A CIG pacta unha mellora das condicións laborais na recollida de lixo do Porriño
A CIG vén de pactar unha mellora das condicións laborais para todo o persoal do servizo de recollida de residuos sólidos urbanos do Concello do Porriño que supera o contido do convenio estatal de limpeza pública que aplica a empresa concesionaria, Servicios dos Concellos Galegos.
Trátase da segunda ocasión na que a central sindical logra melloras por riba do acordo estatal dende que esta compañía se fixo cargo do servizo. Nesta ocasión estableceuse un incremento salarial do 4,8% en cada un dos dous anos de duración do acordo (2023 e 2024). Unha parte desta porcentaxe corresponde ao establecemento de media paga extra máis, pasando das dúas e media actuais a tres e á equiparación do plus de transporte entre as categorías de peón e de condutor/a.
Ademais, pactouse o cobro do 100% do salario en caso de incapacidade temporal, sexa por enfermidade común ou profesional; un día de asuntos propios cada trimestre; e que o traballo en domingo e festivo será compensado cun día de descanso e coa correspondente retribución económica. As partes acordaron tamén que no mes de outubro de 2024 iniciaranse as negociacións para dotar a este centro de traballo dun convenio colectivo propio, tal e como explica Pedro Pérez, da CIG-Servizos.
Pola súa banda, dende a representación sindical de Servicios dos Concellos Galegos (un delegado de persoal da CIG) valoran moi positivamente un acordo que permitirá mellorar as condicións laborais dos 14 traballadores/as da recollida do lixo do Porriño.