES ou da CSI, a pesar de que, por máis que vimos insistindo niso, non acaban de posicionarse claramente e sen fisuras a favor das demandas do pobo saharauí, e freando as iniciativas que outras organizacións si estamos dispostas a levar a cabo.
- Pídeselle á UGTSARIO que elabore informes escritos sobre todas as situación violación de dereitos laborais e sindicais que poidan ser denunciadas no seo da OIT, para que poidamos facer uso deles na vindeira Conferencia Internacional.
- A UGTSARIO, traslada unha serie de necesidades materiais ás organizacións presentes, coa fin de pedir apoio e colaboración para poder desenvolver o seu traballo sindical e de formación.
Logo de expor en sesión plenaria as conclusións de cada un dos obradoiros, e escoitadas outras intervencións de representantes institucionais, deuse lugar á clausura da Conferencia e o emprazamento para levar a cabo os acordos tomados e atoparnos na seguinte convocatoria.