A CIG participa na 108ª Conferencia Internacional do Traballo da OIT
A CIG está a participar na 108ª Conferencia Internacional do Traballo OIT que, como cada ano, se desenvolve no propio edificio da OIT e da ONU en Xenebra. Malia que a apertura oficial do encontro tivo o lugar 10 de xuño, as reunión e xornadas de traballo xa comezaron o día 9, e prolongaranse até o día 21.
A Conferencia Internacional do Traballo é o máximo órgano de decisión da OIT e este ano ten especial transcendencia por coincidir coa celebración do seu centenario, polo elevado número de persoas asistentes (até 5.000) en representación das distintas delegacións tripartitas (gobernos, empregadores/as e traballadores/as) dos 187 estados membros e outros axentes sociais, e tamén polos novos debates que é necesario enfrontar, especialmente no que respecta ao futuro do traballo e os trocos que pode causar a influencia das novas tecnoloxías.
Ademais, a conmemoración centenaria provoca que dentro do marco da Conferencia exista una “sección de alto nivel”, para recibir as visitas de máis de 40 Xefes de Estado e de Goberno, incluído o Secretario Xeral das Nacións Unidas, Antonio Gutérres, que intervirá o 21 de xuño ante os delegados e as delegadas.
Logo das reunión previas de preparación, nos vindeiros días debaterase nas distintas comisión os informes presentados polas comisión de expertos/as da OIT, as negociacións de novos convenios e outra serie de actividades, ben dentro do marco da OIT, ou dalgunhas organización que participan na Conferencia.
O futuro do traballo
Nesta ocasión, o tema central da Conferencia versa sobre o futuro do traballo no mundo, ao que se lle dedicará boa parte dos foros e conferencias, logo dos debates que xa se deron nos ámbitos máis locais, e tomando como referencia o informe da Comisión Mundial sobre o Futuro do Traballo.
Como cada ano, seguirá reuníndose a Comisión de Aplicación de Normas, que ten como cometido facer un seguimento do nivel de cumprimento dos distintos Convenios da OIT por parte dos Estados que os teñen ratificado. Utilízase como base o Informe de Aplicación de Convenios e Recomendacións e logo dunha lista previa de países que se entende que incumpren algún dos convenios da OIT,c concluíuse unha lista definitiva de 24 países que serán os que se sometan a debate da Comisión.
Tamén se procederá nesta Comisión ao debate e aprobación do informe da 13ª reunión da CEART, sobre a situación do persoal docente en todo o mundo; e do informe sobre Protección social universal para a Dignidade Humana, a xustiza social e o desenvolvemento sostíbel.
Reunirase a Comisión normativa sobre a violencia e o acoso no mundo do traballo, con varios informes e emendas a tratar, e haberá comisións de carácter máis técnico sobre cuestións financeiras, proposicións, verificación de poderes. Ao tempo a Comisión Plenaria considerará unha declaración do centenario que deberá adoptar a Conferencia.
Pola súa banda, a CIG, aproveitando a presenza de organizacións sindicais de todo o mundo, para manter contactos con estas e participar en reunións e foros dos que habitualmente tomamos parte, como a Confederación Sindical dos Países de Lingua Portuguesa (CSPLP) que se reunirá nesta semana.
Celebracións do centenario da OIT
A celebración do centenario non se restrinxe só á Conferencia, pois ademais dos actos xa realizados previamente en diferentes lugares, haberá outros eventos, como o que terá lugar en París, do 26 ao 28 de xuño, cidade onde fora asinado o 28 de xuño de 1919 o Tratado de Versalles. Este acordo que puxo fin á Primeira Guerra Mundial e ao seu abeiro naceron organismos internacionais multilaterais como a OIT. Tamén haberá una semana dedicada á Protección Social, na propia sede da OIT de Xenebra, do 24 ao 29 de novembro de 2019.
Ademais dos temas xa comentados sobre o futuro do traballo, a OIT vén de divulgar una serie de iniciativas a pó en marcha polo seu centenario arredor as seguintes problemáticas: para poñer fin á pobreza; unha iniciativa sobre a situación das mulleres no mundo do traballo; ou unha iniciativa verde, que aspire a ampliar os coñecementos, as respostas políticas e as capacidades da OIT coa fin de acadar una transición xusta cara un futuro sostíbel.
Outras das propostas refírense ás normas, tratando de mellorar a súa pertinencia; ás empresas e á colaboración coa OIT cara a unha mellor organización e formación; e sobre a gobernanza, co obxectivo de completar a reforma das propias estruturas de gobernanza da OIT, logo da correspondente avaliación.