A CIG participa dos actos do 70 aniversario do asalto aos cuarteis de Moncada e Carlos Manuel Céspedes
O mércores 26 de xullo celebrouse en Vigo, diante do diante do monumento a José Martí, o 70 aniversario do asalto aos cuarteis militares da ditadura de Fulgencio Batista, o Moncada en Santiago de Cuba e Carlos Manuel de Céspedes en Bayamo, por un pequeno grupo de mozos e mozas rebeldes, encabezados por Fidel Castro Ruz.
Unha data clave que, a pesar de non rematar de xeito triunfal, abriu o camiño do proceso revolucionario en Cuba, pola súa soberanía e o socialismo. A CIG, participou deste evento, convidado polo Consulado de Cuba e a Asociación de Amizade Galego-Cubana "Francisco Villamil".
Coa presenza de representantes de diferentes organizacións, autoridades, como o cónsul de Venezuela, e a participación de figuras destacadas da poesía, e logo das intervencións da presidente da asociación, Erea del Río Iglesias, e da cónsul de Cuba en Galiza, Ingrid Izquierdo, clausurouse o acto coa lectura dun manifesto subscrito por varias organizacións, entre as que está a CIG.
Neste manifesto denúnciase e condénase o bloqueo económico, comercial e financeiro decretado contra Cuba e que se mantén dende hai 62 anos como eixo central da política dos Estados Unidos de Norteamérica para a illa. Nesta liña, rexéitase o réxime de sancións arbitrarias e ilegais, e a extraterritorialidade de normas xurídicas que impón EUA ao resto de países servís, como os da Unión Europea, en renuncia fragrante da súa propia soberanía.
No texto rexéitase tamén a catalogación de Cuba como “estado patrocinador do terrorismo” e reclámase a devolución dos territorios cubanos ocupados ilegalmente por Estados Unidos na baía de Guantánamo, o peche do infame campo de concentración e torturas alí establecido pola CIA e da base militar norteamericana.