A CIG participa como convidada no X Congreso da CGT de Colombia
Durante a pasada semana, desenvolveuse en Bogotá o X Congreso da Confederación General del Trabajo (CGT) de Colombia, baixo o lema “Polos Dereitos da Xente”, no que a CIG participou como organización convidada. No proceso saíu reelixido como presidente da CGT Julio Roberto Gómez Esguerra.
Os actos do congreso comezaran o día 10 e continuaron entre os días 11 e 14 de setembro, coa participación de 760 delegados/as oficiais, en representación dos sindicatos de primeiro grao e as federacións filiais, o Gobernador de Nariño, Camilo Romero, o Presidente da Confederación de Consumidores de Colombia, Ariel Armel arenas, Jorge Enrique Bedoya, pola Sociedade de Agricultores de Colombia, o Presidente da CTC, Miguel Morantes, e un importante número de representantes de organizacións sindicais, principalmente de América Latina, pero tamén de Europa (Bélxica, Estado español e Galiza), e de Turquía.
Ocupou un lugar destacado a representación da Alternativa Democrática Sindical das Américas (ADS), a cargo Nilton Souza da Silva. A ADS é unha Federación sindical de recente creación e integrada por 25 organizacións sindicais de América Latina, logo de que algunhas delas decidiran saírse da CSA, Confederación Sindical das Américas, pasado o seu último congreso.
Problemática das comunidades indíxenas
No primeiro 11 celebrouse un encontro nacional agroindustrial, campesiño e artesanal, coas comunidades indíxenas e negras (coa ausencia notábel do Ministro de Agricultura, Andrés Valencia Pinzón, aínda que a súa presenza constaba no programa). Este sector supón una altísima porcentaxe do mercado laboral en Colombia e da afiliación da CGT, cunha grande “informalidade” e problemas por resolver que centraron as demandas das comunidades presentes, como o inxusto reparto das terras e a necesidade dunha Reforma Agraria Integral. Hai que ter en conta que Colombia é, despois do Brasil, o país cun maior número de comunidades indíxenas recoñecidas no mundo.
O día 12 tivo lugar o acto oficial de apertura do X Congreso, centrado nas intervencións do presidente da CGT, Julio Roberto Gómez e do novo presidente da República de Colombia, Iván Duque.
Retos de futuro do sindicato
O responsábel do sindicato manifestou as súas boas expectativas e desexos para o futuro con respecto ao novo goberno e, en especial, ao labor da súa Ministra de Traballo, Alicia Arango -quen tamén estivo presente no congreso- e emprazou os presentes a que aborden os principais problemas que deben afrontar no mundo laboral: o desemprego, a alta taxa de informalidade, a terceirización laboral, a crise do Sistema de Seguridade Social, a problemática específica das comunidades campesiñas, o empobrecemento das comunidades negras, indíxenas e raizales e, por suposto, as ameazas contra as liberdades sindicais nun país no que, xa de por si, é difícil exercer o sindicalismo, poñendo en risco a propia vida e cun elevado índice de asasinatos de sindicalistas.
Apostou polo diálogo social, emprazou o goberno a que a Comisión Permanente de Concertación de Políticas Salariais e Laborais (CPCPSL) sexa permanente e que abordara os temas que realmente afectan á clase traballadora de Colombia, e ligando os procesos aos consellos da propia OIT. E, logo de alertar sobre a necesidade de revisar os Tratados de Libre Comercio, no final da súa intervención, fixo un chamamento a apostar polo proceso de paz, apoiando o actual acordo coas FARC e animando a buscalo tamén co ELN, fuxindo dunha vez do actual clima de polarización e violencia que está impedindo avanzar no camiño de facer de Colombia un dos países máis desenvolvidos da rexión.
Intervención do presidente da República
Pola súa parte, o presidente da República, Iván Duque, fixo un discurso de boas verbas e boas intencións, como se aínda estivera en campaña e coa clara intención de agradar ás persoas asistentes, pero pouco convincente, tendo en conta as primeiras medidas anunciadas polo seu goberno en materia laboral e fiscal, a súa clara orientación ideolóxica neoliberal e a orixe da súa traxectoria política, da man do ex presidente Uribe, que non se caracterizou, precisamente, pola súa capacidade de diálogo para a paz, nin polo seu espírito democrático, nin polas súas políticas sociais.
