A CIG participa dos actos de solidariedade con Cuba realizados na Habana arredor do 1º de Maio
Diante de difícil situación pola que está a pasar o pobo cubano polas inxustas restricións ás que o ten sometido o imperialismo, a CIG valorou que, máis que nunca, era precisa a presenza neste 1º de Maio como clara mostra de solidariedade e para poder manifestar o total apoio. Unha vez máis a CIG sumouse ás denuncias das múltiples inxerencias e bloqueos que lle impiden exercer con liberdade a súa plena soberanía, e participou activamente en todos os movementos de solidariedade, amizade e axuda ao pobo cubano.
Convidada pola CTC, a CIG asistiu a todas as actividades que tradicionalmente se realizan nestas datas:
- Visita e encontro cos traballadores e traballadoras de Correos de Cuba, EAG (Empresa de Aseguramiento General). Logo dun percorrido polas instalacións do centro, as explicacións oportunas, e unha pequena festa de convivencia, participamos nunha asemblea, con distintas intervencións e debates.
- Visita ao “Centro Fidel Castro Ruz”. Un centro de recente creación e de novos recursos técnicos para coñecer, de forma interactiva, a traxectoria de Fidel e a revolución que encabezou, xunto a outros importantes personaxes.
- Visita ao “Centro da Denuncia”, tamén de recente creación, que lembra a documenta todos os atentados e agresións que leva sufrido o réxime cubano e o seu pobo, especialmente polo goberno dos EEUU:, e que teñen causado 3.478 vítimas mortais, con 581 accións terroristas contra sedes e persoal cubano no estranxeiro, 14.000 nenos e nenas cubanos separados dos seus pais e nais, vítimas de operacións terroristas, e 98 aeronaves secuestradas, delas 34 de pasaxeiros. Chama a atención que o país máis solidario do mundo e que aposta claramente pola paz siga aínda incluído nunha lista de países patrocinadores do terrorismo, precisamente porque así o ten decidido o imperio máis belicista e terrorista, o que promove guerras en todos os recunchos do mundo, o que apoia o estado sionista de Israel, que leva anos masacrando ao pobo palestino e que agora está cometendo un xenocidio sobre el.
- Encontros e cambio de impresións con responsábeis da CTC, especialmente con Milexsy Guizado, responsábel de Relacións con Europa, Ismael Drullet, responsábel de Relacións Internacionais, e Isdalis Rodríguez, Segunda Secretaria da CTC e Deputada da Asemblea Nacional.
Hai que resaltar, unha vez máis, todas as atencións que prestadas durante a estancia, non só estas persoas responsábeis, senón outras compañeiras e compañeiros da CTC que brindaron á representación da CIG un trato de amizade e organizaron con rigor e eficacia todos os aspectos loxísticos para coordinar ás aproximadamente 1.300 persoas que formaban parte das delegacións de diferentes países.
1º de Maio: “Por Cuba, xuntos creamos”
As carencias e restricións, especialmente a falla de combustible, impediron de novo que se puidera celebrar a tradicional marcha na Praza da Revolución. Ese tipo de mobilización require un movemento importantísimo de transporte colectivo que non se pode afrontar nas circunstancias actuais. É por iso que se optou, o mesmo que o ano pasado, por facer manifestacións e concentracións en todas as cidades e vilas do país. Segundo se informou, houbo máis de 200 convocatorias, e calcúlase que máis de 4 millóns de persoas participaron desta xornada que se desenvolveu baixo o lema “Por Cuba, xuntos creamos”.
A representación da CIG participou no acto que se celebrou no Malecón da Habana, diante da Tribuna Anti-imperialista, con máis de 200 mil traballadores e traballadoras que xa enchían as rúas de arredor desde a madrugada, até ás 7 de mañá, que comezou o acto principal, coa presenza do Presidente da República, Miguel Díaz-Canel Bermúdez, de Raúl Castro Ruz, e outros membros do buró político. O acto comezou co himno de Cuba e, logo de diversas actuacións musicais e a intervención dunha representante dos xuventudes traballadoras, foi clausurado polo Secretario Xeral, Ulises Guilarte de Nacimiento, concluíndo coa interpretación da Internacional.
Encontro internacional de solidariedade con Cuba
O 2 de maio, como vén sendo tradicional, celebrouse no Pazo de Convencións da Habana, o Encontro Internacional de Solidariedade con Cuba, tamén coa presenza e intervención do Presidente, Miguel Díaz-Canel, e outras personalidades, como o Secretario Xeral da CTC, Ulises Guilarte, ou o Presidente do Instituto Cubano de Amizade cos Pobos (ICAP), Fernando González.
Entre as sesións en plenario de apertura e de clausura celebráronse tres Comisións de Traballo. A CIG participou e interviu na que afrontou o debate sobre os retos futuros do sindicalismo, coa presenza de 347 delegacións de 22 países. A central galega trasladou a solidariedade co pobo cubano e, logo de facer unha breve análise da situación política e social a nivel mundial, do incremento da precariedade, do papel que vén xogando o sindicalismo nos últimos anos, do avance do fascismo e o militarismo, de denunciar o xenocidio do pobo palestino polo goberno sionista de Israel, das consecuencias que está a traer a guerra propiciada pola OTAN en Ucraína (e o retroceso ideolóxico da esquerda europea política e social), do neocolonialismo, e das posibilidades que se puideran abrir, diante dun mundo multipolar, exixuse, unha vez máis, o levantamento do criminal e ilegal bloqueo contra Cuba, por parte dos EEUU e os seus lacaios europeos, e a inmediata exclusión de Cuba da lista de países patrocinadores do terrorismo.
A Habana, 5 de maio de 2024
Dpto. de Relacións Internacionais da CIG