A CIG participa activamente, organizando varios seminarios, na XII edición do Foro Social Mundial en Montreal
O obxectivo deste Foro é compartir, entre as organizacións participantes e milleiros de cidadáns e cidadás, as alternativas que se están a desenvolver a nivel local, para construír comunidades máis solidarias e respectuosas coa humanidade e os límites do planeta, superar as divisións entre norte-sur e fomentar unha dinámica positiva de cambio, desenvolvendo a solidariedade internacional, a xustiza social e ambiental a economía social, a democracia participativa e o recoñecemento da igualdade da dignidade de todos e todas. Como dita a máxima deste Foro, “para construír outro mundo”.
Logo do acto de apertura e a tradicional marcha, na que tamén participou a CIG, durante estes días desenvolveuse un amplísimo programa con xornadas e actividades como Obradoiros, Asembleas de Converxencia para a acción, conferencias, ágora de iniciativas, espazos temáticos, foros paralelos, actividades autoxestionadas, actividades culturais, exposicións ou documentais, entre outras. Actividades agrupadas en 13 grandes temas:
1.- Alternativas económicas, sociais e solidarias fronte á crise capitalista.
2.- Democratización do coñecemento e o dereito á comunicación.
3.- Cultura da paz e loita pola xustiza e a desmilitarización.
4.- Descolonización e autodeterminación dos pobos.
5.- Defensa dos dereitos da natureza e xustiza medioambiental.
6.- Loitas globais e solidariedade internacional.
7.- Dereitos humanos e sociais , dignidade e loita contra as desigualdades.
8.- Loitas contra o racismo, a xenofobia, o patriarcado e os fundamentalismos.
9.- Loita contra a ditadura das finanzas e polo intercambio dos recursos.
10.- Migracións e cidadanía sen fronteiras.
11.- Democracia, movementos sociais e civís..
12.- O mundo do traballo fronte ao neoliberalismo.
13.- Expresións culturais, artísticas e filosóficas para outro mundo posible.
Todas estas actividades eran abertas e agrupáronse polos chamados “barrios”, correspondentes coas temáticas. A maior parte das actividades nas que a CIG participou estaban enmarcadas, obviamente, no “Barrio Obreiro”, aínda que tamén participou noutras de distintas áreas.
A CIG organizou varios obradoiros dentro do Foro Social Mundial, xunto con outras organizacións sindicais:
- “O Sáhara Occidental: un pobo en loita desde hai máis de 40 anos” , en colaboración con ELA, de Euskadi, a CSN, do Québec e a CUT do Brasil. Un obradoiro no que se opinou sobre o conflito, os programas de solidariedade que desde Galiza levamos desenvolvido, dándolle o protagonismo á xente da UGTSARIO para que explicaran polo miúdo a súa situación e demandaran un maior apoio por parte das organizacións e persoas alí presentes. Todo isto, a pesar dalgunhas persoas que asistiron ao seminario coa clara intención de boicotealo, apoiadas polo goberno de Marrocos.
- “A loita da clase obreira palestina e o movemento mundial de solidariedade con Palestina”, organizada conxuntamente con ELA, CSN, PPSWU, CUT do Brasil, e Union Syndicale Solidaires. Falouse da actual situación da poboación palestina e a situación laboral, tanto nos territorios ocupados, como no territorio de Israel. Denunciouse o reiterado incumprimento por parte de Israel dos tratados e Resolucións Internacionais, e buscáronse puntos de confluencia para organizar actos de protesta a nivel internacional (haberá un Seminario Sindical de Solidariedade con Palestina os días 18 e 19 de outubro en Bruxelas).
- Participación nunha Mesa Redonda sobre “O dereito de autodeterminación dos pobos”, con representantes de Palestina, do Sáhara Occidental, de Catalunya, do Québec e de Galiza (que representou a CIG).
Entre as actividades programadas das que a CIG formou parte –aínda que tamén participou noutras- salientan:
- “Organizar aos/ás traballadores/as migrantes a través das fronteiras. Estratexias sindicais”.
- “A renovación sindical e comités da xuventude. Unha perspectiva internacional”.
- “ Sindicatos e acordos comerciais”
- “Os pobos e o planeta antes que o lucro”.
- “Mercantilización e o acceso aos servizos públicos e a loita a austeridade”.
Manifestación contra a explotación salvaxe de terras
A CIG tamén participou nunca manifestación que se levou a cabo contra unha multinacional canadense que está levando a cabo unha explotación salvaxe de terras betuminosas para a extracción de cru, que pretende atravesar de oeste a leste todo o país cun oleoducto (que atravesaría toda a franxa habitada do Québec), coas consecuencias ambientais, para a saúde e económicas da poboación e o entorno. Aínda por riba, dous traballadores acababan de morrer en accidente laboral.
Máis alá destes debates e actividades, o FSM tamén serviu como medio de contacto con outras causas e organizacións, coas que a central sindical puido intercambiar información e solidariedade, e dar a coñecer a CIG, o noso país e a nosa situación no resto do mundo.