Premio “8 de Marzo” para María López pola súa loita contra os abusos laborais en Mercadona
María López Alejos, que destapou as condicións laborais e a vulneración da liberdade sindical en Mercadona recibiu, este venres, o Premio “8 de Marzo” por ser, segundo a describiu a secretaria das Mulleres da CIG, Margarida Corral, “unha muller valente que, desde o inicio denunciou que Mercadona é unha empresa cun marcado carácter sectario, onde existe unha falta total de liberdade e onde predomina a cultura do medo”.
Cun aplauso unánime das persoas asistentes ao acto de entrega dos Premios 8 de marzo, recibiu María López o recoñecemento da CIG por “non dubidar en ningún momento en exercer os seus dereitos como traballadora, defender ás súas compañeiras fronte os abusos da dirección da empresa, en facer sindicalismo, en formar parte dun modelo sindical como o da CIG, aínda sendo consciente das consecuencias que isto puidera ter para ela. Porque mulleres como María fan grande a este gran proxecto que é a CIG”.
E é que, tal e como lembrou Corral, María padeceu desde o ano 2010, durante preto de catro anos, unha situación de persecución constante, deixaron de pagarlle a prima durante varios anos, mesmo tentaron orquestralle un despedimento. “Mais é unha muller teimuda, que non dubidou en manter unha actividade sindical aberta e clara, aínda non estando no comité. Cuestión que acadou no ano 2014”.
Por todo isto e por ser quen de dar unha resposta de clase ao abuso da patronal, a central sindical considerouna sobradamente merecedora dun premio que xa vai pola súa X Edición e que ten como obxectivo visibilizar ás “mulleres bravas” que desde o sindicalismo demostran que “a dignidade non ten prezo”.
Mención especial a Nélida Pisco
Tamén pola súa teimosía na defensa da súa dignidade e dos seus dereitos como traballadora e como nai recibiu Nélida Pisco unha mención especial nesta edición. A súa loita polo dereito a conciliar a vida laboral e familiar, nun sector tan masculinizado como o do transporte de pasaxeiros, xa fora merecedora do Premio 8 de Marzo en 2011.
Porén, e tras 8 anos de aturar o acoso reiterado da empresa, a súa loita volveu saír á luz a finais do pasado ano, cando Hedegasa (Autobuses de Calo) a despedía, máis unha vez, tras a DXT retirarlle todos os seus permisos de conducir a petición da empresa, alegando que supoñía un risco para a seguridade da condución e dos pasaxeiros. Unha decisión que Tráfico adoptou sen comprobar, sequera, a veracidade desa acusación.
Dela, que tamén foi ovacionada polas persoas asistentes pola súa coraxe, lembrou a secretaria da Mulleres da CIG, que foi utilizada no seu momento como “un produto vendíbel” para Autobuses de Calo amosar as virtudes dunha empresa que contrata a mulleres para realizar o transporte urbano, mais contra quen non tivo reparo en exercer contra ela “terrorismo patronal” cando exerceu os seus dereitos laborais como nai traballadora.
8 de Marzo, Día da Muller “Traballadora”
Por estes e outros casos dos que Margarida Corral deu conta na súa intervención, a secretaria das Mulleres da CIG subliñou que “non renunciamos ao emprego do adxectivo traballadora” acompañando, no 8 de marzo, a conmemoración do Día da Muller “Traballadora”.
Porque é “unha data reivindicativa e de combate na que as mulleres de todo o mundo facemos balance dos logros acadados, analizamos a situación actual e identificamos as inxustizas e desigualdades que aínda sufrimos as mulleres polo simple feito de selo”.
Unha data que conmemora esa loita e que foi, ao seu entender, “desvirtualizada”, pero á que as mulleres da CIG “non renunciamos” para evitar que pase a ser unha outra data “rutineira” do calendario. “A teimuda realidade que nós vivimos cada día obriga a que fagamos do 8 de Marzo unha reivindicación constante e permanente”.
Igualdade, para que?
Corral lembrou que, de xeito intencionado, as mulleres da CIG escolleron o lema de “Igualdade, para que?”, para a campaña arredor da que a central sindical desenvolve as súas reivindicacións deste 8 de Marzo. Para convidar a facer unha reflexión crítica respecto da utilidade das políticas impostas polos gobernos desde o inicio da crise e do impacto que estas tiveron na situación das mulleres.
“Levamos anos denunciando que aquelas mulleres que foron quen de saír do desemprego fixérono en condicións precarias, en ocupacións flexíbeis e informais, con contratos a tempo parcial e/ou temporais, subcontratas ou mesmo empregos que carecen de protección social”, denunciou.
As mulleres non queríamos igualarnos en precariedade
Subliñou que, lonxe de avanzar na mellora das condicións laborais e salariais, toda a suposta equiparación que houbo entre homes e mulleres traballadoras foi pola perda de dereitos do colectivo masculino e concluíu que “esta non é a igualdade que queríamos as mulleres. Non queríamos igualarnos en precariedade. Cando exixíamos os mesmos salarios ca os homes non pretendíamos obter unha rebaixa dos seus, se non obter os mesmos dereitos que eles a priori conseguiran”.
A secretaria das Mulleres da CIG denunciou tamén os retrocesos padecidos durante estes anos por mor das políticas ultraconservadoras postas en marcha nos anos da crise e que “a actual situación da muller no mercado de traballo, non só non é boa se non que é resultado dos recortes en servizos sociais, sanidade e educación, das nefastas reformas laborais e de pensións e da redución dos fondos públicos destinados ás políticas de igualdade e atención ás vítimas e violencia machista”.