A CIG recoñece a loita pola igualdade das traballadoras da concesionaria da limpeza da Xunta co Premio "8 de Marzo"
A CIG recoñeceu co Premio “8 de Marzo” a loita das traballadoras de Grupo Norte, concesionaria do servizo de limpeza da Xunta de Galiza, que conseguiron a equiparación das súas condicións salariais tras meses e meses de mobilizacións denunciando a negativa da empresa a recoñecerlles o dereito a acceder, en igualdade de condicións que os seus compañeiros, á categoría de peoas especialistas, polo feito de ser mulleres.
Unha discriminación na clasificación profesional que, como lembrou no acto de entrega do premio a secretaria das Mulleres, Margarida Corral “conlevaba fenda salarial, tanto no salario base como nos pluses”, co agravante de que “isto aconteceu nunha subcontrata do servizo de limpeza da Xunta de Galiza, sen que desde a administración se dese paso algún para rematar coa desigualdade”.
Por iso Corral considerou que “é tan importante recoñecer e salientar” a súa loita, porque foi precisamente así como “foron quen de acadar o que en xustiza lles correspondía”.
Folga de Mulleres
Dáse a casualidade de que as mobilizacións destas traballadoras comezaron xusto despois da folga convocada o 8 de Marzo de 2018. Un acontecemento histórico que lembrou a secretaria das Mulleres da CIG, porque foi a primeira vez na que a central sindical convocou unha folga de mulleres, no marco do Paro Internacional que reuniu a milleiros en todo o mundo, e que “consolidamos e mesmo fomos quen de superar este ano, coa histórica xornada do pasado 8 de marzo, nesa folga de mulleres de 24 horas que encheu as rúas da Galiza, que fixo tremer o espazo público, desbordándoo de mulleres bravas e combativas que participaban en piquetes informativos, en concentracións e mobilizacións”.
Corral lembrou ás “antergas, nas revoltas e mobilizacións de mulleres que hai máis de cen anos percorrían o país de Oseira a Nebra, de Narón a Sofán e Sobredo, nos motíns de subsistencia e os tumultos convocados o século pasado na Galiza por mulleres contra a suba de prezos nos alimentos e produtos básicos, nas labregas enfrontadas aos caciques e á garda civil, neses mitins e manifestacións de mulleres das clases populares do país que percorreron as rúas galegas, tantas veces esquecidas, neste país colonizado, e que deben ser todo un referente de autoorganización e de loita polos nosos dereitos”.
A secretaria das Mulleres interpelou ademais aos “os propios homes” para que “se cuestionen os comportamentos que dan orixe ás discriminacións, ao acoso, á violencia” que se denunciaron nas rúas o pasado 8M. Mais estendeu ese chamamento a toda a sociedade galega, para que “identifique as consecuencias que para as traballadoras teñen as medidas postas en marcha polos gobernos e pola patronal; para desenmascarar a súa hipocrisía, imposibilitando o dereito á folga en multitude de empresas, impoñendo uns servizos mínimos totalmente abusivos nos sectores feminizados da administración, negando ou maquillando as discriminacións”.
O foco nos coidados
Xunto a isto subliñou que esta folga serviu tamén para poñer o foco de atención “na necesidade de que os coidados deben ter outro valor social”, e para “visibilizar o importante papel que desempeñamos as mulleres na sociedade mais que soe pasar totalmente desapercibido”.
Corral denunciou que malia as denuncias do feminismo de clase, un ano despois da convocatoria de 2018 houbo que saír novamente ás rúas porque “aínda non se abriu proceso algún que levase a mudanzas concretas, nin se recolleron as reivindicacións e demandas para que as mulleres teñamos vidas dignas, nin por parte do goberno galego nin do goberno do estado”.
Rearme do patriarcado
Fronte a isto, denunciou o rearme do patriarcado nas institucións nas que ostenta o seu poder. A este respecto asegurou que “as mulleres fomos aldraxadas con sentenzas machistas que espallaron a sensación de impunidade e multiplicaron as agresións” e alertou de que “asistimos a cuestionamentos públicos por parte da dereita máis reaccionaria contra as lexislacións de igualdade, negando a existencia dos feminicidios, atacando novamente os nosos dereitos reprodutivos -non só negando o dereito ao aborto, senón mesmo propoñendo unha lei de maternidade que retrase a expulsión das mulleres sen papeis se dan ás súas crianzas en adopción-, cuestionando o dereito ás pensións públicas ou negando a fenda salarial".
En canto ao goberno do Estado, lembrou que tivo 9 meses para derrogar as reformas laborais, a LOMCE ou a reforma das pensións, “para modificar aspectos da lei contra a violencia machista e da lei de igualdade dirixidos a garantir a protección e os dereitos das mulleres” e denunciou que, porén, tan só publicou un Real Decreto ás vésperas do 8 de marzo, “nun claro xiro eleitoralista, limitándose a equipar os permisos parentais para todas as persoas proxenitoras”.
Lembrou que durante estas últimas semanas “puidemos comprobar a hipocrisía que se agocha arredor do 8 de marzo, por parte de quen nos felicita ese día, de quen pon en marcha campañas ou aproba protocolos, plans de igualdade, compromisos ou declaracións de intencións baleiras de contido, e ao mesmo tempo ataca frontalmente os nosos dereitos”. Unha hipocrisía que estendeu tamén a “quen pon na solapa da chaqueta lazos lilas”e a quen programa “actos lúdicos en xornadas reivindicativas, desposuíndo a xornada do seu carácter de denuncia, pretendendo facer nela unha data de celebración”.
Mulleres combativas
Advertiu de que ao poder non lle interesa a existencia de mulleres organizadas que manteñan unha actitude combativa e de confronto aos poderes económicos, “contra quen nos explota como clase, nos discrimina por sermos mulleres e nos oprime por formar parte da nosa nación” e denunciou que ao sistema o que lle interesa é “homoxeneizar o discurso”, ritualizando o 8 de marzo “para que quede nunha data festiva, mais carente de discurso crítico contra o capitalismo e contra o patriarcado”.