Falou do diálogo social, que dixo, debe exercerse con "lealdade, honestidade, confianza mutua e fraternidade". Anunciou a súa presenza na CPCPSL que terá lugar en outubro, como mostra de compromiso. Falou dos cambios que a revolución tecnolóxica están a producir no mundo do traballo, e do “fracaso, tanto das políticas neoliberais, que o deixan todo ao mercado, como das políticas socialistas que cren que o estado o pode todo”. Ao tempo defendeu un proceso no que “o desenvolvemento empresarial vaia da man da mellora das condicións laborais, do mesmo xeito que as causas obreiras non se poden desenvolver de xeito que afecten ao capital”.
Sen medidas concretas
A palabra que máis veces apareceu no seu discurso (tamén no da Ministra de Traballo) foi a de “equidade”, coma se empregadores/as e traballadores/as partiran da mesma situación na concertación social. No pouco que concretou, xa deixou ver como entende as políticas de creación de emprego, pois fixo referencia á rebaixa de impostos ás empresas, para que estas formalicen o emprego.
Tamén comprometeu accións contra a corrupción, na defensa dos servizos públicos como a educación e a sanidade (ese mesmo día estaba manifestándose na rúa o estudantado por unha universidade pública de calidade), o compromiso de non privatizar Ecopetrol, o apoio ao campo con créditos brandos, a promoción de inversión privada con beneficios tributarios por 10 anos, a redución de gastos do Estado, e a abordaxe do problema dos subsidios que, na súa opinión, estanse indo ás pensións de maiores ingresos neste intre e cómpre un reparto máis equitativo.
Adicou un apartado especial ao necesario proceso de paz coas FARC, co seu compromiso de apoiar a reinserción, a erradicación de cultivos ilícitos se hai cordos voluntarios, a inversión nas zonas afectadas pola violencia, e a volta ás negociacións co ELN "se esta organización pon fin á violencia e aos secuestros".
Tamén adicou una mención especial (como se fixo noutras intervencións ao longo do congreso) a Venezuela, abrindo as portas as persoas migrantes daquel país e criticando duramente o seu goberno cualificándoo como 'antidemocrático'.
A reacción dos e das asistentes do congreso ao discurso do Presidente foron maioritariamente respectuosas e optimistas, cunha boa acollida, esperanzados/as de que, se se cumpre cando menos unha pequena porcentaxe do prometido, xa se darían por satisfeitos/as. Mais, non faltaron as voces críticas que viron nas súas palabras falsas promesas, pouca concreción, e bastante incoherencia coa composición do seu goberno e algunhas das medidas anunciadas por algún dos seus ministros.
Paneis e debates no congreso
As outras xornadas desenvolvéronse con distintos paneis de debate e conferencias, sobre “A Corrupción e os seus impactos no desenvolvemento”, por César Ferrari Quine; “O Diálogo Social” con representantes do goberno (a ministra de Traballo), sindicais (CGT e CSC de Bélxica) , empresariais (ANDI); “Os partidos e as loitas sociais en Colombia”, por Alonso Tobón; “A Terceirización Laboral e Protección Social” (Asocajas, Acopi, Minsalud, Andi, CGT); o “Novo modelo de desenvolvemento” (Gloria Becerra, CGT, Universidade Nacional, Confecoop, Ministro de Facenda); e “A CGT de cara ao futuro”.
Con todo isto, e as intervencións das delegacións convidadas, entre as que estivo a da CIG, rematou o Congreso coa elección do novo Comité Executivo de 45 membros, mais 15 suplentes, ao que, finalmente, só concorreu unha lista, e a reelección de Julio Roberto como presidente e Miryam como secretaria xeral.
Na Coruña, a 10 de setembro de 2018.
Dpto. de Relacións Internacionais CIG.