A CIG participa na 110 Conferencia Internacional da OIT, a primeira presencial tras da pandemia
Logo destes dous últimos anos de paréntese, pola pandemia, nos que un ano non se celebrou e o pasado fíxose de forma telemática, este ano retomáronse os traballos da Conferencia Internacional da OIT, de xeito presencial, en Xenebra, na que a CIG participou activamente. Desde o día 29 de maio, no que se celebrou a primeira reunión do Grupo de Traballadores/as, e até o día 9 de xuño, desenvolvéronse os traballos e debates nas distintas Comisións.
Nesta edición da Conferencia, a CIG participou na Comisión da Discusión Recorrente e Emprego na que se chegou a un documento consensuado, que será aprobado polo plenario, e que, aínda que non será preceptivo, deberá servir como referencia para os distintos axentes implicados nas materias que no mesmo se tratan.
En liñas xerais, o documento aborda toda a problemática existente en torno ao emprego, a súa evolución nos últimos anos, e a influencia do contexto actual na mesma: as distintas crises económicas, a COVID-19, as tensións xeopolíticas e conflitos armados, o aumento da inflación, a elevada carga da débeda, as interrupcións nas cadeas mundiais de subministro… Factores que teñen influído para o incremento das desigualdades entre os distintos grupos e países.
Abordouse a cuestión do emprego, no que ten a ver coa cantidade, pero tamén coa súa calidade (traballo “decente” na terminoloxía da OIT), do incremento da pobreza, incluso na xente con emprego, das distintas formas de discriminación no traballo, especialmente coas mulleres, de mercados de traballo máis inclusivos, da loita contra o alto nivel de informalidade en certas rexións do planeta, do incremento da precariedade, sobre a educación e formación laboral, sobre os efectos no emprego da dixitalización e o teletraballo, sobre as prestacións sociais, salarios dignos, mínimos e vitais ou sobre a transición xusta para unha economía e sociedade ambientalmente sostíbeis.
Isto xunto co debate arredor do diálogo social e a negociación colectiva; sobre o necesario aproveitamento dos últimos avances tecnolóxicos para mellorar as condicións de traballo, da saúde e seguridade no traballo; do fomento do sector público como importante axente xerador de emprego de calidade; da conciliación do traballo coa vida privada; das políticas de paz e resiliencia; do emprego no medio rural; da migración; do emprego xuvenil ou das persoas con diversidade funcional, entre outros.
En consonancia con todos estes aspectos abordouse tamén o debate sobre o papel que debe xogar a OIT e os gobernos, no que ten a ver co asesoramento, elaboración de estudos, avaliación e aprobación de normativas coherentes con estas liñas de actuación. O documento definitivo estará dispoñible na propia páxina web da OIT.
Encontros con diferentes organizacións sindicais
Durante os días que durou esta Conferencia, desde a CIG mantivéronse encontros con diferentes organizacións sindicais, especialmente con aquelas que xa ten a central sindical unha relación de amizade ou colaboración. E participou tamén en algunhas actividades que se realizaron paralelamente, durante eses días: Acto de Solidariedade con Palestina, Recepción da Embaixadora de España en Suíza para as persoas que participamos na Conferencia, acto de apoio a Lula, de cara á campaña electoral do Brasil, organizado pola CUT e outras.